lunes, 17 de septiembre de 2018

Feijóo: " Son políticos como Jesús Vázquez Abad, os que permiten confiar nun pleno retorno ao sosego, á tranquilidade e á normalidade que se bota en falta

Asisto hoxe en Santiago ao almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum-Tribuna de Galicia no que  presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou a Jesús Vázquez Abad.
Feijóo afirmou que na democracia local, dos concellos, na democracia de proximidade que se practica todos os días nos pobos e vilas está un dos factores da rexeneración do noso sistema de convivencia.
“A democracia nace nas pequenas unidades de convivencia para estenderse a ámbitos maiores, e por iso é aí onde reside o xerme da democracia do futuro”, dixo, lembrando que Galicia non é outra cousa que unha democracia formada por democracias municipais, dentro dunha democracia que configura a nosa nación, e no contexto dunha democracia europea na que seguimos confiando.
Feijóo destacou ademais a necesidade dunha democracia –europea, nacional, galega ou municipal- que achegue solucións, que responda aos retos e que se adiante aos escenarios do futuro.
Fronte a un estilo político que menospreza a madurez da xente e a trata como se fose unha sociedade pueril ou adolescente, asegurou que o gobernante responsable ve no seu pobo unha madurez suficiente para entender e compartir medidas que non sempre teñen un impacto positivo inmediato: “Un auténtico líder segue o seu pobo, e tamén sabe poñerse diante para sinalar o camiño que considera axeitado”, abundou.
Nesta liña, aseverou que son políticos como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, os que permiten confiar nun pleno retorno ao sosego, á tranquilidade e á normalidade que se bota en falta.
“Jesús Vázquez Abad non elude o compromiso de gobernar nunha situación precaria, nin se reviste de tons grandilocuentes para gañar o favor dos veciños. Sitúase nas antípodas dos rexedores ególatras que fan da extravagancia a súa norma de conduta”, dixo, ao que engadiu que lle gusta insistir en que sempre se poden facer mellor as cousas.
Así mesmo, resaltou que o novo e o tradicional desembocan en rexedores como Vázquez Abad para facer un compendio semellante á nosa sociedade. “Unha Galicia privada da herdanza do pasado ou sen os seus elementos renovadores, sería unha Galicia incompleta e feble. Un Ourense exclusivamente clásico ou moderno, sería unha cidade eivada”, afirmou, asegurando que con esta idea, o Goberno galego apostou por potenciar o elemento clásico ao reformar a catedral de San Martiño de Ourense, rehabilitar vivendas do seu centro histórico e reformar a Ponte Vella.
Todo elo sen perder de vista a modernidade, plasmada en proxectos como: un centro interxeracional, o primeiro de España; un innovador ecobarrio, ou conexións de transporte que impulsen o tecido económico da cidade, como a estación intermodal e o enlace do polígono de San Cibrao coa A-52.
Feijóo recordou que a Administración autonómica tampouco esqueceu algo moi importante para o alcalde: os servizos sociais, colaborando co Concello para poñer en marcha unha nova residencia de 120 prazas, presentando o proxecto dun novo centro para persoas con discapacidade e ampliando o hospital público.

Na sua intervención, Jesús Vázquez, subliñou a súa decisión de presentarse novamente aos comicios locais de 2019 como o alcalde do “ sentidiño”.

Fronte aos populismos, os extremismos e o bloqueo institucional por motivos partidistas, Vázquez, que goberna Ourense en minoría, propuxo “unha cidade que lle poña  sentidiño a todo o que facemos e planificamos e na que todos participan”.

Referiuse ao seu modelo de cidade, chamado “ Ourensanamente”. “É un modelo universal e moi noso ao mesmo tempo, un modelo que sitúa ás persoas como principio e fin”, engadiu.

Neste sentido, destacou que un dos seus principais obxectivos durante estes tres anos como alcalde foi “captar investimentos para Ourense”. “Vivimos o período investidor máis importante da historia da cidade”, dixo antes de sinalar que só o Estado ten un compromiso investidor con Ourense de 700 millóns.

O modelo “ Ourensanamente” repártese en oito grandes eixos estratéxicos, desde o ámbito social e ecolóxico ao cultural e participativo. Aquí cobran vida os principais proxectos promovidos dentro do seu mandato, desde o Primeiro Parque Inclusivo de Galicia ou a iniciativa “Ourense, capital termal intelixente” ao  Ecobarrio da Ponte, un proxecto de ámbito europeo, pioneiro en España, baseado no aproveitamento enerxético da  geotermia.


“Esperamos impacientes a chegada da alta velocidade”, dixo en referencia a un dos grandes proxectos que promove o seu goberno, a Estación Intermodal deseñada por Norman  Foster.


Tamén dixo que “As nosas portas están abertas desde as 8 da mañá ás 10 da noite, somos un equipo de estar na rúa”, dixo antes de remarcar a necesidade de “ reconectar coa cidadanía, defender o interese xeral, ofrecer solucións aos máis vulnerables e recuperar a política como vocación de servizo ao cidadán”.