Da actualidade políotica de hoxe en Galicia, saliente
a comparecenencia di presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciou na
comisión de investigación sobre a Sanidade pública do Parlamento de Galicia, que
proporá a todos os presidentes autonómicos a convocatoria de MIR extraordinaria
para a atención primaria co obxectivo de paliar a evidente ausencia de
profesionais.
Difunde a Xunta unha nota de prensa que reproduzo: “Feijóo defendeu, deste xeito, a necesaria
implicación do Goberno central -unha Administración que posúe capacidade
decisoria única sobre aspectos tan básicos como o número de médicos que se
forman cada ano, e en que especialidades- e precisou que tratará este tema co
futuro presidente andaluz, “e espero que tamén –abundou- co resto de
presidentes que saian elixidos nas próximas eleccións autonómicas de
maio".
Ante o aumento progresivo da demanda e a escaseza de
profesionais para cubrir prazas de primaria, o titular da Xunta incidiu en que
a mellora deste servizo “é un dos asuntos que nos convoca de forma máis
urxente”. E recordou, nesta liña, que ademais da decisión da Xunta de
intensificar as categorías de atención primaria nas próximas ofertas públicas
de emprego, comezando pola deste ano 2019, a reformulación do modelo de
atención primaria está sendo xa obxecto de debate nos grupos específicos
propostos polo Servizo Galego de Saúde: máis de 60 profesionais presentarán un
conxunto de propostas á Administración sanitaria previsiblemente no próximo mes
de febreiro.
Tamén ponderar nos concursos o tempo traballado en
prazas que se están a ocupar por especialistas de enfermería, é dicir, ter en
conta o coñecemento e formación que achegan estes profesionais en primaria.
Facer unha ponderación máis axeitada dos cupos, en función da complexidade das
patoloxías, é dicir, ter en conta tanto nas retribucións como na distribución
dos cupos o número de pacientes de 0 a 3 anos que ten un pediatra, e no caso
dos adultos o número de pacientes de máis de 70 anos que ten un médico de
familia nos centros de saúde. E estimular a formación e innovación buscando
fórmulas que permitan unha maior integración dos profesionais da Primaria nos
equipos de investigación sanitaria que está funcionando no Sergas.
Compromiso de seguir defendendo a Sanidade pública con
máis Sanidade pública
Ademais de seguir defendendo a necesidade dun gran
pacto nacional que permita salvagardar a calidade e a sustentabilidade do
sistema sanitario, Feijóo aseverou que, paralelamente, en Galicia se seguirá
traballando, na xestión diaria e tamén nos principais retos estruturais que
existen cara ao futuro, entre os que destacan: dar resposta ao número crecente
de pacientes crónicos; afrontar a conxuntura de prestar servizos no rural; desenvolver
a medicina de precisión e personalizada en moitas patoloxías; ou ampliar a
atención domiciliaria como unha das fórmulas máis axeitadas para responder ás
necesidades do avellentamento da sociedade.
“Imos seguir defendendo a Sanidade pública da única
maneira que pode facerse: con máis Sanidade pública. Exactamente como ata agora
e exactamente como queren a maioría dos galegos”, sentenciou, lembrando que
hoxe os galegos temos garantido por lei prazos de espera máximos, unha
posibilidade da cal desde 2017 xa se beneficiaron 43.000 persoas.
Igualmente, hoxe hai dereito de elección de médico,
pediatra ou persoal de enfermería, así como de centro hospitalario por un novo
problema de saúde, opción que elixiron libremente máis de 311.000 galegos. Hai
dereito a unha segunda opinión máis áxil, e xa a teñen solicitada máis de 1.200
persoas e hai máis vías rápidas que nunca para a atención de determinados
cancros -mama, colon, pulmón próstata, vexiga, melanoma e cabeza e colo-, o que
permitiu acadar un tempo medio de derivación desde a atención primaria ata o
especialista de menos de cinco días.
Así mesmo, referiuse aos novos servizos de atención, como a consulta telefónica
en atención primaria ou o seguimento postoperatorio a todos os pacientes dados
de alta no hospital que son chamados desde o centro de saúde; á mellor
información e máis accesible, grazas á extensión da historia clínica e da
receita electrónicas ao cen por cento dos galegos; e ás novas vacinas gratis
que nunca para os nenos (como a da varicela e o pneumococo) que antes había que
pagar, incorporouse a da tose ferina para mulleres embarazadas e, por primeira
vez, aprobouse un calendario de vacinación para adultos.
