Asisto onte en Ourense no Centro Cultural Marcos
Valcárcel á homenaxe ao falecido José Manuel Pérez Canal, que foi xerente de
Aceites Abril e presidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).
Foron moitas as intervencións de familiares, amigos e
personalidades do ámbito empresarial, político e social que lembraron a súa
produtiva traxectoria vital e a súa humanidade.
De todas elas destaco a da súa viúva, Elena
Rivo que falou de “dous agasallos marabillosos que lle deixou, os seus
fillos Alexia e Manuel”.
Tamén houbo moitas
elogiosas referencias a María del Carmen Canal, nai do homenaxeado.
Como dicía no meu blog o 17 de novembro de 2018, a
miña valoración de José Manuel foi a dunha moi boa persoa, traballadora,
emprendedora e honesta.
Desde que asumiu a presidencia da CEO mantiven con el unha relación moito máis
frecuente para informarlle puntualmente de como avanzaban os proxectos de
infraestruturas de Ourense polos que el tanto se interesaba.
A primeira reunión institucional con él tivo lugar o
26 de setembro de 2014 para facer un repaso aos proxectos de investimento do
Goberno central relacionados con Ourense.
En canto á autovía A-56 (Ourense-Lugo), lle adiantaba
que o proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2015 incluiría unha partida
significativa do Ministerio que dirixía Ana Pastor para a reanudación
das obras no tramo A Barrela-San Martiño, paralizadas dende o ano
2010. Noticia que José Manuel recibiu con satisfacción.
Recordo tamén outras moitas reunións, algunhas delas
en Madrid para abordar a situación dos
proxectos da Autovía Ourense-Lugo (o pasado 28 de maio de 2018), a
Autovía Ourense-Ponferrada ( o 12 de decembro de 2017) e por suposto das obras
de Alta Velocidade a Galicia. Infraestruturas que consideraba vitais para o
progreso do noso querido Ourense.
O seu recordo permanecerá sempre entre nós. Unha aperta a toda a súa familia.