“O primeiro paso foi crer no noso territorio; o seguinte é sentir para protagonizar os próximos catro anos na historia dunha provincia ambiciosa de seu”. Con esta declaración de intencións, o presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, presentou esta mañá a súa candidatura á presidencia da Deputación nun acto desenvolvido no auditorio Ilduara de Celanova, ateigado polos candidatos populares ás municipais de maio, os candidatos ás eleccións xerais de abril, representantes do partido nas institucións, cargos orgánicos, militantes e simpatizantes.
Manuel Baltar, como xa fixera en 2015, presentou a súa candidatura nun acto único en España, que referendou a súa demanda dun cambio lexislativo para que os cidadáns podan elixir, directamente por sufraxio, aos presidentes das deputacións. “Nós somos transparentes diante dos electores –explicou- dicíndolles que das urnas non só saen os gobernos locais, senón tamén o provincial, polo que o lóxico é que a xente saiba que candidato presenta cada forza política e o que van facer nos próximos catro anos”.
Nesta liña, Manuel Baltar presentou a folla de ruta que seguirá no próximo mandato co Plan Ourense 72-73, “destinado aos ourensáns que residimos nos 7.273 quilómetros cadrados da provincia e para todos aqueles que sinten Ourense a centos ou milleiros de quilómetros do seu berce”. Un documento “autoesixente” que inclúe 122 medidas con retos concretos que desta volta non só incluirán o día, mes e ano de implantación, “senón tamén como novidade a hora na que farán realidade”.
A COOPERACIÓN, RAZÓN DE SER DA DEPUTACIÓN
Un plan, engadiu, que é froito dos logros conseguidos nestes últimos catro anos “e que podían parecer utópicos”, como a débeda cero, a presentación dos orzamentos provinciais en setembro antes que ningunha outra administración, o liderado en transparencia e comunicación política ou os postos de responsabilidade e representación en foros nacionais e internacionais. Un aspecto, este último, que marcará o próximo mandato “logo de que o Parlamento europeo ratificase por primeira vez o protagonismo das provincias para ser receptoras e xestoras de fondos comunitarios”.
Un programa de goberno, subliñou Baltar, “que fai da cooperación cos concellos e a veciñanza a razón de ser da Deputación”, tendo en conta a nova etapa que se abre para a provincia como porta de entrada do AVE a Galicia, como capital da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa Ribeira Sacra como Patrimonio Mundidal da Unesco, no protagonismo que deberán ter os camiños de Santiago en Ourense no Xacobeo 2021, a visibilización de novas infraestruturas termais, a posta en marcha do Centro Galego de Innovación da FP, o emprego tecnolóxico co proxecto Provincia Intelexente e mailo Observatorio do Medio Rural.
Aínda destacou outras cuestións, como o pulo á estación de montaña de Manzaneda, o termalismo deportivo, a cultura e o galeguismo, coa homenaxe en 2020 á Xeración Nós.
FIABILIDADE, EXPERIENCIA E XESTIÓN
O acto de presentación da candidatura de Manuel Baltar comezou coa intervención de José Luis Ferro, alcalde de Celanova, que como anfitrión destacou brevemente as potencialiades dunha vila marcada polo seu patrimonio e a cultura, “contando sempre coa inestimable cooperación da Deputación de Ourense”. Ferro puxo en valor o liderado de Manuel Baltar á fronte da institución provincial, “que grazas á súa xestión experimentou unha fonda transformación para afrontar os retos de futuro”.
Pola súa banda, o coordinador de campaña e secretario provincial do PP, Rosendo Fernández, asegurou que “ningunha formación política, nin ourensá nin galega, está en condicións de facer un acto como o de hoxe, presentando a un candidato á presidencia da Deputación 57 días antes das eleccións”. Para Fernández, Manuel Baltar representa ás persoas que queren chegar á política para facer “é aí está o seu aval de sete anos de traballo, cun balance coñecido e recoñecido que o convirten nun líder fiable e experimentado”.
En nome de todos os candidatos, Patricia Torres, aspirante á alcaldía de Boborás, reafirmou o carácter cooperador da Deputación de Ourense,”sempre aberta para escoitar e atender as necesidades e proxectos dos nosos concellos, dos que a meirande parte deles non serían posibles sen ese apoio”. Por iso, proclamou, “loitaremos como nunca por acadar uns resultados históricos e conseguir unha vez máis que a Deputación teña como presidente a unha persoa que sinte e vive esta provincia e que, co noso apoio, a sitúe no máis alto”.
Recibirá resposta