“Hoxe hai novos medios de prevención, grazas, por
exemplo, a un sistema de cribado semellante ao do cancro de mama para o cancro
de colon, e desde este ano tamén para o cancro cervical. E están consolidados
novos tratamentos que antes non existían, como é o caso da hepatite C”,
asegurou, precisando sobre este punto que o Servizo Galego de Saúde leva
investidos 130 millóns de euros nestes tratamentos e tratados 7.800 afectados
por esta patoloxía, sendo Galicia unha das primeiras comunidades en iniciar os
tratamentos.
Máis fondos, máis profesionais e máis medios para
prestar un mellor servizo
Ao longo da comparecencia, Alberto Núñez Feijóo
constatou que nos últimos anos os recursos sanitarios non só non diminuíron,
senón que aumentaron, convertendo Galicia na quinta comunidade con maior gasto
sanitario consolidado de España: en datos absolutos, cun aumento próximo ao 10
% (de 3.600 en 2008 a 3.987 millóns de euros do 2018); e, tamén, en datos
relativos, con máis de 4 puntos de incremento (do 36 ao máis do 40 % no 2018).
“E hai tamén máis profesionais: 2.300 profesionais
máis, un 6,5% de incremento respecto á situación que atopamos en 2008. En
persoal médico e de enfermería aumentamos en máis de 1.300 en atención
hospitalaria e arredor de 250 efectivos en primaria”, explicou, referíndose
ademais ao esforzo levado a cabo para mellorar a situación dos profesionais
sanitarios, como demostra, entre outras iniciativas, a aprobación da carreira
profesional específica, que suporá melloras engadidas, as OPE que superan as
7.500 prazas convocadas, ou a recuperación do nivel retributivo que se vira
afectado durante a crise.
O titular da Xunta sostivo que o exemplo máis
ilustrativo desa mellor dotación é a modernización completa das infraestruturas
sanitarias, que se está a levar a cabo de xeito ininterrompido desde 2009 e que
ao seu remate permitirá poñer á disposición dos galegos un novo Servizo Galego
de Saúde, mellor preparado para hoxe pero tamén para o futuro.
Ao respecto, precisou as obras que están completamente
rematadas: en Vigo construíuse un dos mellores hospitais públicos de España; en
Lugo equipouse totalmente un novo hospital público e mellorouse a carteira de
servizos; no hospital público do Salnés ampliouse un 26% a superficie
hospitalaria; no hospital público de Verín ampliouse a carteira de servizos e
renováronse as consultas externas; e, no hospital público de Cee instalouse
unha nova sala de hemodiálise e modernizáronse os quirófanos.
E, sobre outras actuacións explicou que: en Ourense,
xa está funcionando o novo edificio de hospitalización con 52.000 metros
cadrados adicionais e presentada a 2ª fase que complementará a mellora do
centro. No hospital público da Mariña séguese avanzando na súa ampliación, cuxa
primeira fase xa está rematada, cun aumento da superficie dun 33%. No hospital
público da Coruña renovouse o 100% do bloque cirúrxico e duplicáronse as
urxencias, e antes de que remate a lexislatura, presentarase o novo hospital
público da Coruña. E, en Pontevedra, estase traballando no proxecto do futuro
Gran Montecelo e este ano licitarase a primeira fase das obras.
Por outra banda, no hospital público de Ferrol
redactouse o proxecto básico e de execución e xa está licitado. Xa se está
planificando a futura reorganización e ampliación do hospital público de
Santiago. No hospital público do Barbanza ampliáronse as consultas externas, inaugurouse
un laboratorio de análises e xa se comezou coa ampliación das urxencias. No
hospital público de Monforte introduciuse o servizo de oncoloxía e proximamente
contratarase o seu proxecto de remodelación. E o hospital público de Valdeorras
terá proximamente un proxecto de reforma con novo equipamento.
“E, igualmente, as infraestruturas de atención
primaria están sendo obxecto de melloras importantes”, dixo, resaltando que,
desde 2009, a Xunta actuou en 54 centros de saúde e, en 2020, esta cifra
incrementarase ata os 82 ambulatorios.
