O Pleno do Congreso dos Deputados reunirase o mércores, 4 de xullo, ás 17 horas en sesión extraordinaria para a elección de seis dos dez membros do Consello de Administración da Corporación de RTVE, de acordo co procedemento provisional establecido polo Real Decreto-Lei aprobado o pasado día 23 de xuño polo Goberno, unha vez que na primeira votación celebrada hoxe e na que participei ningunha candidatura alcanzase a maioría necesaria dos 2/3 da Cámara.
Na primeira votación, celebrada hoxe 2 de xullo, a lista presentada polo Grupo Socialista, Unidos Podemos-En Comù Podem-En Marea, e do PNV obtivo 150 votos para cada candidato, mentres que a proposta polo Grupo Popular logrou 128 apoios. Rexistráronse 27 votos en branco e un nulo.
A segunda votación, que debe realizarse polo menos 48 horas despois da primeira, necesita obter a maioría absoluta e proceder de, como mínimo, a metade dos grupos presentes na Cámara. Votaranse as mesmas listas sometidas a debate no pleno extraordinario do luns: a primeira, asinada polos grupos Socialista, de Unidos Podemos-En Comù Podem-En Marea, e do PNV, propón a Rosa María Artal, Juan José Baños, Concepción Cascajosa, Cristina Fallarás, Tomás Fernando Flores e Victor Sampedro Branco; e a segunda, do Grupo Popular, propón como conselleiros a Eladio Jareño, Macarena Montesinos, Manuel González- Sicilia, Juan Pablo Artero, Luís da Matta e Maria Neves Cristina Alcaine.