Asisto hoxe en Expourense ao acto no que a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense presentou os datos de 2018, o ano da compatibilidade total entre a actividade feiral, que leva máis de 20 anos realizando, e a nova actividade deportiva procedente da instalación da pista de atletismo cuberta e que multiplicou a multifuncionalidade do recinto.
A Memoria da actividade de Expourense no pasado ano foi presentada esta mañá no propio recinto nun acto no que participou a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, en representación do Conselleiro de Economía e Industria, e presidente do Padroado de Expourense, Francisco Conde; o alcalde de Ourense e vicepresidente executivo de Expourense, Jesús Vázquez; do vicepresidente da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández; da vicepresidenta da CEO, Marisol Novoa; o director territorial de ABANCA, Rubén Saavedra; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.
Todos eles coincidiron en destacar o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.
Durante 2018 Expourense celebrou 13 feiras, 3 das cales ( Xantar, Termatalia e Funergal) foron de carácter internacional o que supón que Expourense organizou a metade das citas internacionais celebradas en Galicia o ano pasado.
Alejandro Rubín |
Todos os certames contaron coa presenza de 1.073 expositores, unha cifra superior á do ano anterior (940 expositores) e que indica o bo grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense.
Estes datos confirman a Expourense como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía, o turismo activo, a automoción ou a industria funeraria.
Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.
Feiras Internacionais
A celebración de Termatalia en Foz do Iguaçu, no Brasil, considerada unha “das mellores edicións da historia”, supuxo tamén un importante fito na actividade feiral do ano. A cuarta edición en América Latina da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, congregou no Brasil a 200 expositores e a profesionais de 34 países e consolidouse como gran cita para os profesionais do turismo de saúde a nivel mundial.
Tamén se consolidou como unha das grandes citas internacionais do sector Funergal, a Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios que convocou a 111 expositores de 14 países e superou as 4.000 visitas.
Entre os certames internacionais celebrouse tamén a 19ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que contou con Portugal como país invitado e que contou coa participación de 12 países.
Calendario feiral
Entre as novidades no calendario feiral de 2018 destacou o nacemento dunha nova feira: Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, coorganizada coa Asociación “Memoria Antiga” de Ourense. Trátase dunha cita bianual que celebrou as súas dúas primeiras edicións nos meses de maio e novembro do ano pasado e que congregaron cada unha a máis de 50 expositores de 5 países.
Tamén se celebrou unha nova edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade #Laboral, o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vinculados á prevención.
O 2018 foi o ano de consolidación do Salón do Deporte e Turismo Activo - Sportur Galicia que celebrou a súa segunda edición co obxectivo de dar a coñecer Galicia como destino activo e saudable e promocionar a multitude de opcións que esta comunidade ofrece para os afeccionados ao deporte e ás actividades ao aire libre. De carácter mixto e bienal, tamén se celebrou en 2018 l a 11ª edición de Galisenior, Salón Internacional das Persoas Maiores.
Expourense tamén organizou en 2018 citas orientadas ao público xeral de carácter comercial que convocaron os diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións empresariais como é o caso dos centros comerciais abertos ou de ACAUTO (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense). Con esta última, Expourense coorganizou a 10ª edición do Salón do Automóbil (Novo e de Ocasión) que é unha das citas que xera maior volume de negocio con 429 vehículos vendidos. No 2018 cumpriu a súa 19ª edición Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais que volveu contar cunha pasarela de moda na que as empresas ourensáns mostraron a calidade e a innovación coa que traballan. Tamén cumpriu dous anos o proxecto Bebega, a Mostra do Bebé. O calendario anual concluíu unha vez maís coa celebración de Megaxove, Salón da Mocidade.
Actividade deportiva
Estreada en decembro de 2017, o 2018 foi o ano da posta en funcionamento e a pleno rendemento da pista de atletismo cuberta de Expourense, unha das tres de España e unha das mellores de Europa. Durante este ano, a pista acolleu a celebración dunha quincena de probas deportivas organizadas a gran maioría delas pola Federación de Atletismo de Galicia coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte. Estas probas convocaron ao longo do ano a 19.700 visitas o que supón un novo ánimo de atracción de deportistas á cidade. Entre as probas disputadas destacou o XLV Campionato de España Sub20 en pista cuberta.
Hai que destacar tamén o labor levado a cabo para a promoción internacional de Galicia, a aposta pola innovación, a promoción e organización de xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional.
Reesaltar tamén que as instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha vintena de eventos de distintas entidades públicas e privadas. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. Entre os eventos celebrado neste recinto destacou o XX Congreso Estatal de Voluntariado que contou con máis de 1.200 asistentes de toda España.
Felicidades ao equipo de EXPOURENSE e moi en especial ao seu Director Xerente, Alejandro Rubín, que xestionou durante vinte anos cun enorme acerto e que conseguiu que o noso recinto feiral estea recoñecido como o mellor de Galicia.
A súa traxectoria é exemplar.
Felicidades ao equipo de EXPOURENSE e moi en especial ao seu Director Xerente, Alejandro Rubín, que xestionou durante vinte anos cun enorme acerto e que conseguiu que o noso recinto feiral estea recoñecido como o mellor de Galicia.
A súa traxectoria é exemplar.
Recibirá resposta