Segundo o titular do Goberno galego, a mellor dotación
sanitaria tamén se reflicte no ámbito tecnolóxico. Non en van, nunca antes se
fixera unha aposta tan forte pola incorporación de tecnoloxía, con 100 millóns
nos últimos anos: desde a máis alta tecnoloxía -quirófanos híbridos,
resonancias, PET, aceleradores lineais, etc.-; ata a aparellaxe máis simple
pero igualmente fundamental -mamógrafos, ecógrafos, electrocardiógrafos, entre
outros-.
Diante destas infraestruturas, Feijóo confirmou que
hoxe sete de cada dez galegos viven a carón dun centro novo ou renovado. “E
cando todas se completen, será o cen por cen”, matizou.
Na súa intervención, o presidente do Goberno galego
expresou o orgullo de que os galegos fósemos capaces de blindar e mesmo
mellorar os nosos servizos públicos, e especialmente a Sanidade pública, ao
tempo que asegurou que se foi posible é grazas: á responsabilidade dos
distintos departamentos do Goberno, que aceptaron reducir o presuposto de todas
as consellerías para manter e incluso incrementar o da Consellería de Sanidade;
á responsabilidade dos pacientes, que mudaron normalmente actitudes con grande
impacto no gasto, como incrementar o consumo de medicamentos xenéricos do 10 en
2008 ao 44% en 2018; e á responsabilidade dos profesionais, que durante varios
anos exerceron o seu labor con soldos conxelados, sen extras ou con menos días
de libre disposición.
En relación a este último punto, Feijóo salientou que
esta implicación dos profesionais do Sergas, reflíctese en datos obxectivos
como: o máximo histórico en intervencións cirúrxicas - 210.000 en 2018, é
dicir, 34.000 máis que no 2008-; o máximo histórico en consultas, en hospitais
(4,5 millóns, 15,8% máis) e en atención primaria (26,6 millóns, un 3% máis); o
máximo histórico de transplantes (354 o pasado ano, un 32 % máis que en 2008);
a alta capacidade de resolución de atención primaria, xa que no 94,3 % dos
pacientes non foron derivados ao hospital; e as menores esperas desde que hai
rexistros, porque respecto a 2008 hoxe se agardan 20,7 días menos para unha
cirurxía moi grave, 7,9 días menos con carácter xeral e 18,4 días menos para
unha consulta.
Todos estes indicadores proban que Galicia é un
territorio cunha Sanidade Pública mellor que en calquera outro momento, e tamén
mellor que na maioría dos lugares do noso contorno. E os cidadáns, no barómetro
sanitario máis recente, outorgan á Sanidade Pública a nota máis alta da serie
histórica, e indican que os servizos que máis valoran son, xustamente, a atención
primaria e as urxencias. Pola contra, noutras comunidades, esa cualificación
foi decrecendo nos últimos anos.
A Sanidade pública, un dos maiores logros colectivos
da Galicia autogobernada
Logo de advertir por parte dalgúns sectores unha
premeditada descualificación global da Sanidade pública galega, o presidente da
Xunta lamentou que tres dos catro grupos parlamentarios se ausentasen da
comisión que eles mesmos pediron, “faltando ao respecto á Cámara galega e, por
tanto, aos galegos”.
“Defender a Sanidade pública e recoñecer un dos
maiores logros colectivos da Galicia autogobernada. Nel súmanse o esforzo
contributivo dos cidadáns que a financian, a capacidade profesional dos
sanitarios, a calidade da formación das escolas e centros universitarios, a
capacidade dos xestores e tamén o compromiso de todos os gobernos que tivo a
Xunta”, asegurou, distinguindo entre as críticas que pretenden mellorar o
sistema e as críticas que pretenden destruílo, unicamente por razóns
ideolóxicas ou partidarias.
Feijóo concluíu sentenciando que a Sanidade pública
será sempre unha obra en permanente reforma e permanente mellora. “Nela teñen
cabida todos os galegos e todas as críticas que busquen perfeccionar un sistema
público que resiste todas as comparacións”, dixo, ao tempo que expresou o
orgullo da Sanidade pública “que non se conforma, e que aspira a poder seguir
avanzando para continuar sendo unha das mellores sanidades públicas do mundo”.
Recibirá resposta
Recibirá resposta