Informa hoxe Adif Alta Velocidade que realizou esta pasada madrugada a primeira auscultación xeométrica no tramo Zamora-Pedralba de la Pradería, correspondente á Liña de Alta Velocidade ( LAV) Madrid-Galicia. Levan a cabo así os primeiros percorridos completos polo novo tramo, de 110 km de lonxitude.
Na nota de prensa dan conta de que " o vehículo auscultador chegou a Zamora, procedente de Olmedo (Valladolid), pola vía en explotación e pasou directamente ao tramo en probas Zamora-Pedralba de la Pradería, conectado a principios deste mes de xaneiro.
A primeira auscultación realizouse na vía 1 en todo o seu percorrido, desde Bifurcación Bolón ata Pedralba de la Pradería. Esta próxima noite o vehículo realizará a mesma comprobación no traxecto inverso por vía 2 e volverá á base de Olmedo.
Auscultación xeométrica
A auscultación xeométrica de vía comproba, de maneira dinámica, a idoneidade dos diferentes parámetros de vía: nivelación, aliñación, anchos, peraltes e alabeos, fundamentalmente. Estas comprobacións son o paso previo á entrada doutros trens en vía para as seguintes fases de proba.
O tramo Zamora-Pedralba de la Pradería foi sometido á auscultación xeométrica de vía mediante auscultador láser Plasser EM- SAT. Este vehículo ferroviario permite a auscultación xeométrica continua de toda a liña, como complemento aos sistemas de comprobación empregados na fase previa de obra mediante elementos manuais e topografía clásica.
Os resultados obtidos pola lectura continua do vehículo auscultador son sometidos posteriormente a análise, comprobación e corrección, no seu caso.
Unha vez realizado este traballo, o vehículo auscultador volverá facer unha comprobación milimétrica ata alcanzar a adecuada xeometría de vía desde o punto de vista da seguridade e o confort.
Ademais desta auscultación xeométrica, realizaranse outras probas previas á posta en servizo comercial do tramo: probas de auscultación de catenaria, probas de carga con trens nas estruturas, probas de enclavamientos, probas do sistema europeo de xestión do tráfico ferroviario ERTMS nivel 2 e probas de fiabilidade. Posteriormente, o operador (Renfe) encargarase da formación de maquinistas."
Tramo Zamora-Pedralba de la Pradería
Este tramo de alta velocidade, inscrito na LAV Madrid-Galicia, parte da estación de Zamora e ten unha lonxitude total de 110 km, con dobre vía en ancho estándar ou UIC (1.435 mm) en todo o seu percorrido.
O tramo está deseñado para velocidades máximas de ata 350 km/ h, con electrificación 2x25 kV 50 Hz en corrente alterna, sistemas de control de tráfico ERTMS N2 e Asfa, e sistema de comunicacións móbiles GSM- R.
O trazado inclúe 14 viadutos, 9 túneles pérgolas, o PAET de Tábara (Zamora), a nova estación de Sanabria, na localidade de Otero de Sanabria (termo municipal de Palacios de Sanabria), e un cambiador de ancho en Pedralba de la Pradería.
Entre os puntos singulares do trazado destacan os viadutos sobre o río Tera (645 m) e Puebla Este (756 m), así como os túneles de Otero (1.144,46 m) e Puebla (1.498,49 m).
Recibirá resposta