Participo hoxe no acto de
presentación de Jesús Vázquez como candidato á Alcaldía de Ourense polo Partido
Popular, nas vindeiras eleccións municipais de 2019 nun fermoso lugar, o Campus Universitario de Ourense, no barrio de As
Lagoas, onde se deron cita máis de
cincocentos militantes e simpatizantes e cargos do Partido.
Falou en primeiro lugar o
presidente provincial Manuel Baltar , destacando que “neste tempo, o noso candidato demostrou a súa
capacidade de diálogo, o seu talante e educación” para quen estes
cualificativos marcan “a diferenza con outras formacións, cuxo comportamento convertiron
en infames estes tres anos de mandato”.
Os cidadáns han entender que Ourense non pode
permitir que eses comportamentos teñan paralizada a cidade “e que Jesús Vázquez
é o candidato que pode darlle o pulo que necesita”. O candidato, engadiu
Baltar, “e a imaxe da cooperación con outras administracións, coa Deputación,
coa Xunta, colaboración que ten e terá a súa repercusión positiva en Ourense”.
Manuel Baltar lembrou que hoxe se celebra o Día Internacional
da Democracia “e que mellor escenario que este –en referencia ao campus
universitario- para falar de talento, de creatividade, de innovación, que é o
que cualifica ao Partido Popular de Ourense, ademais de ser berce do pensamento
galeguista”.
Logo foi o turno do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que asegurou que a cidade de Ourense non só tivo que enfrontarse á crise e sortear as dificultades cotiás que supón a xestión pública, senón que tamén tivo que superar o boicot constante da oposición. “Unha oposición que acabará o mandato sen facer nada pola cidade e que non ten ningún proxecto”, dixo.
Lembrou que o rexedor chegou ao cargo despois dun mal goberno e que
seguirá no mesmo despois dunha mala oposición.
“Eu invito
aos ourensáns que dubiden se teñen o mellor alcalde e miren cara os alcaldes
das outras cidades”, apuntou, e lembrou que hai partidos que miran aos seus
alcaldes con bochorno, con desconfianza, sen ilusión e coa dúbida de saber
exactamente a que se dedican.
“Nós miramos
a Jesús e vemos traballo, ganas, balance, proxecto, ilusión e futuro”, dixo, e
engadiu que fronte aos que serven con soberbia el faino con humildade, sen
someterse a chantaxes ou ameazas para sumar maioría.
Feijóo
aseverou que para optar á Alcaldía de Ourense o partido escolleu a un home
traballador e que sempre antepón o servizo aos demais por riba das preferencias
persoais. Ademais, puxo en valor o camiño de diálogo e de política construtiva
que iniciou Jesús Vázquez, baseado en que os veciños atopan ao seu alcalde na
rúa cun sorriso e unha palabra amable. “Ese camiño pode non ter pedras e así
avanzar con máis intensidade e velocidade. E podemos quitar esas pedras con
votos nas próximas eleccións”, apuntou.
O presidente
do PPdeG lembrou que non hai aliados na oposición para facer medrar a Ourense,
pero si na Xunta de Galicia. Por iso, e pola perseverancia do alcalde, a cidade
ten unha nova escola infantil de 82 prazas
que pronto se converterá nun centro interxeracional con 80 prazas máis de
centro de día, e o primeiro campus periférico especializado de Galicia, que é o
Campus da Auga. “Tamén un proxecto para unha estación intermodal que avanza a
velocidade de cruceiro e un hospital público ampliado”, engadiu.
Alberto Núñez Feijóo comprometeu que a Xunta seguirá traballando para
acondicionar a rúa Otero Pedrayo, para rehabilitar varias vivendas do centro
histórico, e tamén o enlace do Polígono de San Cibrao coa A-52. “E seguiremos
traballando para poñer en valor a Ponte Vella e consolidala como un atractivo
turístico de primeiro nivel”, dixo. Ademais, avanzou que a Xunta traballará para
facer realidade o proxecto do ecobarrio e que A Ponte sexa un referente europeo
en eficiencia enerxética, e lembrou que o Goberno galego acaba de presentar un
proxecto para un novo centro de discapacidade.
Logo falou Jesús Vázquez, que comezou dando as grazas “á miña familia que vive
comigo o día a día desta tarefa e honra de gobernar unha cidade como Ourense. Sen
vós non tería chegado ata aquí, e grazas a vós preséntome hoxe coa enerxía
renovada para chegar máis lonxe que nunca.
