viernes, 18 de enero de 2019

A Deputación cofinanciará coa Xunta a creación dun centro galego de innovación da FP en Ourense


Recibimos onte unha boa noticia que é que o Consello da Xunta a proposta da a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional incrementará en case un 70% o orzamento destinado ao Plan de dotación de infraestruturas educativas, que amplía a súa vixencia ao período 2016/21 (un ano máis). O desenvolvemento do Plan de infraestruturas educativas ata o ano 2021 prevé a execución de 34 actuacións de obra nova (construción, ampliación e reformas importantes), ás cales se destinarán máis de 45,5 millóns de euros. Inclúese unha previsión para a creación dun centro galego de innovación da FP en Ourense, cun investimento de 3,5 millóns de euros.

Trátase dunha infraestrutura única na nosa comunidade autónoma, promovida polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e que será cofinanciada pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Baltar afirma que este centro "situará á provincia de Ourense no liderado da Formación Profesional en Galicia, o que suporá un gran impulso para o desenvolvemento do emprego xuvenil e para novas oportunidade laborais, así como maior capacitación e innovación para as empresas".

"Trátase –expresou o presidente Baltar logo de coñecer o ditame do Consello da Xunta, dado a coñecer polo titular do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo- dunha decisión estratéxica que supón unha aposta por un proxecto educativo e formativo único, que colocará a Ourense como referente na Formación Profesional".

O Centro Galego de Innovación da FP ten recibido nas últimas datas o respaldo unánime de sectores empresariais, educativos e sociais, logo das reunións impulsadas por Manuel Baltar para acadar apoios co obxectivo de crear este centro en Ourense, "un proxecto que marcará un antes e un despois na formación profesional da nosa mocidade", destaca o presidente da Deputación de Ourense. Precisamente, o pasado martes, Baltar reuníase no Pazo Provincial con empresarios e asociacións representantes das principais empresas da provincia e de Galicia para analizar as potencialidades que achegaría a implantación desta iniciativa en Ourense, reunión que contou coa presenza de directivos de COPASA, UNVI, COGESA, Grupo Cuevas, Plexus, Redegal, Aníbal Blanco, Abanca, Grupo La Región, CEGASAL, as confederacións de empresarios de Ourense e de Pontevedra, o Círculo de Empresarios de Galicia, a Asociación de Pizarristas e ANFACO, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, empresas e entidades ligadas aos sectores da construción, dos servizos financieiros, das novas tecnoloxías, da economía social, da automoción e fabricación de pezas, da loxística e transporte, da industria agroalimentaria e da industria extractiva, que son a base da economía galega e ourensá. Só na provincia de Ourense, o volume total de facturación destes sectores tractores superou en 2017 os 4.500 millóns de euros.

Emprego xuvenil

A importancia da creación en Ourense deste centro de referencia da Formación Profesional incide directamente no ámbito do emprego xuvenil, pois as análises do mercado laboral sitúan á FP como unha das principais vías que favorece atopar emprego máis rápido que outras opcións educativas, contando cun 76,5 % de inserción laboral. "Será, sen dúbidas, un gran revulsivo para a capacitación profesional na provincia de Ourense", remarca Baltar, un territorio que na actualidade conta unicamente con tres ofertas formativas ligadas á FP dual.

A defensa que o presidente do goberno provincial fixo por acadar este proxecto para Ourense expúxoa xa no pasado debate sobre o estado da provincia de Ourense -celebrado o 6 de novembro de 2018-, onde dixo que a Deputación "estaba disposta, tanto por capacidade loxística como por solvencia económica, a cofinanciar coa Xunta de Galicia a implantación do gran centro de referencia de FP de Galicia, unha iniciativa que vén de obter o respaldo do Consello da Xunta e que comeza, desde hoxe mesmo, o camiño cara a poñer en marcha na nosa provincia unha infraestrutura educativa que traerá máis emprego, máis empresas e máis servizos para a provincia de Ourense. É unha decisión de equilibrio territorial e de vocación autonómica que aposta polas nosas potencialidades e por seguir afondando na excelencia da empregabilidade e da formación aplicada", subliñou.

Parabéns a Manuel Baltar por promover esta inciativa.