Hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, destacaba en Ourense o novo traballo da unidade mixta de
tratamentos de auga CIGAT para, a través de novas tecnoloxías, transformar os
lodos producidos durante o proceso de depuración en produtos que poidan ser
empregados pola industria química.
Durante
a presentación da Unidade Mixta CIGAT-Biofactoría, Feijóo precisou que este
traballo de investigación, no que as instalacións da EDAR de Ourense serán a
base de operacións, centrarase, sobre todo, no aproveitamento de residuos
xerados por sectores de elevado peso na economía galega como son: o lácteo ou o
vitivinícola, coa finalidade de obter alternativas a produtos derivados do
petróleo, como poden ser os plásticos, os produtos de limpeza, os adhesivos ou
as pinturas.
“Estamos
a falar dunha iniciativa que converterá á EDAR de Ourense, á depurada da
terceira cidade de Galicia, nunha auténtica biofactoría: fomentando a economía
circular, promovendo unha industria máis limpa e eficiente e axudando a unha
xestión máis eficiente da auga”, aseverou.
Ao
longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia de desenvolver
tecnoloxías que contribúan a un mellor aproveitamento das augas residuais, como
están a facer Cetaqua e Viaqua nesta unidade mixta de investigación, posta en
marcha desde 2015, e que xa conseguiu espertar o interese dunha multinacional
farmacéutica que xa comercializa unha das súas solucións para o tratamento e
reutilización de augas residuais con presenza de microcontaminantes. Un
consorcio que se consolida con este novo proxecto de investigación, que
conforman ambas as dúas entidades xunto coa Administración autonómica orientado
ao sector industrial.
O
presidente do Goberno galego resaltou o traballo deste centro e a súa
contribución ao esforzo que se leva feito desde a Xunta ao longo destes dez
anos para que a xestión da auga en Galicia se faga de xeito responsable,
eficiente e sustentable, contando coa participación de toda a sociedade galega.
Nesta
liña, lembrou que, desde 2009, se potenciou unha mellora nos sistemas de
saneamento de depuración de augas residuais, que permitiu que o 76% das masas
de auga estean actualmente nun estado ecolóxico óptimo. “Investíronse, para
iso, máis de 1.100 millóns de euros en saneamento e abastecemento, ademais da
construción de 45 novas depuradoras”, precisou, recordando tamén a mellora dos
sistemas de abastecemento para avanzar na garantía de subministración de auga
en cantidade e en calidade, con máis de 300 actuacións en materia de
abastecemento das que se beneficiaron 186 concellos.
Así
mesmo, resaltou o esforzo, sen precedentes, na planificación da xestión do
dominio público hidráulico, cun segundo Plan hidrolóxico no que se investiron
654 millóns de euros, ademais dun Plan de prevención de riscos por inundacións
e dun Plan de seca, “e esperamos remitir neste semestre un novo texto ao
Parlamento para consolidar a administración hidráulica galega e presentar unha
fórmula administrativa para poder ofrecer a todos os concellos abastecemento e
saneamento responsable, cunha tarifa harmonizada e cuns controis de calidade e
cuns servizos para todos os cidadáns, con independencia de onde vivan”,
lembrou.
Por
último, resaltou que, desde que en 2014 se puxo en marcha o programa das unidas
mixtas, xa se levan constituído 39 alianzas ou consorcios de investigación
entre 13 centros de coñecemento e 33 empresas de diversos sectores, cunha
mobilización de 114 millóns de euros, e que dan emprego a preto de 580
profesionais.