martes, 26 de febrero de 2019

Instamos ao Goberno central a que asuma a supresión da aplicación do incremento da tarifa do 1% acumulativo anual na AP-9

Esta tarde os deputados galegos no Congreso presentamos emendas á Proposición de Lei Orgánica de transferencia da AP-9 para que esta se faga cos compromisos adquiridos e sen supor gastos extra para os galegos.

Difundimos unha nota de prensa que di: “O deputado galego no Congreso, Celso Delgado, demanda que o cambio de titularidade sirva para paliar o desequilibrio territorial en materia de autoestradas de peaxe que prexudica a Galicia, e acadar tamén unha mellor eficiencia e eficacia da vía. “É necesaria a súa transferencia para rachar con esta discriminación”, e que permita unha xestión máis directa e pegada ao territorio que, segundo Celso Delgado, suporá unha mellora considerable da calidade do servizo e un aumento da súa competitividade.

Tal e como salientou, co fin de garantir o imprescindible equilibrio territorial e igualdade de oportunidades de Galicia co resto de España, instan ao Estado a que asuma, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado a supresión da aplicación do incremento da tarifa do 1% acumulativo anual durante os próximos 20 anos. Neste punto, Celso Delgado recordou que estas subas das tarifas teñen a súa orixe nun acordo aprobado polo Goberno socialista en 2011. “Queremos que se poña fin a estes pagos inxustos e que se afronte o custo das obras acometidas, a través dos Orzamentos Xerais do Estado en lugar de con subas inxustificadas de peaxe”, indicou. “É inaceptable –engadiu- que os galegos teñan que pagar máis de 1.400 millóns de euros por unha infraestrutura que custou menos de 230 millóns”.

Os populares propoñen, tamén, a bonificación da peaxe nun 25% para itinerarios de ida e volta, aplicándose a ambos itinerarios para todos os tipos de vehículos e calquera día da semana. Unha medida que afonda na diminución do impacto das peaxes nas economías familiares, na competitividade e na seguridade viaria.

AS ACTUACIÓNS COMPROMETIDAS

As emendas esixen tamén o cumprimento de todas aquelas actuacións xa comprometidas polo anterior Goberno de Mariano Rajoy. Así, Celso Delgado recordou, a liberalización da peaxe de Redondela, a ampliación de Alfonso Molina, a conexión da AP-9 coa A-54 (Enlace Orbital) nas súas dúas fases, a reforma do enlace de Pontevedra Norte, o Vial 18 de conexión entre AP-9 e AC-14, así como as medidas derivadas do Plan de Acción contra o ruído aprobado polo Ministerio de Fomento.

A estas actuacións hai que sumar tamén: a ampliación da capacidade de aqueles tramos da autoestrada no que o nivel de servizo que se rexistre o faga preciso, como son os tramos entre A Coruña e Guísamo, Pontevedra Norte-Pontevedra Sur, a ponte de Rande, Rande-Puxeiros e AP-9, incluíndo a remodelación do enlace de Bos Aires.


Celso Delgado salientou a importancia desta vía, que cualificou de “vital para a nosa comunidade”, ao ser un eixo de comunicación principal en Galicia, ao conectar a 5 das cidades de Galicia –Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo- e vertebrar o 60% da poboación galega e o 80% da súa actividade económica.”