Onte tivo lugar en Santiago de
Compostela unha importante reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo e o ministro de Fomento José Luis Ábalos.
Finalizada a mesma, a Xunta daba a
coñecer unha nota na que “Feijóo ratificaba despois de reunirse co ministro de
Fomento, que as obras do tren de alta velocidade a Galicia estarán rematadas no
último trimestre de 2019: un compromiso inequívoco adquirido tanto co anterior
Goberno como co actual.
“A partir do 2019, cando se entreguen
formalmente as obras finalizadas na súa totalidade, é necesario que a Axencia
de Avaliación de Infraestruturas faga as auditorías que considere oportunas”,
explicou Feijóo, quen agarda que as devanditas auditorías conclúan á menor
brevidade posible.
Así mesmo, Feijóo amosou a súa
satisfacción por que o ministro de Fomento confirmara o material rodante xa que
“sen os trens AVRIL non serían posibles as conexións” e con eles “podemos ter
conexións moi competitivas”.
En materia de portos e mercadorías,
Feijóo saudou a confirmación de que este sexa prioritario para o Goberno
central e que se atope ao mesmo nivel que o Corredor Mediterráneo. “Agradezo o
compromiso de presentar este corredor nos próximos meses e de explicar a todos
os axentes económicos e sociais de Galicia o proxecto que ten o Ministerio para
o Corredor Atlántico, que está xa autorizado e priorizado pola Unión Europea”,
subliñou o titular do Goberno galego.
En relación á transferencia da AP-9,
Feijóo fixo fincapé en que esta autoestrada –que nace e morre en Galicia e que
non entra en Portugal– é a arteria viaria máis importante para a nosa
Comunidade desde o punto de vista económico, social e vertebrador. “Esa
transferencia pódese facer”, recalcou ao respecto, amosando a súa satisfacción
por que se vaia convocar unha comisión de seguimento na que se continúe
avanzando, logo de que o ministro de Fomento anunciase que a próxima semana
será convocada esta comisión para debater os detalles e as posibilidades de
esta transferencia.
En relación á ampliación da Ponte de
Rande, Feijóo solicitou ao ministro que se axilice tanto a supresión da peaxe
como as medidas comprometidas para compensar aos veciños de Chapela, en Redondela,
polas molestias causadas polas obras. Ao respecto, referiuse a medidas como a
insonorización das súas vivendas e os sistemas antirruído.
Outras infraestruturas
En materia de estradas, Feijóo
trasladoulle ao ministro de Fomento o interese de Galicia por finalizar a
autovía entre Lugo e Santiago no ano 2021, Ano Xacobeo, ante a previsión dunha
gran afluencia de peregrinos. “Por razóns de seguridade, parécenos que ese
esforzo ben vale a pena”, engadiu o presidente.
Logo de confirmar a finalización do
tramo San Martiño-A Barrela da autovía Lugo-Ourense, o presidente da Xunta
incidiu na necesidade de priorizar a circunvalación norte de Ourense, así como
o tramo Cambeo-Ourense.
Sobre a autovía Vigo-O Porriño, Feijóo
valorou que esta siga entre as prioridades do Ministerio de Fomento, que ten a
intención de financiala con cargo aos orzamentos do Estado.
Así mesmo, Feijóo e Ábalos tamén se
referiron a outras obras durante a xuntanza, como a Avenida de Alfonso Molina e
o Vial 18, na Coruña; a Avenida de Buenos Aires, en Vigo; ou o Enlace Orbital,
en Santiago. Todas elas, concretou, serán analizados na Comisión Mixta
convocada formalmente polo ministro para as próximas semanas.
Co obxectivo de ter realmente un Eixo
Atlántico completo e unha relación directa con Portugal, Feijóo inicidiu na
necesidade de facer en Vigo unha estación pasante á saída sur ferroviaria da
cidade. “É unha das prioridades da alta velocidade que ten Galicia neste
momento e unha oportunidade para converter a Vigo na capital da Eurorrexión”,
aseverou.
Pola súa banda o
Ministerio de Fomento difundiu onte unha nota de prensa que dicía:
“O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, anunciou
que, coa chegada do AVE a Galicia, acurtaranse os tempos de viaxe desde Madrid
ás principais cidades galegas nunha hora, en 2019, e en dúas horas en 2020, con
respecto á situación actual (Ver mapas en documento anexo).
Ábalos
trasladou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o apoio do
Goberno de España a Galicia, un de cuxos expoñentes, ademais do compromiso coa
chegada do AVE, será a potenciación do Corredor Atlántico. “As administracións,
pero tamén todo o tecido social e especialmente o económico, forman parte deste
proxecto que, sen dúbida, vai representar claramente un proxecto de cohesión
social e territorial para Galicia, Asturias e León”, afirmou o ministro.
Ábalos explicou que o Ministerio ten preparado o Plan
Director do Corredor Atlántico que inclúe medidas de adecuación e mellora do
corredor para todo tipo de mercadorías na zona noroeste, no que se definen
todas e cada unha das actuacións no conxunto das 19 liñas existentes. “Este
proxecto vai dar unha alta capacidade competitiva e de cohesión social e
territorial e, partir de agora, ábrensenos todas as posibilidades para
financialo”, aseverou.
“Quedamos co Presidente da Xunta –indicou o ministro–
en que imos facer unha presentación do Plan para que nos sirva de relanzamento
e poñer en valor o corredor incorporando toda
a parte noroeste”. Por iso, sinalou que “o Corredor Atlántico ten tanta
importancia como o Mediterráneo”.
O responsable do Departamento reafirmou o seu
compromiso, “en nome do Goberno de España” coas infraestruturas de Galicia e
“ratificou todos os compromisos do anterior Goberno”. Como exemplo, puxo o
acento en que “nestes tres primeiros meses de Goberno puxéronse en marcha 6
actuacións directamente relacionadas coa seguridade viaria por valor de 24
millóns de euros e deuse un gran impulso á contratación pública de Fomento en
Galicia” (un 83% de incremento respecto ao período anterior).
Autoestrada AP-9
Respecto da autoestrada AP-9, o ministro expresou que “nós facilitamos o
debate sobre esta infraestrutura no Congreso dos Deputados e, en todo caso,
imos facer unha auditoría e diagnóstico da situación, polo que a próxima semana
–anunciou– o secretario de Estado convocará á Comisión de Seguimento da AP-9
para proceder ao debate sobre os detalles e as posibilidades existentes”.
Recibirá resposta