Hoxe en Arteixo na
Xunta Directiva provincial do PP da Coruña o presidente
dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo,afirmou que “hai un pouco do PP en
cada recuncho de España e debe haber un pouco de cada recuncho de España no
PP”, subliñando que na súa formación hai xestión, Goberno, solvencia,
experiencia e responsabilidade, por iso “non se vai a atopar noutro partido o
que se busca no Partido Popular e non se vai a atopar noutro partido un Goberno
que realmente goberne”.
Nesta Xunta Directiva estivo acompañado polo presidente do partido,
Pablo Casado, e polo presidente provincial, Diego Calvo. Segundo indicou, no
seu partido está a defensa da Constitución, a defensa da unidade da nación, da
igualdade entre todos os españois, e do Estado das Autonomías, que permite non
ter que elixir entre Galicia e España.
“No Partido Popular está poñer
en valor o que nos une e minimizar as diferenzas, hai unha idea global de
España, pero tamén hai unha propia de Galicia”, resaltou o presidente.
Así mesmo, Feijóo tamén
reivindicou o valor e a importancia do Partido Popular, admitindo o orgulloso
que sente por formar parte dunha forza política que gobernou e superou as dúas
crises máis grandes que viviu o noso país nas últimas décadas, que foi clave na
transformación de España e de Galicia, ao que se suman persoas e perspectivas
ao redor de obxectivos comúns, e que soubo afrontar unha renovación case sen
precedentes, tratándose dun partido que “alá onde gobernou contribuíu sempre ao
progreso e, onde non gobernou, contribuíu á democracia”.
UN GOBERNO QUE GOBERNE
O líder do PPdeG lamentou que
en España non haxa un Goberno que goberne. Pola contra, estamos ante un
Executivo que non defende os intereses de todos os españois, senón soamente os
de Pedro Sánchez.
Como sinalou, temos un
presidente que non quere ver que o que pasa en Cataluña a pesar de que o que
alí ocorre “é de libro, e ese libro é a Constitución”. Nese sentido, lembrou
que a Carta Magna debe ser respectada polo seu Goberno autonómico e, se non o
fai, quen debe asegurarse que se cumpra a Constitución é o Goberno de España.
“O preocupante é que nin un nin outro o fagan”, engadiu.
Igualmente, aseverou que non
hai Goberno que goberne nas Comunidades sostidas polos mesmos socios de Pedro
Sánchez nin nos concellos manexados directa ou indirectamente polos populistas.
Ao contrario, si hai un Goberno que goberna nos municipios xestionados polo PP,
onde se actúa só debéndose aos veciños; e si hai un Goberno que goberna en
Galicia, onde cada semana a Xunta aproba novas iniciativas, cada mes saen
adiante novos proxectos e cada ano apróbanse as contas en tempo e forma.
“Galicia vai prosperando
cada día con máis indicadores positivos, con máis infraestruturas e servizos,
con máis oportunidades, e con máis benestar”, remarcou.
Por
último, animou a seguir traballando nestes seis meses unidos e con ilusión,
fixando un listón máis alto que os demais, e servindo con humildade e realismo
a carón dos veciños para que o PP sexa a formación “que a xente busca e que
espera que sexamos”. “Galicia é o que nos une ante partidos divididos, Galicia
é o proxecto e sentido deste partido, e Galicia é España”, sentenciou.