Viaxei onte por estrada a Madrid e no traxecto visito as obras da nova estación de alta velocidade de Sanabria (Zamora) inscrita no tramo Cernadilla-Pedralba de la Pradería do Corredor Norte-Noroeste de alta velocidade ferroviaria.
Unha estación que se sitúa na localidade de Otero de Sanabria, no termo municipal de Palacios de Sanabria, e cuxo acceso se realizará a través dun novo viario de conexión coa estrada nacional N-525, que á súa vez enlaza coa autovía das Rías Baixas (A-52).
Un contrato, por importe ascende a 4.009.940 euros (IVE incluído), que foi adxudicado por Adif alta Velocidade á UTE COPISA- EASA.
Visitara este mesmo lugar o 4 de xaneiro e é evidente que desde aquela data as obras avanzaron dunha maneira significativa como o acreditan as fotos que acompaño, que poden comprarase coas anteriores: http://www.celsodelgado.gal/2019/01/visitando-as-obras-la-lav-galicia.html
- O novo edificio de viaxeiros.
- A construción dun novo tramo de 160 m de lonxitude que conecte o viario de acceso ao PAET (Posto de Adiantamento e Estacionamento de Trens) coa urbanización da estación.
- A urbanización da estación: praza de acceso e áreas peonís.
- Aparcadoiro en superficie.
- Pasarela de conexión entre plataformas, escaleiras e rampla.
- Plataformas (soleira, pavimentos e pezas de bordo).
- Marquesiñas.
- Revegetación de noiros e restauración do ámbito de actuación.
Convén lembrar que as obras de construción da estación de alta velocidade de Sanabria non afectan as probas que xa se están realizando como paso previo á posta en servizo da liña.
Espero que en poucos meses finalicen as obras desta estación que dará servizo á comarca e que contribuirá ao éxito e a sustentabilidade operativa da liña para que un maior número de posibles pasaxeiros residentes ao longo dela poidan utilizala.
Recibirá resposta
Recibirá resposta