Asisto esta mañá no Congreso dos Deputados ao acto de inauguración da xornada #Ciencia no Parlamento, unha iniciativa que se enmarca nas celebracións do 40 aniversario da Constitución Española e que ten como obxectivo explorar como as innovacións que se están producindo no ámbito científico poden trasladarse ao lexislativo.
A inauguración deste evento tivo lugar ás 9.00 horas coas intervencións da presidenta do Congreso, Ana Pastor; o promotor de #CienciaenelParlamento, Andreu Climent; Jorge Barrero, Director Xeral de COTEC e a secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras.
Nestas xornadas do 6 e o 7 de novembro, políticos e científicos debaterán no Congreso sobre as evidencias científicas existentes en relación a unha ducia de asuntos de interese social, previamente seleccionados. O obxectivo é que intercambien opinións sobre como esas evidencias poden ser tomadas en conta durante o proceso lexislativo, impulsando a participación do coñecemento na elaboración das leis.
Nas mesas de debate participan, ademais do moderador, deputados, expertos científicos e técnicos de asesoramento científico. A primeira delas centrarase na intelixencia artificial e o big data e a continuación celebraranse outras sobre envellecemento e saúde, conciliación familiar e futuro enerxético. A clausúra do primeiro día das xornadas correrá a cargo do ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque.
Estas xornadas oficiais de #CienciaenelParlamento sentarán as bases da futura oficina parlamentaria de asesoramento científico e tecnolóxico, un instrumento con gran tradición en moitos países desenvoltos e que ata agora non existía en España.
A presidenta do Parlamento, Ana Pastor, comprometeuse a abrir proximamente unha oficina parlamentaria permanente de asesoramento científico e tecnolóxico.
Recibirá resposta