O 20 de decembro daba conta neste Blog da
nova de que Galicia foi a primeira comunidade autónoma de
España que aprobaba os seus Orzamentos para 2019, logo de que as contas públicas recibisen e o
visto e prace no Pleno do Parlamento.
Unhas contas para 2019 que
incrementan o gasto en 363 millóns, un 3,8%, o que permitirá reforzar o gasto
social.
Precisamente hoxe o presidente
do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba en A Estrada, nunha visita ás
instalacións da escola infantil, que nas vindeiras semanas se ampliará o Bono
Coidado para cubrir tamén os servizos de ludotecas e outros espazos infantís.
Feijóo aseverou que o fomento da
conciliación seguirá sendo unha das grandes prioridades da Xunta: con máis
prestacións, como a Tarxeta Benvida, que cun orzamento de 36 millóns de euros
en 2019, acaba de mellorarse para poder ser solicitada durante o embarazo; con
máis facilidades para que os empregados públicos concilien mellor a vida
persoal e laboral, como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade;
e con máis prazas de gardería e recursos de conciliación innovadores, como as
casas niño, das cales está a piques de resolverse a terceira convocatoria.
Así mesmo, fixo fincapé en que “o Bono Coidado foise mellorando progresivamente, para axustarse ás necesidades das familias” e precisou que
nesta nova convocatoria se investirán 1,2 millóns de euros ampliables para
atender todas as solicitudes que se reciban.
Sobre este punto, o titular do Executivo autonómico salientou
que a deriva demográfica é un problema estrutural de primeira orde para a nosa
Comunidade e apelou ao compromiso e á implicación de todas as administracións
–local, provincial, autonómica e estatal-, e ao conxunto da sociedade galega,
especialmente do tecido empresarial, tanto das pemes como das grandes empresas.
“Temos que seguir traballando sen descanso para poñer todos os
recursos ao servizo das familias que queiran ter fillos, para que ter un fillo
en Galicia non sexa un problema, nin familiar, nin económico, nin laboral. Ese
é o noso obxectivo”, aseverou, insistindo na necesidade de políticas de
natalidade estatais concretas; de políticas europeas que teñan reflexo nos
fondos europeos da vindeira década; e da implicación do tecido empresarial e económico.
“Estamos a falar dun reto moi complexo onde non hai fórmulas
máxicas”, abundou, facendo fincapé na importancia de que as empresas asuman
dentro das súas prioridades a conciliación como un compromiso de
responsabilidade social, corporativa e económica, e destinen parte da súa
acción social a este eido.
En relación á escola infantil A Galiña Azul da Estrada, Feijóo
subliñou que estas instalacións acollerán a un total de 74 nenos de 0 a 3 anos,
repartidos en cinco aulas. E destacou este Concello como un exemplo do esforzo
que se está a facer na Comunidade para mellorar as posibilidades de
conciliación das familias. Non en van, A Estrada duplicou desde 2009 as prazas
públicas de escola infantil que ofrece, ao pasar de 102 a 208, grazas á esta
nova infraestrutura, ao financiamento público dunha gardería de iniciativa
social e aos Bonos Concilia.
Deste xeito, o municipio rexistra neste curso unha ratio de
prazas de escola infantil sostidas con fondos públicos do 52%, case 20 puntos
por riba da porcentaxe mínima recomendada pola Unión Europea, que é do 33%.
Melloras que van acordes ás que se están vivindo en toda Galicia, onde hoxe se
ofrecen máis de 24.000 prazas públicas de escola infantil, o dobre das que
había en 2009.
O presidente da Xunta concluíu resaltando ademais que esta
escola infantil foi galardoada co premio Gran de Area, que recoñece cada ano as
mellores obras das provincias de Ourense e Pontevedra. “Estamos a falar dunha
escola infantil que consegue conxugar dúas das grandes prioridades deste
Goberno: por unha parte, acadar unha Galicia cunha paisaxe máis harmónica, na
cal as edificacións se integren con naturalidade no territorio; e, pola outra,
conseguir unha Galicia que responda mellor ás necesidades de conciliación das
familias”, afirmou.