lunes, 14 de enero de 2019

Uns Orzamentos Xerais do Estado para 2019 decepcionantes para Galicia e para Ourense

Hoxe pola mañá a ministra de Facenda, María Jesús Montero entregou á presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2019, aprobado o pasado venres 11 en Consello de Ministros. 

Ás 11:30 horas, na Sala Ernest  Lluch, a titular de Facenda ofreceu unha rolda de prensa ante os medios de comunicación para detallar o contido do proxecto das contas xerais do Estado para 2019.

E a partir de aí coñecemos o contido dos mesmos e máis en concreto o capítulo de investimentos reais.

Tras analizar os datos, tanto desde o PP de  G como desde o PP de Ourense fixemos as seguintes valoracións que paso achegar transcribindo as notas de prensa:

NOTA PP DE G

Celso Delgado: "Sánchez retira inversións aos galegos para darllas  aos que o manteñen na Moncloa"

"O deputado galego no Congreso, Celso Delgado,  asegurou que, cos seus Presupostos Xerais do Estado, “Pedro Sánchez retira inversións aos galegos para darllas aos que o manteñen na Moncloa".

Deste xeito, os populares galegos amosaron a súa preocupación polo proxecto de Orzamentos que acaba de presentar o Goberno para 2019 xa que se trata dunhas contas que son un instrumento de discriminación, penalizando  por motivos políticos a unhas Comunidades –como o caso de Galicia- en favor doutras ás que os socialistas lles deben favores -como é Cataluña-.

Ademais, son unhas contas fóra de prazo que non se sabe cando se aprobarán nin como, con previsións ficticias que repiten erros do pasado, medrando o gasto sen ingresos reais que o soporten, ademais de supoñer unha altísima subida de impostos

“Estamos moi decepcionados por comprobar a discriminación que se fixo con Galicia por cuestións exclusivamente políticas”, admitiu Delgado, que lamentou que o presidente do Goberno, “en lugar de facer o seu traballo de maneira responsable, se dedique  a comprar cos cartos da nosa Comunidade un ano máis a bordo do Falcon”.

“Estes presupostos castigan gravemente os intereses de Galicia, pasamos de ter un investimento co Goberno presidido por Mariano Rajoy de máis do 9% no 2018 ao 6,22% do investimento territorializado, o máis baixo dos últimos anos. Sen embargo, Cataluña pasa do 13 a un 17% de investimento”, recoñecía ao tempo que engadía que isto só responde e ser o pago de Sánchez polo seu aluguer na Moncloa, xa que os votos de Esquerra e PDECat foron decisivos na moción de censura e tamén o son agora para aprobar estas contas.

Así mesmo, Delgado afeou que haxa unha caída enorme de investimento en infraestruturas viarias e estradas para a nosa Comunidade, ademais de numerosos proxectos que se paralizan.

“Non podemos esquecer tampouco que estes presupostos van machacar ás clases medias e baixas polos impostos masivos, xa que soben o IRPF, o de Sociedades, o de Patrimonio ou as cotizacións á Seguridade Social –entre outros- algo que repercutirá negativamente nas empresas pero tamén nas familias. “É mentira que van pagar máis os ricos, como afirma Sánchez, senón que as familias modestas, os traballadores e os pequenos empresarios e autónomos veranse moi prexudicados pola subida de impostos como a do diésel”, manifestou.

Celso Delgado tamén avanzou que os populares galegos no Congreso presentarán cando comece o trámite de emendas “todas as que sexan necesarias para corrixir estes déficits”.

Por último, emprazou tanto aos socialistas galegos como aos integrantes das Mareas na Cámara Baixa a rexeitar estas contas xa que se atopan moi por debaixo do 8% de investimento que o Goberno bipartito consideraba que era necesario para a nosa Comunidade, ademais de non defender en absoluto os intereses dos galegos."

NOTA PP DE OURENSE

"O proxecto económico do PSOE é unha afronta a Ourense ao reducir drásticamente o investimento en estradas.

O  forte compromiso alcanzado polos gobernos de Mariano Rajoy con Ourense ven de truncarse cos primeiros orzamentos que presenta o goberno socialista de Pedro Sánchez, pois a provincia pasa dos 414,72 millóns de euros no último mandato popular aos 295,18 millóns de euros. Así o destacan os deputados ourensáns Miguel Ángel Viso, Celso Delgado e Ana Belén Vázquez á hora de valorar o proxecto orzamentario presentado esta mañá no Congreso, e que reducen drásticamente os investimentos en estradas de gran importancia para Ourense como a variante norte da A-56, a autovía A-76 a Ponferrada ou a circunvalación do Barco.

