sábado, 20 de octubre de 2018

Galicia contará cuns orzamentos para 2019 expansivos, pero prudentes e con prioridades claras para consolidar unha recuperación económica integradora



O pasado xoves – despois do Consello da Xunta -  o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba que que Galicia contará cuns orzamentos para 2019 expansivos, pero prudentes e con prioridades claras para consolidar unha recuperación económica integradora.
Feijóo subliñou que a Xunta aproba un ano máis en tempo e forma os Orzamentos,  e que son os máis altos desde 2010.
E onte entrou no Parlamento de Galicia o proxecto  de Lei de Orzamentos para 2019 da Xunta de Galicia que elevará un 8,5% os beneficios fiscais no ano vindeiro, ata situalos en 430 millóns de euros, ao tempo que seguirá apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per capita nas provincias orientais respecto ás atlánticas.
Foi entregado polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. “En 2019 a Xunta ampliará de novo, e de maneira moi importante, o volume de beneficios fiscais, ata os 430 millóns de euros”, sinalou o conselleiro de Facenda, que indicou que este incremento supón 34 millóns de incremento respecto ao actual exercicio, un 8,5% máis. Ademais, recalcou que esta cifra ten unha compoñente cualitativa moi relevante, pois o 94% destes beneficios fiscais son de carácter social.
En canto á distribución territorial, o maior investimento por habitante volverá producirse nas provincias orientais: Lugo, onde a Xunta destinará 4.022 euros per capita, e Ourense, con 3.928 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas Pontevedra recibirá 3.035 euros per capita e A Coruña 3.157 euros por habitante.
Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben maior volume de gasto son A Coruña e Pontevedra, con 3.541 e 2.862 millóns, respectivamente, mentres que a provincia de Lugo recibirá 1.341 millóns, e a de Ourense, 1.223 millóns.

Gasto por consellerías


Un exercicio máis, e de maneira reforzada, os departamentos que máis recursos concentrarán en 2019 son, con moita diferencia, as dúas consellerías responsables de xestionar a sanidade pública e o ensino público.
En concreto, a Consellería de Sanidade disporá de 3.987 millóns de euros, mentres que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional contará con 2.390 millóns. A continuación, a Consellería de Política Social disporá de 733 millóns e a de Medio Rural conta con 516 millóns, mentres que a Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón de 512 millóns, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta con 379 millóns.
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contará con 294 millóns; Mar, 161 millóns; e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda contará con 160 millóns. Pola súa banda, a Presidencia da Xunta disporá de 150 millóns; a Consellería de Cultura e Turismo, de 144; e a Consellería de Facenda, de 58 millóns.
Respecto ao ano anterior, a de Sanidade aumenta a súa dotación en 126,5 millóns (un 3,3%) e a de Educación en 77 millóns (un 3,3%), mentres que a de Política Social medra en 32,2 millóns (un 4,6%). A continuación, Medio Rural medra en 20,6 millóns (un 4,2%) e Economía, Emprego e Industria aumenta en 47,6 millóns (un 10,3%), e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aumenta 8,3 millóns (un 3,1%).
En canto ao resto de departamentos, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aumenta 13,2 millóns (4,7%); Mar medra en 6 millóns (3,9%); Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aumenta en 4,8 millóns (3,1%); a Presidencia da Xunta, da que dependen organismos como a AMTEGA, crece en 13,7 millóns (10%); a Consellería de Cultura e Turismo, aumenta 8,6 millóns (6,3%) e a Consellería de Facenda é a que menos medra, só 1,5 millóns (2,7%).

Prioridades


O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2019, que establece un gasto de 9.850 millóns de euros, permitirá manter a senda de crecemento e incrementa o seu gasto en 363 millóns respecto a este ano, o que permitirá reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas impostos.
Os orzamentos do vindeiro ano conforman os cuartos presupostos expansivos consecutivos, posto que Galicia contará cun aumento de gasto do 3,8% en comparación cos orzamentos vixentes. Este volve ser o orzamento máis alto desde 2010, de xeito que Galicia disporá de 1.464 millóns de euros máis en relación ás contas de 2014 co obxectivo de fortalecer unhas contas públicas que en 2019 estarán centradas no crecemento, os servizos e as persoas.
Entre as prioridades da Xunta tamén seguirá estando a creación de emprego e a mellora do mercado laboral galego. O obxectivo é crear no 2019 uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo, polo que o Goberno galego aumentará un 7% -o dobre que a media- os fondos destinados ao emprego. E no eido social, as contas manteñen o impulso ás políticas sociais co obxectivo de acadar un crecemento integrado que permita que a recuperación económica chegue a todos os fogares.
As contas presentadas no Parlamento inclúen unha forte aposta polos investimentos e, de feito, os gastos de capital aumentan un 5,3%, ata chegar aos 1.652 millóns de euros e por riba do crecemento medio das contas. Tamén reforzan o eido da innovación, no que a Xunta volve apoiar a competitividade como medio para impulsar o crecemento económico. Así, incrementaranse un 14% os recursos para a innovación e aumentarán o apoio empresarial, ao tempo que as axudas ao investimento produtivo nas empresas medran un 15%, ata chegar a case 90 millóns de euros.

Menos impostos


Ademais do proxecto de Lei de Orzamentos para 2019, o Goberno galego tamén entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen novas baixadas de impostos e se manteñen todas as que xa están en vigor como a do IRPF, no Imposto sobre Sucesións e no programa de impostos cero no rural.
Entre as novidades figura unha rebaixa do 12,5% no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada habitual, e outra baixada no Imposto sobre Sucesións e Doazóns- nas herdanzas entre irmáns-, para que o 60% das herdanzas entre irmáns en Galicia queden libres de tributación. A Xunta tamén reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio aprobada por mor da crise no ano 2013, de xeito que Galicia volve ter a mesma tributación que a que ten o Estado. E no eido da innovación, apróbanse novas deducións fiscais para incentivar a participación e o investimento en pemes innovadoras e iniciativas empresariais de base tecnolóxica, e tamén nas doazóns para investigación.

Empregados públicos


A Xunta de Galicia prevé nos Orzamentos aplicar o vindeiro ano un incremento salarial do 2,4% para todos os seus empregados públicos, sendo 2019 o cuarto ano consecutivo no que se incrementan os seus soldos. Ademais, a esta suba do 2,4% engádense os distintos acordos retributivos acadados nos eidos sectoriais
Esta suba salarial do 2,4% aplicarase no momento en que a Administración galega conte con habilitación legal do Estado. En todo caso, a Xunta xa fai nestes Orzamentos a correspondente reserva de crédito –como xa fixo neste 2018-, o que permitirá aplicar a suba salarial sen realizar cambios normativos e coa maior axilidade.

Menos débeda e máis crecemento


O único capítulo de gasto que baixa nos Orzamentos da Xunta é o de xuros de débeda, que se reduce un 2,5% en comparación co exercicio vixente. A Xunta acada así un aforro de cinco millóns de euros, que ascende a 185 millóns en comparación co exercicio 2014, recursos que agora se poden dedicar a mellorar
En canto á actualización do cadro macroeconómico, o conselleiro explicou que a previsión de evolución do PIB para 2018 do 2,8%, e do 2,5% para 2019, polo que Galicia seguirá medrando máis que a economía española. En termos de emprego, a previsión é rebaixar unha décima a taxa de paro recollida nos orzamentos vixentes, ao pasar do 14,2% ao 14,1%, mentres que en 2019 seguirá baixando ata o 12,7%.