Da actualidade política de hoxe destaco a reunión mantida hoxe
polo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo coa ministra de Facenda, María
Jesús Montero. O tema central foi o desaxuste producido polo cambio no sistema
de liquidación do IVE e que supón para os galegos 198 millóns de euros menos
Feijóo solicitou unha solución con celeridade para unha
situación que afecta, dixo, non só a Galicia senón ás demais comunidades. “Unha
solución para que o conxunto de comunidades poidamos presentar as nosas contas
en setembro co 50% das 12 mensualidades do IVE que lexitimamente nos
corresponde”, precisou, ao que engadiu que, de non resolverse, produciríase un
enriquecemento inxusto por parte da Administración xeral e unha depreciación
dos recursos das comunidades, garantidos no sistema de financiamento.
Logo de aseverar que a solución pasa por unha disposición en
Cortes ou no Consello de Ministros, repoñendo o diñeiro que lle corresponde ás
comunidades, Feijóo incidiu en que estas non poden asumir as consecuencias
dunha decisión “unilateral” que o Goberno central tomou no seu momento e
valorou a vontade da ministra de arranxar o problema: “Quedo con ese compromiso
e coa convición de que así o fará”, dixo.
Así mesmo, o presidente da Xunta lembrou que a imposibilidade do
actual Goberno para aprobar en Cortes a nova senda de estabilidade orzamentaria
impide ao Executivo galego aprobar en tempo e forma o teito de gasto para 2019
en xullo e empezar a elaborar os orzamentos. E, en relación a este asunto,
expresou o desexo de que esta situación non se alongue moito máis, “porque
todos necesitamos ter unha senda de teito de gasto certa para poder elaborar un
presuposto certo”.
Outra das materias que María Jesús Montero e Feijóo abordaron na
xuntanza foi a relacionada coa débeda das comunidades. Ao respecto, o
presidente do Executivo autonómico recordou o compromiso de Pedro Sánchez de
que se compensará ás comunidades que, como Galicia, non recorreron ao FLA nin
ao Plan de pago a provedores.
Feijóo agradeceu á ministra a confirmación de que este asunto
estea na axenda do Goberno coa intención de, despois das vacacións, buscar a
fórmula exacta para compensar, do mesmo xeito que se fixo en 2015, o que se
entende tecnicamente como a condonación das liquidacións negativas, que para
Galicia supoñen 85 millóns de euros ao ano.
Sobre o modelo de financiamento autonómico, o responsable do
Goberno galego trasladou a preocupación por que a reforma do sistema poida
quedar gardada nun caixón de forma indefinida. E insistiu en que o
financiamento non pode ser moeda de cambio de ningunha reivindicación
identitaria: “Non é para 17 comunidades senón para 48 millóns de españois, e
baixo eses principios temos que falar”.
Feijóo valorou a intención do Goberno central de activar o grupo
de traballo sobre a insuficiencia de recursos para, primeiro, concretar que é o
que se necesita e cal é a insuficiencia obxectiva de recursos. E, respecto a
Galicia recalcou o problema do avellentamento, con seis puntos porcentuais de
maiores máis que a media de España, o que supón un custe sanitario maior.
Ao longo da reunión, Montero e Feijóo falaron tamén de Navantia
e da construción das Fragatas F-110 da mariña española, cuxa orde de inicio se
producirá a finais deste 2018, tal e como confirmou o presidente Pedro Sánchez;
e da necesidade do apoio do Goberno central á organización do Xacobeo 2021.
Neste senso, e ademais dos dous sorteos da Lotería
extraordinarios acordados co anterior goberno, o responsable do Executivo
galego pediu que parte do 2% da recadación de Loterías da que pode dispoñer o
Goberno central se oriente ao financiamento do vindeiro ano santo.
O presidente da Xunta incidiu en que a mellora da economía
española ten que notarse nas contas públicas estatais e, tamén, nas das
comunidades. E, nesta liña, recordou que Galicia é unha autonomía leal e
responsable que contribúe a que a situación de España sexa cada vez mellor:
desde a unidade e a vontade de cooperación e sen comprometer a estabilidade do
país; sendo no mes de xullo, por exemplo, a comunidade onde máis baixou o paro;
e cumprindo, exercicio tras exercicio, as súas obrigas.
“Somos unha autonomía responsable que contribuíu á mellora do
noso país. Non tensionamos a facenda pública española; non solicitamos diñeiro
para chegar a final de mes neste dez anos; e cumprimos todas as regras que o
Consello de Política Fiscal e Financeira adoptou”, abundou, facendo fincapé en
que Galicia cumpriu cos obxectivos de estabilidade; coa necesidade de controlar
os niveis de débeda, e hoxe é a comunidade que menos se endebedou desde 2009; e
cos pagos a provedores.