Entre os datos máis importantes que recollen estes orzamentos para Ourense, os deputados populares chaman a atención sobre a autovía A-56. Xa en condicións de licitar en 2019 as obras do  primeiro tramo, correspondente á variante norte de Ourense (Eirasvedras-Quintela) non figura consignación alguna, cando no pasado ano tiña unha partida de 2,50 millóns de euros.

Tamén critican os representantes do PP que para autovía A-76, no tramo entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras, que estaría en condicións de licitación en 2019, tan só se consigne unha mísera cantidade de 100.000 euros, mentres que o ano pasado tiña unha partida de 3 millóns de euros.

Ademais, a circunvalación do Barco de Valdeorras (na conexión entre a N-120 e a N-536), recén licitada e que debería estar en obras en 2019, recibirá tan só 2 millóns de euros, un millón menos que en 2018.

 REDUCION DOS INVESTIMENTOS EN GALICIA

No seu conxunto, Galicia perde 184,182 millóns de euros de investimento, o que supón unha reducción do 19 %. Se o pasado ano tiña consignados 936,8 millóns, en 2019 só recibirá 757,1.

Mentres que en 2018 o goberno popular destinaba a Galicia máis do 9 % do investimento por rexións, agora esa cantidade redúcese ao 6,22%, o que significa o rexistro máis baixo dos últimos anos e moi por debaixo do 8 % que o goberno bipartito consideraba mínimo. Mentres, Cataluña gaña 724 millóns de euros e sube dun 13 % a un 17% do investimento por territorios.

 CONSIDERACIÓNS XERAIS

O Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado presentado polo goberno de Pedro Sánchez é “o pago vergoñento aos grupos que apoiaroon ao PSOE na moción de censura”, lembraron os deputados ourensáns, que non dubidaron en cualificar estas contas como “irreais nos ingresos pero dramaticamente reais nos gastos, pois pretenden arranxar a súa incompetencia na xestión facendo ciencia ficción en canto van gastar e ocultando o malgasto que xa están a facer”.

As contas son un brinde ao sol, engadiron, que só sairán adiante co apoio dos independentistas, “non porque crean que son uns bos orzamentos senón porque como confesaron non poden deixar caer ao goberno de  Sánchez”.

Para os representantes do PP, o famoso xiro social consiste en levar a cabo as medidas que xa estaban aprobadas polo goberno popular, como a suba xeral de pensións do 1,6 %, as mínimas do 3 % e as de viuvez un 7,15 %; a suba do 2,25% para os funcionarios ou a equiparación salarial, que xa están garantidas con independencia de que se aproben ou non estes  orzamentos. 

300 EUROS MÁIS EN IMPOSTOS

A gran diferenza fronte ao PP, que baixou o IRPF ás rendas inferiores a 18.000 euros, “é que cada contribuínte pagará agora unha media de 300 euros máis en impostos”, subliñan os deputados ourensáns.

Hai unha suba masiva de impostos que prácticamente tocan todas as figuras tributarias como a renda, Patrimonio, Sociedades, o diésel e as cotizacións á Seguridade Social, creando dous novos impostos: transaccións financeiras e servizos dixitais, con dous efectos claros.

Por unha banda, os impostos non os pagarán os máis ricos, pois a recadación conxunta da suba do IRPF (328 millóns) e do imposto de Patrimonio (339 millóns) é menor que a prevista pola suba do diésel, que alcanza os 670 millóns de euros. 

Neste último capítulo, o de hidrocarburos, compre sinalar por exemplo que o parque de turismos ourensán consta de 186.483 vehículos, segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico de novembro de 2018. Deles, o 64 % (118.268) usan o diésel como carburante, polo que sufrirían directamente as consecuencias deste incremento.

Ademais, tampouco serán os bancos nin as eléctricas nin as grandes empresas as que paguen máis, “xa que repercutirán directamente estes aumentos a clientes e usuarios, como xa vimos co impsto sobre Actos Xurídicos Documentados”.

Para o PP, está é unha suba de impostos totalmente innecesaria, xa que a recadación tributaria xa está en máximos e se pode facer fronte ao gasto social que tiña comprometido o PP, que entre 2011 e 2018 aumentou, sen contar o desemprego, en 26.263 millóns de euros."


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta