viernes, 25 de enero de 2019

O Sergas prevé a construción do centro de saúde do Vinteún, en Ourense


A mellora e modernización das infraestruturas en atención primaria é unha prioridade para a Xunta de Galicia. Actualmente, a Xunta traballa na construción ou reforma dun total de 25 centros de saúde. Gran parte dos proxectos xa están en obra, licitados ou en fases previas á licitación. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou o pasado xoves ao Consello da Xunta do estado actual destas actuacións, que beneficiarán preto de 310.000 cidadáns.

A Xunta de Galicia destina máis de 65 millóns de euros a novos proxectos e ten máis de 48.000 metros cadrados de nova construción. Cómpre sinalar que durante o pasado ano 2018 entrou en funcionamento o centro de saúde de Ares , e en 2017 finalizáronse os centros de saúde de Tui, A Valenzá-Barbadás, Pontedeva e A Capela. En total, incluíndo estes centros de saúde que xa entraron en funcionamento, a Xunta destina máis de 75 millóns de euros.

Actualmente están coas obras en execución un total de nove centros de saúde, que son os de Gondomar, Milladoiro (Ames), A Estrada, a reforma do centro de saúde da Illa de Arousa, a ampliación do Punto de Atención Continuada da Laracha, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Salceda de Caselas e o centro de saúde e PAC de Narón.

O Servizo Galego de Saúde continúa a traballar para poñer á disposición da cidadanía galega infraestruturas modernas, con capacidade de resolución de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo ao paciente, como é a atención primaria. Así, xa están licitadas as obras para construír o novo centro do Saviñao e a reforma do centro de saúde de Pazos de Borbén, que serán de inicio inmediato.

Ademais, en preparación de licitación encóntranse os novos centros de saúde de Melide, Centro Integral de Saúde (CIS) do novo Barrio da Residencia de Lugo e Bouzas (Vigo). Así como as reformas dos centros de saúde de Mugardos e As Pontes.

Por outra banda, hai un total de seis centros pendentes da cesión de terreos que son o CIS en Lalín, o CIS de Cangas-Moaña, o centro de saúde de Moaña, o centro de saúde de Santa Lucía (en A Coruña), o de Caldas de Reis e o de Poio.


O Sergas prevé, ademais, a ampliación do centro de saúde do Porriño, en preto de 700 metros cadrados útiles, e a construción do centro de saúde do Vinteún, en Ourense. Tamén está licitándose o proxecto do centro de saúde de Conxo (Santiago)

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta