Coñecemos hoxe pola
referencia publicada na web da Moncloa, que o Consello de Ministros celebrado
hoxe autorizou a firma dun convenio entre
Adif Alta Velocidade, Xunta de Galicia e Concello de Ourense para o
financiamento e execución do novo aparcadoiro para turismos integrado na futura
estación intermodal Ourense.
A construción do
aparcadoiro está contemplada no Convenio Marco de Colaboración, asinado o 22 de
xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello de Ourense
e Adif AV, para o desenvolvemento da
futura estación intermodal de Ourense e a súa contorna urbana.
Na reunión da Comisión de
Seguimento do Convenio Marco de Colaboración celebrada o 17 de outubro de 2017
en Santiago de Compostela, acordouse que
Adif AV licitará e executará a obra do aparcadoiro subterráneo obxecto
deste convenio.
O investimento total
estimado é de 7.044.922,50 euros (IVE incluído). Adif AV asumirá un 33% do orzamento sen IVE
(1.921.342,50 euros) máis o 100% do IVE como promotor do contrato (1.222.672,50
euros), o que representa un investimento total de 3.144.015 euros.
Pola súa banda, a
Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta achegará o 67% do
investimento total sen IVE, é dicir, 3.900.907,50 euros.
Contido do convenio
En virtude do convenio
autorizado para a construción do aparcadoiro da intermodal de Ourense, Adif AV comprométese a:
• Licitar, adxudicar, executar e dirixir as obras do novo
aparcadoiro, de acordo co proxecto básico e de execución redactado pola Xunta.
• Financiar o 33% (sen IVE) das obras e asistencias técnicas
necesarias, así como financiar o total do IVE das devanditas obras e
asistencias.
• Asumir a explotación, mantemento, conservación e demais dereitos
e obrigacións inherentes á condición de titular do aparcadoiro.
Pola súa banda, a
Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta encargarase de:
• Redactar, supervisar e aprobar, en coordinación con Adif, o proxecto construtivo do novo
aparcadoiro, tomando como base o proxecto básico redactado en 2017.
• Entregar a Adif AV
devandito proxecto construtivo para que proceda á licitación das obras.
• Financiar o 67% (sen IVE) das obras e asistencias técnicas
necesarias.
Por último, o Concello de
Ourense comprométese a cumprir coas obrigacións derivadas da tramitación do
Proxecto do novo aparcadoiro para turismos integrado na estación intermodal de
Ourense", de acordo coa lei autonómica 3/2016, do 1 de marzo, de medidas
en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.
Novo aparcadoiro
O novo aparcadoiro
localizarase na praza fronte á estación ferroviaria e xunto á nova estación de
autobuses, garantindo o efectivo intercambio modal para os usuarios.
Será unha infraestrutura
subterránea, desenvolvida en dúas plantas, e terá capacidade para ao redor de
300 prazas. Sobre o novo aparcadoiro levará a cabo unha reordenación da praza
da estación, incluíndo bolsa de taxis, zonas de parada momentánea, aparcadoiro
de motos e bicicletas, etc.
O resultado final deste
espazo liberado de vehículos será unha nova praza peonil cuberta na fronte da
estación actual, que funcionará como
nodo intermodal e gran espazo público representativo, conectando a
estación de ferrocarril, a nova estación de autobuses, o novo aparcadoiro
subterráneo e a nova pasarela peonil urbana entre os barrios de "O Vinte e
un" e "A Ponte".
O proxecto básico do novo
aparcadoiro recolle tamén a dotación dun aparcadoiro provisional durante as
obras de construción do subterráneo definitivo. Este aparcadoiro provisional
estará situado nos terreos da futura estación de autobuses.
Estación intermodal de
Ourense
A nova estación ferroviaria
de Ourense, cun investimento previsto de 140 millóns de euros (IVE incluído)
financiados por Adif Alta Velocidade,
está integrada dentro dunha estratexia global urbana nun espazo intermodal,
onde se situará tamén a estación de autobuses, a cargo da Xunta de Galicia.
O proxecto da estación
ferroviaria de Ourense baséase no deseño do prestixioso equipo de arquitectos
de Foster & Partners, no que tamén participaron o estudo
ourensán de Juan Carlos Cabanelas e a
enxeñería pública Ineco.
O deseño mellora a
permeabilidade da cidade mediante conexións peonís e rodadas, e unha nova praza
como espazo público de reunión, así como un edificio máis amplo para viaxeiros.
Recibirá resposta