domingo, 21 de octubre de 2018

Os Evanxélicos de Ourense acadan que en 2019 sexa emitido un selo que conmemorará os 450 anos da tradución da Biblia ao castelán e os 500 anos da Reforma

Difundíase este venres a noticia de que o  Servizo Filatélico de Correos confirmou que o selo que conmemorará os 450 anos da tradución da Biblia ao castelán e os 500 anos da Reforma Protestante emitirase en xaneiro de 2019. 

Terá un valor histórico importante, ao tratarse da primeira vez que a filatelia española emite un selo cun motivo solicitado polos  evanxélicos.

A traxectoria para conseguir que se concedese este selo foi complicada dado que a primeira petición en 2016 do selo para o aniversario dos 500 anos da Reforma foi desestimada. Con todo, será neste próximo 2019 cando se conmemore tanto a Reforma Protestante como a primeira tradución completa da Biblia ao castelán, realizada por  Casiodoro de Reina e coñecida como a “Biblia do Oso” polo motivo da súa portada, cun oso comendo dun  panal de mel, que foi editada en Basilea en 1569.

Destacar que a petición do selo á Comisión Filatélica do Estado, naceu de mans da Igrexa  Evangélica  Bonhome de Ourense, impulsada por un grupo de persoas lideradas por José  Luis Fernández Carnicero e José Caride Cortizo. E que contou cun amplísimo apoio -a petición contaba con 114 adhesións de entidades como  FEREDE, Alianza  Evangélica Española, Sociedade Bíblica, Centros de Estudos Teolóxicos, Concellos, Sociedades Filatélicas, Federación Galega  Sociedades Filatélicas ( FEGASOFI), o Centro Cultural da Deputación de Ourense, Sociedades Culturais, etc. 

Os promotores do Selo
Este mesmo venres tiven a oportunidade de reunirme con estes dous ilustres promotores e coñecer como van poñer en marcha unha comisión organizadora e outra comisión executiva para organizar a presentación do selo, que se realizará tanto en Madrid como en Ourense.

Parabéns ás Igrexas  Evanxélicas e  moi en especial á de Irmáns de Ourense, xa que ten moito mérito que nacera nesta cidade unha iniciativa tan ambiciosa e  agora desexo que o futuro selo colme as súas aspiracións e teña unha ampla difusión.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta