Da actualidade política
de onte saliento as declaracións feitas polo portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy,
asegurando que, gracias á xestión dos cartos públicos realizada polo Goberno de
Feijóo nos últimos dez anos, “Galicia comportouse de forma exemplar no ámbito orzamentario e fiscal do conxunto de España”.
“Con menos recursos, xeramos menos débeda, pero cunha política fiscal que permitiu o crecemento deixando máis cartos en mans dos cidadáns, mantendo e mellorando o Estado do Benestar e permitindo a recuperación económica”, engadiu.
“Con menos recursos, xeramos menos débeda, pero cunha política fiscal que permitiu o crecemento deixando máis cartos en mans dos cidadáns, mantendo e mellorando o Estado do Benestar e permitindo a recuperación económica”, engadiu.
Pedro Puy fixo un
balance do que “levamos feito nos últimos dez anos en materia económica desde o
Goberno da Xunta, ao celebrarse o vindeiro 1 de marzo o décimo aniversario
dunhas eleccións nas que o PPdeG iniciou en Galicia unha vía política de
estabilidade co apoio da maioría dos cidadáns de Galicia”. “En resumo, estamos satisfeitos
do traballo feito porque as cifras e os datos avalían a actuación feita desde o
Goberno galego”, asegurou.
FONDA TRANSFORMACIÓN
“A crise permitiu
á economía galega facer unha fonda transformación de fondo, que explica moitas
das cousas que aínda quedan sen resolver, como o nivel de desemprego, pero que
da conta do enorme esforzo feito para conseguir que a economía galega estea
nunha posición moito máis sólida do que estaba antes do inicio da crise”,
indicou. Neste sentido, explicou que a economía ten variado a composición da
estrutura produtiva galega, salientando a perda de valor engadido bruto e de
emprego do sector da construción, “que estivo na base da crise económica pola
burbulla que se xerara e porque non aportaba unha formación que permitise aos
mozos que se incorporaban ao mundo do traballo afrontar o futuro unha vez que a
burbulla estoupou”. Na actualidade, Galicia “amosa unha imaxe dunha sociedade
máis moderna que mantén o pulo tanto do sector agrario como industrial”, dixo.
Esta transformación
profunda ter permitido un incremento do produto interior bruto, que pasou de
56.740 millóns en 2009 ata os 64.000 millóns de euros en 2018. Así, apuntou que
“o feito de que estea a crecer o PIB per cápita, que chegou a 22.497 euros o
pasado ano, é unha boa nova nun contexto no que a demografía está a caer”. Ademais,
sinalou que “temos converxido con España (pasando do 87,4 ao 90 por cento)
mellorando sete posicións desde o ano 2000 (de ser a 17 comunidade autónoma ao
10 en termos de PIB per cápita)”. “Isto ten que ver cunha boa recuperación da
crise económica, cun crecemento interanual que viña dunha caída importante do
PIB ata o ano 2013 pero que ven recuperándose nos últimos anos ata superar os
niveis previos da crise”, engadiu.
DIMINUCIÓN DO PARO E INCREMENTO DE SALARIOS
Outro dos
aspectos que destacou o portavoz popular foi o índice de produción industrial,
que caía un 15,20 por cento no 2009 e no pasado ano se incrementaba un 4,90; o
que ten que ver dun xeito directo coa evolución das exportacións, que pasou de
decrecer nun 19,40 por cento en 2009 a acadar a cifra récord; cun incremento do
5,4 por cento o pasado ano. “Somos unha comunidade exportadora, capaces de
vender fóra máis do que compramos e acadando un superávit comercial que este
ano achegarase aos 4.000 millóns de euros”, concretou.
Como consecuencia
de todo isto, o paro esta diminuíndo, pasando de destruír 50.000 postos de
traballo en 2009 a crear case 30.000 en 2018. A taxa de paro sitúase na
actualidade por baixo de 2009 e os custes salariais en Galicia se teñen
incrementado de 18.753 a 20.272 euros, o que supón un aumento do 8,10 por cento
fronte ao 5,40 de media nacional. “Temos mellorado tamén a porcentaxe de
persoas que teñen un emprego indefinido, pasando do 69,6 ao 73,8 por cento,
incrementando os traballadores a xornada completa ata o 86,2 por cento”,
salientou Puy.
O portavoz
popular lembrou que os gastos non financeiros da Xunta en 2009 eran 10.498 millóns
de euros, “dos que 1.600 aínda os estamos a volver como consecuencia das
liquidacións negativas”. Nestes anos, “pasamos en 2014 a 8.390 millóns de euros
e, como consecuencia da recuperación, agora estamos nos 9.849 millóns de euros
que figuran nos orzamentos para 2019”.
“Dun déficit de
1.317 millóns de euros en 2010 pasamos a ter un superávit de 130 millóns de
euros no 2018, así que ao tempo que se reducía o déficit público, cumprimos os
obxectivos de déficit e débeda”, dixo. Tamén recordou que “empezamos a gobernar
cun nivel de endebedamento que estaba na media das comunidades españolas (8,6
por cento do PIB) ata chegar ao 18,4 por cento no 2018, o que supón case seis
puntos menos que a media das comunidades autónomas”. “Tivemos un comportamento
de acordo co pactado con España e Europa, unha circunstancia que se todo o
mundo a tivera feito a economía española non tería hoxe a débeda pública como a
súa maior vulnerabilidade”, asegurou.
Ao mesmo tempo,
neste período fixéronse reformas fiscais a través das que o 98,5 por cento dos
galegos pagan menos impostos sobre a renda, o que supón que dispoñen de máis
cartos para o seu consumo ou aforro; o 99 por cento dos galegos non paga
imposto de sucesións; e nos últimos anos se aprobaron unhas políticas de impostos
cero no rural que están permitindo dinamizar os recursos nese ámbito.
REDUCIÓN DE ALTOS CARGOS
Na súa
explicación, Pedro Puy tamén se referiu ao apartado de gastos, incidindo na
redución do número de altos cargos e de persoal eventual na Xunta. “O Goberno bipartito
tiña 236 persoas de confianza e 159 altos cargos, que se rebaixaron a 159 e 88,
respectivamente, o que implica que practicamente se teña reducido á metade o
gasto anual de retribucións deste persoal na Xunta”, manifestou. Porén, en materia
de emprego público houbo estabilidade: cun incremento en sanidade e o práctico
mantemento das prazas en educación e xustiza.
Dentro do ámbito
dos servizos sociais se ten incrementado sensiblemente o gasto (de 570 millóns
en 2009 a 774 millóns en 2019), unha situación que tamén se rexistrou na
Sanidade (de 3.766 millóns a 3.984 millóns de euros), mantendo o gasto no
apartado de educación (2.404 millóns en 2009 e 2.358 millóns en 2019).
“Todo isto sen
perder autonomía financeira, pagando aos provedores moito antes que o conxunto
das comunidades autónomas (14 días de media fronte a 33) e sen recorrer ao
fondo de pago a provedores que creou o Goberno de Mariano Rajoy para auxiliar
ás comunidades autónomas”, salientou.
Puy afirmou que
“este reforzo de autogoberno no ámbito financeiro viu acompañado dun reforzo do
autogoberno no ámbito do noso entramado institucional”. Así, referiuse á
reforma do regulamento do Parlamento, “cumprindo o compromiso de facer desta
Cámara o centro da vida política e dando voz aos grupos da oposición, que
presentan o 80 por cento de media das iniciativas que se debaten en pleno, e
hai un alto índice de acordo en pleno e comisións”.
Ademais, lembrou
que “reforzamos o Consello de Contas, a súa independencia e as súas funcións en
prevención da corrupción, nun contexto no que noutras comunidades autónomas
reduciron o entramado institucional básico; impulsamos o Valedor do Pobo,
dándolle competencias en materia de transparencia; aprobamos a Lei de
Transparencia e garantimos que co financiamento público dos partidos políticos
e a fiscalización do Consello de Contas do seu gasto sexan moito máis difíciles
algunhas actividades que co tempo vimos que estaban relacionadas coa corrupción;
e, por último, reformamos o Consello Consultivo estendendo a súas competencias”.