A
miña primeira intervención nos medios de comunicación deste ano foi esta mañá
na tertulia radiofónica do programa Voces de Galicia de Radio Voz que nesta ocasión
moderou Eva Millán, e na que participo Iván Puentes.
Falamos
en primeiro lugar dos problemas da atención primaria en Galicia e dixen que
consideraba moi positivo que da recente reunión celebrada o 18 de decembro entre o conselleiro
de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o equipo directivo do Sergas con profesionais
de todas as áreas sanitarias, do Consello Galego de Médicos, dos colexios
profesionais de enfermería, farmacia e fisioterapeutas, e das asociacións de
médicos de familia e das sociedades científicas, xurdira a creación de seis
grupos que abordarán especificamente, a reorganización e a creación de equipos
para identificar os novos roles dos profesionais que traballan na atención
primaria; as medidas encamiñadas á atención da demanda con calidade e
seguridade; a priorización do plan de investimentos previstos para 2019 na
atención primaria; as relacións entre a atención hospitalaria e a primaria; a
formación e a investigación e a relacións cos pacientes a través das novas
plataformas tecnolóxicas aplicadas á saúde.
E
que froito dese traballo acordado agárdase poder contar coas primeiras
conclusións dos expertos no vindeiro mes de febreiro.
Dixen
que o compromiso cunha sanidade pública de calidade do Goberno de Feijóo é evidente e por iso contamos con mellores hospitais
e centros de saúde públicos, o que non quita para recoñecer a existencia de
carencias que deben solventarse.
Eva Millán propúxonos falar de
"Programa Escolle", unha
actividade preventiva e de formación do
concello de Ourense na que participaron 33 menores de idade con denuncias
por consumo de alcol en lugares públicos.
Valorei de modo moi positivo este programa
que posibilita a substitución de sancións económicas e pensando para aumentar a
percepción de risco asociado ao consumo de alcol, mellorando a información e
coñecementos dos mozos.
Neste sentido citei o Relatorio de
estudo “Menores sen alcol” que foi
aprobada pola Comisión Mixta para o Estudo do Problema das Drogas, na súa
sesión do pasado día 24 de abril de 2018.
Constatan os expertos algúns datos moi
preocupantes, como que os menores se inicien no consumo de alcol aos 14 anos. E
doutra banda, que máis dun terzo dos menores de 17 anos afirma emborracharse unha vez ao mes, mentres que
tan só 3 de cada 10 menores din non consumir nunca bebidas alcohólicas.
Outro dato moi preocupante son as grandes
cantidades que inxeren os nosos menores, sobre todo as fins de semana. Así,
hoxe, máis de 700.000 menores admiten beber cinco ou máis copas nun curto
espazo de tempo. É dicir, un consumo de “ atracón” que causa importantes danos
para a súa saúde. E que polo menos 6.000 menores foron ingresados por
comas etílicos no ano 2016.
Resaltei a gravidade do tema e que o
informe xurdido no Relatorio Menores sen Alcol é froito do traballo de 38
expertos que achegaron os seus coñecementos científicos e académicos así como
as súas experiencias e investigacións sobre o consumo de alcol dos menores en
España.
Recibirá resposta