Onte o presidente da Xunta, Alberto
Núñez Feijóo, destacaba que Galicia, Asturias e Castela e León solicitarán ao
Goberno central un programa de actuacións e a demanda de financiamento
comunitario para transformar o Corredor Atlántico de Mercadorías en sinónimo de
competitividade, progreso económico e emprego; para transformar liñas
ferroviarias deseñadas no século XIX, nun ferrocarril de mercadorías que lle
permita ao Noroeste competir na Europa do século XXI.
Unhas actuacións que o responsable do
Executivo galego cifrou nun investimento de preto de 3.000 millóns de euros
para optar ao cofinanciamento con fondos europeos.
“Móvenos a defensa das nosas industrias,
dos nosos traballadores, dos nosos portos, da nosa competitividade e a defensa
lexítima da equidade, da solidariedade entre os territorios que conformamos
España”, dixo Feijóo, durante a clausura do Encontro para o impulso do Corredor
Atlántico Noroeste, ao tempo que incidiu en que a alianza destas tres comunidades
constitúese a favor de todos e en contenda con ninguén; baixo a vontade de
estar máis cerca e máis dentro de España e de Europa.
Unha España e unha Europa que deben
apuntalar a súa solidez económica, loxística e comercial para facer fronte aos
potentes competidores asiáticos; e que asumiron como obxectivos o fomento da
economía baixa en carbono, potenciando, entre outras cuestións, o transporte
ferroviario como alternativa ao tráfico rodado, que produce preto da quinta
parte das emisións de efecto invernadoiro do continente.
Nesta liña, fixo fincapé en que só cunha
rede ferroviaria de transporte de mercadorías moderna, rápida e fiable se
poderá conectar o tecido empresarial do noroeste con Europa en condicións
competitivas en canto a prezo, tempos de dispoñibilidade ou mesmo servizos de
postvenda. E máis aínda tendo en conta que, ata o 50% do prezo final dun
produto pode vir determinado polo transporte.
“E buscamos, tamén, beneficios para os
nosos portos e plataformas loxísticas, que mediante o impulso da
intermodalidade terán máis posibilidades de aproveitar a súa posición
xeográfica estratéxica e competir por novas actividades e investimentos”,
engadiu. Uns beneficios que, segundo afirmou, poden multiplicarse se se
confirma que a incorporación do Noroeste é completa e inclúe a liña Vigo-Porto,
en correspondencia co territorio da macrorrexión.
Se a unidade política, económica e
social das tres comunidades fixo posible que a Comisión Europea aceptase a
proposta de incluír no Corredor Atlántico os itinerarios ferroviarios que van
desde Venta de Baños (en Palencia) e León ata Xixón, Vigo e A Coruña, pasando
por Ourense e Monforte de Lemos, o responsable do Executivo galego aseverou
que, grazas á concertación de esforzos, aquela meta que entón semellaba case
unha quimera, hoxe atópase “ao alcance das nosas mans”.
Ao respecto, sostivo que as demandas
individuais serían febles e dificilmente terían conseguido corrixir o rumbo
deste Corredor Atlántico que, errónea e inxustamente, esquecía Galicia,
Asturias e gran parte de Castela e León. Non en van, trátase dun territorio
comercialmente estratéxico por ser o extremo occidental do continente, con 7
portos de interese xeral do Estado e novas plataformas loxísticas que
multiplican a capacidade loxística das dársenas.
“Ese primeiro triunfo foi o comezo dunha
nova misión: acadar que a entrada do noroeste peninsular no Corredor Atlántico
de Mercadorías sexa algo máis que un trazo nos mapas”, abundou.
Ao longo da súa intervención, o
responsable do Executivo galego quixo agradecer a presenza dos representantes
institucionais, empresariais e sindicais para “xuntos, deseñar o escenario que
queremos que se execute no futuro”. E trasladou o desexo de seguir profundando
nesa aposta polo diálogo e a cooperación.
“A defensa do Corredor Atlántico é unha
referencia: conseguiu unha inédita concertación en todos os ámbitos, polo que
estou seguro de que, se a mantemos viva, ese primeiro éxito que alcanzamos terá
continuidade en forma de investimentos e de aí, en oportunidades, riqueza e
emprego”, sentenciou.
Sobre este aspecto, o responsable do
Goberno galego lembrou que a aposta pola colaboración territorial foi e é unha
constante na acción da Xunta. “Este encontro segue o camiño emprendido polo
presidente Fraga, que entendeu, xa ao inicio dos 90, a necesidade de unir os
intereses lexítimos dun noroeste peninsular, que non só dun noroeste español”,
dixo.
Empezaba así un diálogo e un intercambio
cada vez máis intenso entre Galicia e o Norte de Portugal que daría lugar á
primeira eurorrexión constituída na Península Ibérica. E, ese espazo, lonxe de
amurallarse, foise ampliando progresivamente, ata a RESOE –a macrorrexión do
sudeste europeo-, primeiro con Castela e León en 2010, posteriormente, xa en
2014, con Asturias e o centro de Portugal, e máis recentemente, en 2017, tamén
con Cantabria. “De novo os territorios do norte peninsular, considerados
periféricos, fomos pioneiros na decisión de compartir recursos para ser un
único actor de primeiro nivel na Europa do século XXI, a través da cooperación
no transporte, a industria, a educación superior, o turismo ou a demografía.
Fixemos da cooperación a nosa forma de estar en Europa e tamén en España”,
afirmou, destacando que, mentres outros optaban por un destrutivo illamento,
Castela e León, Asturias e Galicia apuntalaban o edificio da colaboración,
selando en Oviedo un acordo para defender o marco xurídico estatal, posturas
comúns sobre os incendios forestais ou a sustentabilidade do sistema de
benestar, no contexto do envellecemento.
Ese espazo foi crecendo e convencendo
ata alcanzar o 50% do territorio de España. E, o pasado 10 de setembro, as tres
autonomías asinaron con Aragón, A Rioxa e Castela a Mancha unha declaración institucional
en defensa dun novo modelo de financiamento autonómico e dunha resposta ao
serio reto demográfico.
“Os gobernos de Castela e León, Asturias
e Galicia abordamos antes, conxuntamente, e con outras comunidades, as
preocupacións comúns. Inquietudes, pero tamén oportunidades compartidas, como o
Camiño de Santiago que ten ante si o reto de facer do próximo Ano Santo 2021 o
mellor da historia”, concluíu, facendo fincapé en que hai moitos asuntos que
esixen profundar na reflexión conxunta, a suma de esforzos e a confluencia de
vontades.