Onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba,
tras a reunión do Consello, que o Plan forestal de Galicia será aprobado
definitivamente entre finais de 2018 e principios de 2019. Este documento, que
na actualidade se atopa en fase de información pública, vai ordenar a política
forestal galega durante os vindeiros 20 anos. Algo que resulta esencial.
De feito, un dos obxectivos principais deste plan é
multiplicar por dous a cantidade de madeira que produce Galicia nas próximas
dúas décadas, pasando dos 8 millóns de metros cúbicos anuais aos 16 millóns e
garantindo, evidentemente, a calidade da madeira e a sustentabilidade do monte.
Todas as medidas recollidas no plan supoñen un investimento anual de 112 millóns de euros en 2018, unha cantidade que se incrementará un 1% cada ano durante as próximas dúas décadas.
Todas as medidas recollidas no plan supoñen un investimento anual de 112 millóns de euros en 2018, unha cantidade que se incrementará un 1% cada ano durante as próximas dúas décadas.
O presidente subliñou a integración do sector forestal
no tecido social de Galicia. Proba disto é que en torno ao 98% do territorio
forestal da nosa comunidade é propiedade de 600.000 persoas e case 3.000
comunidades veciñais en man común. Nesta mesma liña, Feijóo destacou as cifras
asociadas á economía do monte. Non en van, Galicia é a novena potencia forestal
de Europa cun sector que supón o 1,8% do PIB galego, ademais de xerar o 12% do
emprego industrial ao longo da súa cadea de valor, mover en torno a 2.000
millóns de euros anuais e empregar a 70.000 persoas.
Este plan, subliñou o titular do Goberno galego, non
busca ser o Plan Forestal da Xunta, senón o Plan Forestal de todos os galegos
e, por iso, buscouse constantemente o consenso co sector ao longo de todo o
proceso de elaboración do documento. A continuación, Feijóo referiuse aos
principais contidos do plan, que, tal e como explicou, será revisado cada cinco
anos unha vez sexa aprobado definitivamente co obxectivo de incorporar, no caso
de que sexa preciso, novas tendencias e sensibilidades.
Entre os principais obxectivos do plan atópanse os
seguintes. En primeiro lugar, asignar á produción sustentable de madeira o 52%
do territorio forestal galego: un total de 1.060.000 hectáreas, o que supón
80.000 máis que na actualidade. E, en segundo lugar, fomentar a produción de
madeira de calidade co obxectivo de xerar valor engadido; manter o liderado na
produción de castañas e mel; conservar unha paisaxe que siga sendo atractiva e
claramente identificable con Galicia; e respectar e poñer en valor a nosa
biodiversidade.
Adaptar o modelo e a planificación forestais á
realidade actual
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles
Vázquez, explicou que a revisión do plan é necesaria para adaptar o modelo e a
planificación forestais á realidade actual do monte galego, así como para
incorporar os cambios na normativa vixente. Dixo que, en todo caso, a
actualización faise desde o máximo consenso posible, un principio que está
presidindo todo o proceso de revisión.
Así mesmo, a conselleira sinalou que o documento
establece o modelo de monte galego para os próximos 20 anos, determinando un
reparto equilibrado do territorio entre a superficie para produción sustentable
de madeira e a dedicada a frondosas autóctonas e soutos, así como a espazos
abertos e pasteiros. Procúrase, así mesmo, manter a posición de Galicia como
líder nas producións de castaña e mel, potenciar o pastoreo e preservar a
paisaxe e a biodiversidade.
Ademais, a titular de Medio Rural indicou que o texto,
que se atopa actualmente en fase de información pública, incorpora conceptos
como o de “montes modelo”, a modo de referentes de xestión forestal a nivel de
distrito, ou de “silvicultor activo”, tanto para os propietarios individuais
como colectivos.
Por último, a conselleira engadiu que o plan contempla
o fomento da agrupación forestal a través de figuras como as Sofor, a
protección e defensa do monte fronte a riscos como a erosión ou os incendios e
a mellora do coñecemento e información forestal, mediante a creación dun
Observatorio Forestal, o Sistema Integrado de Información Xeográfica Forestal
de Galicia e o rexistro de parcelas xestionadas e montes de Galicia.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.