Onte o Plan de
transporte público de Galicia, cumpriu un ano da súa posta en funcionamento por
parte da Xunta, rexistrou máis de 5,3 millóns de viaxeiros, un 1,2 % máis nos
usuarios xerais, ao incrementar os servizos de autobús en máis dun 37 %.
O plan aumentou a cobertura
territorial do transporte, triplicando o número de paradas e rebaixando as
tarifas en ata un 80%. Os contratos potenciaron a rede de transporte existente,
ao pasar de 11 a 15 millóns de km de servizo anuais.
Esta iniciativa impulsada
pola Xunta é útil para os veciños, sustentable desde o punto de vista ambiental
e viable a nivel económico.
O Goberno galego, a través
deste plan, puxo en marcha novas modalidades de transporte, como o autobús
compartido e os servizos baixo demanda, coa finalidade de aumentar a cobertura nas zonas onde non chegaba o
transporte público. Estas fórmulas acadan unha maior eficiencia e rendibilidade
social, evitando a circulación de autobuses baleiros.
O transporte compartido
permite que en determinadas rutas os veciños poidan empregar as prazas baleiras
do autobús que leva aos rapaces á escola, sempre cun servizo de acompañante
para os alumnos. Esta modalidade dispuxo 491 liñas integradas, con 5.297
paradas que dan servizo a 189 concellos.
As liñas integradas, durante
o seu período de funcionamento, chegaron a superar os 2,6 millóns de usuarios,
o que inclúe as viaxes de alumnos e as dos case 107.000 usuarios xerais que
empregaron o servizo.
O novo plan tamén incorporou
a prestación de determinados servizos baixo demanda para dar resposta ao
elevado nivel de dispersión e envellecemento da poboación galega. Estes
servizos, no marco de 492 liñas con algunha parada baixo demanda, cun total de
3.107 paradas que dan servizo a 169 concellos, adáptanse ás necesidades dos
usuarios, tanto en tempos de percorrido como en cobertura territorial.
Os interesados en utilizar
os servizos a demanda só deben chamar ao teléfono 988 68 78 00, facendo a súa
reserva antes das 20 horas do día laborable anterior a aquel no que se desexe
viaxar. Ademais, a través da páxina web www.bus.gal tamén poderán consultar os
horarios e servizos de transporte baixo demanda.
A Xunta, dende o 22 de decembro,
ten activa unha central de chamadas que recibe as peticións de servizo, que ata
finais de xullo rexistrou 1.662 chamadas, cun notable ascenso neste último mes
ao tratarse de período non lectivo, no que non funcionan as liñas integradas.
2ª
fase do Plan
Esta iniciativa
permitiu que Galicia non quedase nin un só día sen transporte público a pesar
das renuncias das empresas ás liñas e supuxo a continuidade dun servizo público
esencial para a comunidade, en especial para o rural.
O Goberno galego, unha vez en marcha a 1ª fase do plan e iniciado o camiño
de modernización do transporte público por estrada en 800 liñas, segue
avanzando no deseño da 2ª, que abordará o resto de liñas e fará chegar os
beneficios ao total de Galicia no horizonte do ano 2019.
Para acadar un transporte
adaptado ás necesidades reais dos usuarios, a Xunta aposta pola celebración
de xuntanzas concello a concello para
coñecer as súas demandas particulares.