lunes, 3 de diciembre de 2018

Chega o cambio a Andalucía, e o PP recibe o encargo de liderar a alternativa dun goberno de centro-dereita


Onte as eleccións andaluzas concluíron cun resultado histórico, o Partido Socialista – a pesar de gañar en votos  escanos – non consegue sumar apoios para seguir gobernando en Andalucía despois de corenta anos.

E vemos nos resultados un mandato inequívoco e claro de encargo ao PP - forza política do cambio máis votada -  para que configure unha maioría alternativa para romper con catro décadas de malas políticas, casos non moi edificantes e formación dun réxime clientelar.

As miñas felicitacións a Juanma Moreno e a todo o PP de Andalucía que conta co apoio da dirección nacional para emprender as negociacións e recibir o apoio daqueles partidos que queiran ese cambio histórico en Andalucía e recuperar a prosperidade, o crecemento económico, a creación de emprego e os servizos sociais nesta comunidade autónoma.

Tras 40 anos, xa era hora de que o PP gobernase en San Telmo, coa lexitimidade de facelo despois de ter o poder nas oito capitais de provincia, en cinco de oito Deputacións provinciais e en 25 de 27 grandes cidades andaluzas.

Sen dúbida estes resultados autonómicos teñen consecuencias a nivel nacional  e como dicía hoxe Pablo Casado “España xa non pode aguantar mais incompetencia de Sánchez”.

O presidente do PP asegurou que a partir de agora, “non hai nada que negociar co PSOE” porque, “eles deixaron claro que non teñen ningunha responsabilidade de Estado para buscar o noso apoio” en ningún asunto que afecta o noso país como a negociación dos Orzamentos, a xestión do  Brexit ou en políticas tan importantes como  a migratoria, a xudicial ou a fiscal.

É evidente que apenas cinco meses despois da moción de censura os andaluces dixéronlle un non rotundo a Pedro Sánchez, non confían nas súas políticas, nos seus aliados independentistas, batasunos e  podemitas nin que poida representar esperanza de futuro para as súas vidas.

Felicitar tamén a Pablo Casado, o primeiro presidente do PP elixido por primarias. O seu proxecto político foi ratificado nestas eleccións e volve representar a un centro-dereita sen complexos, que aspira a liderar con maioría absoluta moi pronto este país.