sábado, 29 de diciembre de 2018

Sobre a execución do proxecto "Raia termal" no concello de Cortegada

Infórmome por medio da web da Confederación  Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), que o presidente José Antonio Quiroga,  e o alcalde de Cortegada Avelino Luis de Francisco, asinaron onte o convenio de colaboración que posibilita as obras que a  CHMS vai realizar no municipio de Cortegada (Ourense), dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza(POCTEP) “RAIA TERMAL”.

O citado Convenio, informan que ten por obxecto determinar as condicións que rexerán o financiamento, redacción do proxecto, posta a disposición dos terreos, execución e o réxime da posterior entrega para o mantemento e conservación das obras e instalacións contempladas nos proxectos de “Construción de piscinas termais exteriores e acondicionamento do contorno do balneario de Cortegada” e “Sinalización da ruta termal Terras de Cortegada” (Cortegada - Ourense).

As actuacións para executar na primeira das obras consistirán na recuperación, acondicionamento e axardinado da zona verde no contorno do Balneario de Cortegada, de titularidade municipal, situado ás beiras do río Miño, e a ampliación do seu circuíto termal coa construción de tres piscinas termais.

A segunda das actuacións consiste na sinalización da ruta termal “Terras de Cortegada”, que ten o seu inicio e fin no Balneario, aos pés do río Miño, a cal se divide en dous trazados circulares que se poden realizar por separado ou ben agrupados de forma que se poidan xerar tres variantes diferentes. A lonxitude total ascende a 28,1 km, podendo realizarse variantes de 21,20 km e 8,10 km.

O investimento total necesario para as actuacións estimouse en 283.513,15 €, que será asumida na súa totalidade pola Confederación  Hidrográfica Miño-Sil, o 75 % a través de fondos  POCTEP e o 25 % restante, con fondos propios deste Organismo.

A Confederación  Hidrográfica do Miño-Sil, licitará, adxudicará e xestionará os contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución do presente Convenio, ata a terminación definitiva das obras.

O Concello de Cortegada realizará as xestións administrativas precisas para a obtención dos terreos, bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de obras, as súas modificacións e posibles obras complementarias, que para ese efecto poñerá a disposición da Confederación  Hidrográfica do Miño-Sil.

En varias ocasións neste Blog puxen en valor o gran traballo realizado polo anterior presidente da  CHMS Francisco Marín Muñoz, xa que foi grazas á súa decisiva intervención como se planificou, conseguiu e puxo en marcha varios proxectos financiados con fondos comunitarios, como o  Raía Termal,  Migramiño e  tambié o Rexenera Limia e o  Risc Miño Limia.





Tamén me satisfai a noticia por afectar ao  concello de Cortegada que é un dos máis fermosos da provincia, como daba conta tamén neste Blog con ocasión da miña visita en maio deste ano.



En definitiva, celebro esta noticia e espero que o convenio que onte foi rubricado execútese en tempo e forma.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta