Da actualidade política de hoxe resalto a reunión mantida entre
o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, coa ministra para a
Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, na que urxiu unha poxa eléctrica inmediata
que teña estabilidade no tempo, un estatuto da industria electrointensiva e uns
mecanismos compensatorios adicionais vía Lei de orzamentos -como xa na lei de
2018 se incluíron 150 millóns-, que garantan os postos de traballo, a
actividade e eviten a deslocalización. Ao que incidiu na necesidade dunha
transición enerxética ordenada e planificada e non abrupta e improvisada.
“Pedimos
moderación, planificación e responsabilidade na súa execución”, abundou, ao que
engadiu que non se pode seguir aumentando o prezo da enerxía que faga que a
industria non sexa competitiva e que o prezo da factura eléctrica mensual dos
cidadáns sexa cada vez maior, ao incrementarse mes a mes e semestre a semestre.
Durante
a xuntanza, e logo de lembrar que en Galicia hai 10 empresas electrointensivas
que dan emprego a 5.000 persoas, referiuse especialmente á situación crítica de
Alcoa, e recalcou a necesidade dun marco estable do prezo da enerxía, “dunha planificación
enerxética e dun prezo da enerxía para toda a industria electrointensiva de
Galicia e de España”.
Nesta
liña, Feijóo referiuse tamén ás centrais de Meirama e As Pontes, recordando que
o seu peche implicaría que a Comunidade galega deixe de ser excedentaria en
enerxía para ser deficitaria. “Un territorio como o noso cunha enorme
capacidade hidráulica e eólica, non pode permitirse o luxo de, mentres non haxa
máis potencia renovable instalada, desconectar esas centrais de respaldo. Así,
en 2017, cando en Galicia choveu moi por debaixo da media, estas dúas centrais
triplicaron a súa actividade e produción. Non se poden desconectar estas dúas
centrais sen ter un sistema enerxético alternativo funcional”, explicou.
Ademais
de constatar co Ministerio que non hai establecido ningún límite de
funcionamento das dúas centrais, o presidente da Xunta trasladou a necesidade
de que ambas as centrais sigan traballando ata que outros países fagan a
desconexión das súas centrais de térmicas. E subliñou a importancia de que
Meirama faga os investimentos da mesma forma que o está facendo As Pontes para
manterse operativa máis alá do 2020 co límite de emisións fixado pola UE.
O presidente da Xunta abordou tamén coa ministra o potencial da biomasa en Galicia e, nesta mesma materia, referiuse ao ecobarrio de Ourense, valorando a receptividade da ministra para asinar o convenio e poder implementar este proxecto a principios de 2019 e que abarca os 20.000 veciños do barrio da Ponte.
Nesta
liña, precisou que, ademais da nova planta de biomasa que se construirá en
Curtis, nas vindeiras semanas o Goberno galego proporá, por petición da
ministra, dúas novas instalacións “que necesitarán primas, porque producir
enerxía eléctrica a través de biomasa é moi caro”.
Feijóo
incidiu na aposta que a Comunidade está a facer polas enerxías renovables,
sendo unha das autonomías con máis porcentaxe de produción eléctrica vía
renovables “e no 2020, o 20% do consumo de enerxía eléctrica virá das
renovables”, dixo.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta