Salientar que hoxe a conselleira
de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega
de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentaron unha proposta deseñada pola
Xunta como “alternativa viable” ás novas subas extraordinarias na AP-9 e para
impedir que os galegos se vexan abocados a pagar máis de 1.400 millóns de euros
por unhas obras que custaron menos de 230 millóns.
Vázquez
Mourelle explicou que estas subidas de tarifas extraordinarias teñen a súa
orixe na decisión adoptada polo Goberno socialista en 2011 para que o
financiamento da ampliación da AP-9 se realizase con cargo a subas acumulativas
da peaxe do 1% durante 20 anos. Esas subas extraordinarias, que comezaron a
aplicarse en outubro, supuxeron xa que en 4 meses o prezo da AP-9 se
incrementase case un 6%, isto é cinco veces máis que o IPC.
O Goberno
galego considera inxustificadas e desequilibradas a favor da concesionarias
varias cuestións contidas no acordo entre o Estado e a concesionaria pechado no
ano 2011, tales como os termos do financiamento, certas partidas de
compensación á empresa e mesmo a bonificación do imposto de sociedades. Esas
cuestións son as que elevan a factura que deben aboar os cidadáns ata os 1.400
millóns de euros.
A
responsable de Infraestruturas subliñou que ese acordo agrava en gran medida o
impacto que as peaxes da AP-9 teñen para a sociedade e a economía de Galicia,
que se atopa moi desfavorecida no marco do desequilibrio territorial que existe
no Estado en relación coas autoestradas e que tende a acentuarse.
A ese
respecto, Ethel Vázquez lembrou que só unha parte do territorio de España está
vertebrada por autoestradas de peaxe e a maioría elas están en proceso de
finalización do período de concesión e, polo tanto, do pago por parte dos
usuarios. Ademais, sinalou o caso das autoestradas que foron “rescatadas” polo
Estado, nas que se vén de aplicar un desconto do 30% das tarifas, ademais dunha
bonificación do 100% en horario nocturno.
Fronte a
isto, as peaxes da AP-9 están a subir de forma extraordinaria e por iso o
Goberno galego realizou unha proposta de actuación fundamentada nun intenso traballo de estudo e de cálculo.
Esa
proposta ten dous eixes, de forma que, por unha banda establece unha revisión á
baixa do acordo pechado en 2011 coa concesionaria, eliminando os pagos
inxustificados, e que se afronte o custo das obras acometidas a través dos
Presupostos Xerais do Estado en lugar de con subas de peaxe.
Así,
proponse un pago anual á concesionaria de 53,1 millóns de euros durante 5 anos
por parte dos Presupostos Xerais do Estado que, sumado ás dúas subas de peaxe xa
acometidas, permitiría evitar novos incrementos extraordinarios.
Doutra
banda, a postura da Xunta consiste en aplicar descontos do 25%
nas viaxes de ida e volta no día para paliar o impacto das peaxes nas economías
familiares, na competitividade e na seguridade viaria. Estímase que o custo
anual desa medida roldaría os 12,9 millóns de euros.
Ethel
Vázquez destacou que ambas as dúas demandas son asumibles e poderían
materializarse mantendo o nivel de investimento previsto en Galicia nos
Presupostos do Estado do ano 2018.
A
conselleira asegurou que se trata dunha proposta “realista e viable” para que as peaxes da
AP-9 sexan máis xustos para os cidadáns e avanza que a Xunta a defenderá no
novo escenario político.