Asisto esta mañá a un encontro informativo sobre o
Corredor Atlántico organizado en Madrid por Nova Economía Fórum, no que
participaron o presidente galego,
Alberto Núñez Feijóo así como o de Asturias, Javier Fernández, e o de
Castela e León, Juan Vicente Herrera.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu reforzar
o Corredor ferroviario ao Noroeste cos investimentos necesarios para unha
España equilibrada porque “unha España hemipléxica –aseverou- tería
consecuencias irreparables a longo prazo”.
Deste xeito, propuxo que se garanta na
planificación do Corredor Atlántico o baipás de Monforte, a conexión
ferroviaria do Porto de Punta Langosteira e, sobre todo, a saída sur de Vigo que,
na súa opinión, debe proxectarse xa, aínda que non se poida incorporar ao
trazado do corredor ata 2023.
Feijóo sinalou, ademais, que esta última actuación é
especialmente relevante para que a Unión Europea poida decidir favorablemente a
incorporación da liña Vigo-Porto ao corredor. Algo fundamental para a
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, onde viven case 6 millóns e medio de
cidadáns europeos e onde se xera un importante intercambio de mercadorías –máis
de 3.100 millóns de euros en exportacións e máis de 1.800 millóns en
importacións-.
“Non estamos solicitando nada en contra de ninguén,
senón a favor de todos”, dixo, incidindo en que unha España mellor vertebrada
no Noroeste e mellor vertebrada cara a Portugal é unha España mellor, “máis
forte”.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno
galego recordou que detrás do Corredor Atlántico está a reclamación de toda a
sociedade que o recorre. “A defensa dun transporte ferroviario de mercadorías
fiable e competitivo para os nosos portos e as nosas plataformas loxísticas foi
un traballo común das tres administracións, pero sobre todo dos axentes sociais
de Galicia, Asturias e Castela e León”, dixo, sostendo que este corredor que,
grazas á firme resolución institucional, inclúe o Noroeste de España, non ten
afiliación política porque “pertence á Política con maiúsculas”.
Nesta liña, aseverou que as tres comunidades seguirán
traballando conxuntamente para lograr que a entrada do noroeste peninsular no
Corredor atlántico de mercadorías sexa algo máis que un trazo nos mapas. É
dicir, lograr aproveitar as novas oportunidades de financiamento que se abren
para que a inclusión teña como consecuencia concreta investimentos na rede de
mercadorías co fin de que se dote dos requisitos de calidade que son propios
dun corredor.
“E por iso, o que nos propoñemos agora é traballar
para que o plan de actuacións plantexado a semana pasada polo actual Executivo
estatal sexa completo e atenda as prioridades para a competitividade das nosas
industrias e dos nosos portos”, dixo, precisando que fóra do plan de Fomento
hai investimentos que deberían incorporarse.
Ao respecto, subliñou que, mentres as tres comunidades
cifraron en 3.100 millóns os novos investimentos necesarios de forma específica
para o trazado noroeste do Corredor Atlántico, neste momento só figuran menos
da metade (1.286 millóns).
A hora, o ano, a década e o século do Noroeste
O presidente da Xunta insistiu en que tería sido
demoledor que o Noroeste de España quedase descolgado da planificación europea,
como se plantexou nun principio. “Demoledor para os nosos intereses esquecer un
territorio comercialmente estratéxico para España por ser o extremo occidental
do continente, polo que chegan a Europa os maiores barcos procedentes de
América e África, con sete portos de interese xeral do Estado e novas
plataformas loxísticas en marcha”, explicou, asegurando que o conxunto de España
non pode avanzar sen que o faga todo o territorio de forma máis ou menos
homoxénea.
O presidente da Xunta avogou, deste xeito por que non
só sexa “a hora do Noroeste”. “Esperamos que sexa o ano, a década e o século, e
que España avance de forma sólida e completamente polo Atlántico e polo
Mediterráneo. É posible e é necesario”, incidiu.
Sobre esta mesma idea, expresou o desexo de que este
encontro sirva para estender a outros asuntos a idea da España equilibrada.
“Tanto no financiamento autonómico como no tratamento do problema demográfico
debe sonar con forza a hora do noroeste”, sentenciou.
Máis alá da reivindicación de infraestruturas e
investimentos que son vitais para as tres comunidades e para o conxunto de
España, o presidente do Goberno galego destacou este encontro, tamén, como unha
forma de rexeitar as liñas vermellas e reclamar os teléfonos vermellos.
“A política española precisa de moitos teléfonos
vermellos que se descolguen precisamente para defender a España. Non deberíamos
estar nunca fóra de cobertura ou co terminal apagado cando se trata de defender
ao noso país ante desafíos que afectan á mesma esencia da nación, e por ende ao
benestar dos cidadáns que nos outorgaron a súa confianza e a súa
representación”, abundou.
Por outra banda, e fronte ás opinións que lamentan que
a estrutura territorial debilitase ao Estado, Feijóo aseverou, pola contra, que
o fortaleceu, como demostra o feito de que o independentismo desleal non só é
insurrecto cotra a Constitución, senón así mesmo contra o propio Estatuto de
Cataluña.
“Nada agradaría máis ao separatismo que ter enfronte
un centralismo absoluto que confirmara a súa falacia de que España non pode
albergar a diversidade”, dixo, incidindo en que quen desafían a unidade
nacional tamén terán enfronte ás autonomías leais que axudan a preservar o
equilibrio e a xustiza no Estado, ademais de permanecer vixilantes ante
calquera privilexio.
Na súa intervención o presidente Juan Vicente Herrera afirmou que “tanto Castela e León, como Galicia e Asturias piden hoxe á sociedade española, e en particular ao mundo da economía e da empresa, que se involucre no gran proxecto do Corredor Atlántico, debido a que se trata dunha oportunidade real de vida e de desenvolvemento para ese cuadrante do territorio nacional e os seus habitantes e, por tanto, dunha gran oportunidade de desenvolvemento, crecemento e emprego para o conxunto de España, que debe ser aproveitada.”
O presidente de Asturias, Javier Fernández dixo "Por iso cando, como hoxe, expomos a relevancia económica e loxística do corredor atlántico e a importancia de garantir a súa conexión cos portos de Vigo, A Coruña, Avilés e Xixón, non só expresamos a conveniencia de contar cunha oferta de transporte ferroviario segura e fiable que evite a conxestión na estrada e reduza a sinistralidade, o impacto ambiental e as emisións de efecto invernadoiro, tamén estamos a manifestar a nosa convicción sobre a necesidade reequilibrar un mapa económico e social cada vez máis envorcado cara ao levante español.
Dirán vostedes que contrapesar a evolución do stock de capital público no territorio non é suficiente, que a España que se baleira non vai encherse só a forza de estradas e ferrocarrís.
E teñen razón, pero priorizar un proxecto ferroviario desta envergadura, deseñar un conxunto coherente de medidas de fomento da fecundidade ou multiplicar o Fondo de Compensación Interterritorial son dese tipo de decisións que nos farían pensar que os nosos problemas xa non soan estraños e aparecen, por fin, na orde do día da política estatal."
Recibirá resposta