miércoles, 18 de julio de 2018

Feijóo amosa a súa satisfacción ante o compromiso do Goberno central de manter os prazos fixados para a chegada do AVE a Galicia no último trimestre de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosaba onte a súa satisfacción ante o compromiso do Goberno central de manter os prazos fixados polo anterior Executivo para a chegada do AVE a Galicia no último trimestre de 2019. “O AVE estará funcionando en probas o ano 2019 conforme aos compromisos asumidos co anterior Goberno”, aseverou Feijóo nunha rolda de prensa despois de reunirse co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para trasladarlle as principais reivindicacións da Comunidade galega.
“Esta data é un obxectivo irrenunciable para os galegos, para o Goberno de Galicia e para o seu presidente”, aseverou o titular do Goberno galego, quen sinalou que, a partir desta data, a Axencia de Avaliación Ferroviaria comezará a autorizar a comercialización de billetes.
Nesta mesma liña, Feijóo constatou que se mantén a data de alta velocidade Ourense-Lugo para 2021. Así mesmo, explicou que a tramitación do AVE Ourense-Vigo por Cerdedo atópase en declaración de impacto ambiental, polo que, unha vez solventado este paso, Xunta e Goberno central seguirán comprobando os prazos e os compromisos.
Do mesmo xeito, o presidente do Goberno galego fixo fincapé na necesidade de adecuar o tramo ferroviario entre Coruña e Ferrol, polo que a Xunta e Ministerio de Fomento profundarán neste asunto para conseguir un tren competitivo entre ambas as dúas cidades.

Porta aberta á transferencia da AP-9 a Galicia.

No que respecta á AP-9, Feijóo volveu trasladar ao Goberno central a necesidade de transferir a xestión desta autopista a Galicia debido a que o seu trazado transcorre integramente pola comunidade. A este respecto, valorou que o presidente do Goberno lle pedira tempo para estudar a posible transferencia desta vía, que, recordou Feijóo, é xuridicamente viable e repercutiría nunha mellora na calidade do servizo prestado. Así mesmo, constatou que o Goberno do Estado está a traballar para suprimir a peaxe da AP-9 en Redondela.
As peticións en materia de infraestruturas non só se limitaron ao AVE e á AP-9. De feito, o presidente da Xunta solicitou: que a autovía Lugo-Santiago estea completada a mediados do ano 2020; que as obras no tramo San Martiño-A Barrela finalicen conforme ao prazo estipulado; e que a conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña se licite no primeiro semestre do 2019, entre outras cousas.

Vaga de lumes de outubro e explosión pirotécnica de Tui

Outro dos asuntos centrais da reunión entre Feijóo e Sánchez foron as dúas situacións de emerxencia que Galicia viviu nos últimos meses: por unha banda, a vaga de lumes rexistrada en outubro e, pola outra, a explosión pirotécnica de Tui. Sobre a primeira, Feijóo solicitou a Sánchez que complete os compromisos que adquiriu o Goberno central o pasado mes de novembro, coa transferencia da última partida de axudas por valor de preto de sete millóns de euros.
Sobre a explosión pirotécnica de Tui, o presidente da Xunta lembrou que é competencia exclusiva da Administración central e, en consecuencia, pediu que se financien as tarefas de desentullo; se complementen as axudas autonómicas para a reconstrución de vivendas; e queden exentas de pagar o IBI e os impostos correspondentes ás axudas aquelas persoas cuxa casa quedou destruída ou inhabitable.

Sector naval e enerxético

O titular da Xunta explicoulle ao presidente do Goberno que o futuro do naval depende, en boa medida, da construción das cinco Fragatas F-110 da Marina Española. Trátase dun contrato por valor de 4.000 millóns de euros que garantirá a carga de traballo nos estaleiros da comarca de Ferrolterra para a próxima década e que foi ratificado hoxe polo presidente do Goberno.
En materia enerxética, o presidente do Goberno galego reivindicou a importancia das centrais térmicas das Pontes e Meirama, que deben acometer importantes investimentos para adaptarse á directiva europea de emisións. A este respecto, Feijóo pediu garantías de continuidade no marco regulatorio para que estes investimentos sexan viables e un reforzo nos pagos por capacidade das centrais de xeneración xestionables.
Así mesmo, constatou a vontade do Goberno central de abordar en próximas datas o trasvase das augas do río Miño á poboación de Vigo e a súa área metropolitana para garantir o correcto abastecemento.

Reforma do sistema de financiamento autonómico

No que respecta ao financiamento autonómico, o presidente do Goberno galego apostou por reformar este sistema ao considerar este paso clave para o futuro da estrutura territorial de España.
Así mesmo, o titular do Goberno galego solicitou ao Goberno central que a futura reforma do sistema de financiamento autonómico teña en conta a pirámide demográfica de cada comunidade.
De feito, Feijóo defendeu que existen determinadas melloras no financiamento autonómico que se poden acometer de maneira inmediata, entre elas cumprir as disposicións da Lei de dependencia para que o custo do sistema se reparta a partes iguais entre a Administración central e a autonómica.
Pero ademais da dependencia, ambos os dous mandatarios falaron sobre a sanidade pública. A este respecto, o presidente da Xunta recordou que o maior capítulo de gasto das autonomías é a sanidade pública e que a estrutura poboacional ten unha incidencia moi importante no seu custo. En consecuencia, trasladoulle dúas peticións ao presidente do Goberno: revisar os pesos dos diferentes grupos de idade para o reparto dos fondos e, en segundo lugar, que se cree un novo grupo para os maiores de 85 anos.
Pola súa banda, Sánchez amosou a súa sensibilidade respecto a darlle un maior peso á dispersión e o envellecemento da poboación no próximo modelo de financiamento autonómico.
Na reunión, Feijóo e Sánchez tamén abordaron a situación financeira das comunidades autónomas, asunto no que o presidente do Goberno galego amosou a súa absoluta oposición a que se condone a débeda pública dalgunhas comunidades. “Non é admisible que se premie ás comunidades incumpridoras e se penalice ás que cumprimos”, salientou Feijóo, quen tamén subliñou que Galicia segue a ter pendente o cobro dunha compensación por non se ter beneficiado da primeira onda de mecanismos de liquidez.

Xacobeo 2021
No tocante ao Xacobeo 2021, Feijóo requiriu ao Goberno central que manteña o acordado co Goberno anterior, é dicir, desgravacións fiscais para os patrocinadores e dous sorteos da Lotería Nacional.
Así mesmo, solicitou a súa implicación, a través da firma dun convenio de algo máis de 100 millóns de euros entre 2018 e 2021, para a protección e rehabilitación dos Bens de Interese Cultural (BICs) que se atopan ao longo dos Camiño.

Reparto dos fondos europeos

O reparto dos fondos europeos foi outro dos asuntos abordados entre ambos os dous mandatarios. Neste senso, defendeu o mantemento dos fondos que reciben os gandeiros e agricultores galegos dentro da Política Agraria Común (PAC) e da cota que Galicia percibe dos fondos de cohesión.
Feijóo e Sánchez tamén falaron sobre pesca, gandaría e agricultura, concretamente sobre os TACS e cotas de 2019, a normativa de descartes e a orixe do leite na etiquetaxe.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 


Recibirá resposta.