Onte a Consellería de Infraestruturas
e Vivenda difundía unha nota na que daba conta que investirá 51 millóns de
euros na provincia de Ourense no ano 2019, segundo
recolle o proxecto de Lei de Orzamentos remitido ao Parlamento.
Desa forma, o investimento per capita previsto polo departamento de
Infraestruturas da Xunta en Ourense será de 163,39 euros por habitante.
Este orzamento permitirá seguir
impulsando as comunicacións e a seguridade viaria na provincia de Ourense, onde
o presuposto da Axencia Galega de Infraestruturas ronda os 42 millóns de euros
previstos para o ano 2019.
O principal investimento recollido
nos Orzamentos son os case 7,9 millóns previstos para avanzar nas obras en
marcha da conexión co polígono industrial de San Cibrao das Viñas no treito da
A-52 e N 525. Trátase cuantitativamente dunha das partidas máis importantes,
que permitirá continuar avanzando na execución destas obras de cara a súa
finalización e posta en servizo no ano 2020.
Conta tamén con partida específica de
0,5 millóns de euros a segunda fase da posta en valor da Ponte Vella da cidade
de Ourense, e os Orzamentos consignan tamén máis de 350.000 euros para a
segunda fase da mellora da seguridade viaria na capital da provincia, na
estrada OU-105, en Seixalbo.
A Dirección Xeral de Mobilidade destina o seu orzamento na
provincia a dar un impulso ás obras da estación intermodal da cidade de
Ourense, con case 6,5 millóns de euros que permiten seguir avanzando na
construción da terminal de autobuses integrada na estación intermodal e que
inclúe a achega para a execución do aparcamento da intermodal por parte de Adif.
Por
último, sinalar que o departamento de Infraestruturas da Xunta, a través de
Augas de Galicia, destina ademais máis de 2 millóns de euros á provincia nos
Orzamentos do 2019, destacando a partida de 0,35 millóns de euros para a
mellora do abastecemento no Concello de Lobios.
Recibirá resposta