Saliento da actividade política de onte, a aprobación no Parlamento
de Galicia cunha proposición non de lei do Grupo Popular, que foi
transaccionada co Grupo Socialista, a través da que se demanda ao Goberno
central que ratifique a data comprometida de finalización das obras do AVE a
Galicia, co obxectivo que estea funcionando en probas no ano 2019, tal e como
tiña comprometido o anterior Executivo estatal.
Ademais, demanda a creación unha Subcomisión, coa
participación dos responsables de infraestruturas da Administración central e
da Xunta, que se ocupará da avaliación e impulso das infraestruturas de Galicia
e da súa execución orzamentaria, que se sumará a que o novo ministro de Fomento
manteña o compromiso do anterior de efectuar visitas de periodicidade
trimestral a Galicia con información dos avances das obras.
A proposición non de lei recolle que a finalización da
alta velocidade entre Madrid e Galicia no prazo comprometido é un obxectivo
irrenunciable e prioritario para a nosa Comunidade. Deste xeito, demanda que a
Xunta manteña, como veu facendo ata o de agora, o seu labor de vixilancia sobre
os investimentos estatais e o cronograma previsto para que o remate desta
infraestrutura estratéxica para Galicia se produza no prazo comprometido.
Por último, solicita que o novo Goberno socialista realice
coa máxima dilixencia e sen retrasos inxustificables os trámites necesarios
para o inicio das obras das licitacións pendentes ou en fase previa á
adxudicacións.
REFORZAR O COMPROMISO
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández
Prado, salientou que esta proposición non de lei ten como obxectivo “reforzar
desde o Parlamento galego o compromiso de que unha infraestrutura estratéxica
para a competitividade de Galicia se remate nos prazos comprometidos, un
obxectivo irrenunciable que todos debemos demandar e apoiar”.
Así mesmo, apuntou que “reforzará ao Goberno da
Xunta e ao seu Presidente na reunión que manterá o vindeiro 17 de xuño co
Presidente do Goberno de España, dado as
incertezas xeradas por algunhas declaracións feitas por responsables políticos
do Partido Socialista sobre a chegada do AVE a
Galicia”.
Martín Fernández lembrou que desde o Goberno galego
“viuse mantendo unha actitude constante e continua de esixencia e
reivindicación ante o Goberno de Mariano Rajoy, que logrou arrincar do Goberno
do Estado varios compromisos sobre o cronograma das obras, o impulso das obras
pendentes e un labor de seguimento dos traballos”.
O portavoz popular referiuse ao informe
recentemente presentado polo Goberno galego en relación á situación actual das
obras do AVE entre Galicia e Madrid, no que se confirma que as obras teñen un
grao de execución por enriba do 80 por cento, o que fai factible que os trens
estean funcionando en probas en 2019.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.