Dixo que “Fai apenas tres anos e
medio anunciaba a miña candidatura para ser alcalde desta cidade. A tarefa que
nos esperaba era inmensa, pensei naquel momento. Non me equivocaba”. Engadindo
que “hoxe vólvome a presentar ante vós para presentar a miña candidatura á
reelección como alcalde de Ourense e crédeme que o fago coa mesma ilusión que
naquel momento, pero máis agradecido por cada mostra de agarimo que recibín
nestes anos.”
Dixo que “Unha cidade como
Ourense non se xestiona soa. Necesita unha xestión con sentidiño”.
E para elo, lembrou que é preciso
un equipo que sexa capaz de ter visión de futuro, “con proxectos como os que se
desenvolven na Molinera, con
máis de 35.000 usuarios no último ano. Como o Albergue de Peregrinos que se inaugurará nas próximas semanas.
Como o Centro para persoas
discapacitadas para maiores de 21 anos, unha demanda social de toda a
provincia que terá o seu espazo propio na nosa cidade e que xa visualizamos. E,
por suposto, o noso gran proxecto o EcoBarrio
da Ponte, que será un referente non só en España, senón en toda Europa e
presentarémolo en Bruxelas como un gran
expoñente do aproveitamento enerxético en plena cidade, cun modelo sustentable
pioneiro”.
Resaltou que “trátase de crecer
poñendo en marcha proxectos necesarios que redunden en mellorar a calidade de
vida da nosa xente, como a Estación
Intermodal de Norman Foster. Como a mellora das Pontes: a
Ponte Romana, Ponte Nova e Ponte do Milenio, símbolos de Ourense e que
conseguimos mellorar grazas tamén ao esforzo da nosa negociación coas distintas
administración”.
No seu
discurso dixo que “unha cidade como Ourense necesita sentidiño, para poñer en marcha medidas concretas para as
familias, para os mozos e tamén saber que temos moitos veciños maiores. Hai que
escoitar as súas necesidades e darlles solucións aos seus problemas. Pero sobre
todo, hai que conseguir que teñan unha boa calidade de vida. Por iso, o equipo
que goberno que lidero presentou un “Pacto
social de goberno” que garanta a estabilidade financeira nos casos de
extrema necesidade e urxencia social, para que non haxa lugar á confrontación
en temas que son tan sensibles.
Porque falamos de que a xente
poida ter asistencia en dependencia, en comedores escolares, en axudas para os
sen teito. Algo co que non se debe negociar goberne quen goberne. Foi unha
proposta pioneira na que non nos apoiou a oposición, pero levarémolo no
programa electoral e asinarémolo insisto, goberne quen goberné”.
Con rotundidade falou de que “unha
cidade como Ourense, necesita, en definitiva un Modelo de cidade propio que responda as nosas necesidades,
inquietudes e a nosa propia realidade.
Un modelo de cidade que traslade
unha forma de vivir con calidade de vida, cuns servizos personalizados, cunhas
infraestruturas que nos permitan movernos con axilidade, cuns espazos que
fomenten a creatividade e a innovación, cuns programas que garantan a calidade
de vida das familias, as que non teñen problemas e as que si os teñen. Que
pense nos problemas que a sociedade demanda. “
Lembrou que “como alcalde de
Ourense, chegamos a acordos con todas as administracións para desenvolver
grandes proxectos.
Como alcalde de Ourense,
colaboramos con institucións, fundacións, organismos que nos permiten poñer en
marcha actividades sociais e de formación que son un exemplo e un orgullo.
Como alcalde de Ourense, tendín a
miña man para falar, conversar, negociar, discutir e, sobre todo para chegar a
acordos.
Apuntóu que "Moitos dos que estades aquí
vístesme en momentos difíciles, pero non creades que son débil. Só son humano. E aféctame non poder
facer as cousas coa axilidade que requiren, sobre todo nos temas sociais, que
son para nós unha prioridade.
Pero
asegúrovos que cada día repóñome, penso que estou aquí para servir a todos e
cada un de vós e, direivos unha cousa….
En
tesón, non me gaña ninguén!”
E pechou dicindo que “contamos e contaremos cun gran equipo: con vocación, con decisión,
con ganas, que lle pon moito esforzo por sacar adiante cada proxecto. Somos
o Ourense que quere a Ourense.”