Vázquez Mourelle subliñou a necesidade de manter unha nova reunión desta
comisión, tendo en conta o grao de avance de obras actualmente en execución
como o acceso á Cidade da Cultura desde a AP-9.
Cómpre lembrar que a Xunta e o Ministerio de Fomento constituíron en 2017
unha comisión de seguimento da AP-9, un foro de colaboración e coordinación
institucional na que se abordan todas as cuestións relativas a esta
infraestrutura estratéxica en Galicia. Neste sentido, xa tiveron lugar
diferentes xuntanzas, o 22 de febreiro de 2017, o 13 de xuño de 2017 e o pasado
23 de xaneiro.
A titular de Infraestruturas tamén lle solicitou a Fomento a disposición
de información continua e directa sobre aquelas actuacións na ponte de Rande
que supoñan implicacións na mobilidade e a seguridade dos cidadáns.
A ponte de Rande é unha infraestrutura crucial en Galicia e máis
concretamente na comarca de Vigo, ao ser a principal vía de entrada á cidade
olívica, polo que a Xunta reiterou a importancia de contar coa información
correspondente ás intervencións que o Goberno central realice na mesma.
Lembrar que o 23 de xaneiro deste ano tivo lugar en Madrid unha reunión da comisión conxunta sobre a AP-9 que integran a Xunta e o Ministerio de Fomento e na que participaron a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, ademais do secretario xeral de infraestruturas Manuel Niño, entre outros.
A Xunta e o Ministerio de Fomento acordaron nesa data iniciar os trámites para a liberación da peaxe da AP-9 entre Vigo e Redondela. O entón Secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, trasladou a resposta favorable do Goberno de España á proposta do Executivo galego de suprimir por completo a obriga de pago neste treito da AP-9, no que actualmente xa son gratuítas as viaxes de regreso que se realizan no mesmo día que o percorrido de ida.
O Ministerio de Fomento avanzou naquela data que analizaría en detalle o alcance económico da medida e abordará coa sociedade concesionaria da autoestrada a súa estruturación.
Certamente é perttinente e necesaria esta reunión, agardemos que o Goberno atenda a demanda.