Da actualidade
política de hoxe saliento que o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou no
Parlamento de Galicia da presentación dunha proposición non de lei a través da
que se demanda ao Goberno do Estado “que deixe gastar en investimentos
sostibles o superávit de 125 millóns de euros que tivo Galicia en 2018, ao
tempo que proceda a facer a transferencia á Comunidade galega dos 170 millóns
que lle debe a Galicia da compensación polo cumprimento de todas as regras
fiscais nos exercicios de 2017 e 2018”.
Pedro Puy lembrou
que a demanda para poder reinvestir o superávit nos orzamentos “é algo que
veñen facendo os concellos” e manifestou que “non permitilo sería un castigo
para as comunidades autónomas que cumpriron as regras de gasto”.
GASTO ECONÓMICAMENTE SOSTIBLE
Neste sentido,
lembrou que nos orzamentos de 2018 xa se recollía que este superávit “podería
destinarse, ademais de para amortizar débeda, a calquera gasto que sexa economicamente
sostible, polo que pode realizarse en ámbitos como a educación, a sanidade ou a
política social sempre que non conleve incremento de gasto corrente”.
Adicionalmente, a
proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno central que “dea
cumprimento á condonación da cota de 170 millóns de euros que lle corresponde
pagar a Galicia como consecuencia das liquidacións negativas de 2008 e 2009,
logo de que cumprira tanto en 2017 como en 2018 todos os obxectivos de
estabilidade orzamentaria”.
O portavoz
popular lamentou que o Goberno socialista “non fixo a transferencia dos 85
millóns que figuraban nos orzamentos de 2018 aprobados polo Goberno do PP, nin
tampouco os recollía no seu proxecto de orzamentos que finalmente non saíu
adiante”.
LEALDADE INSTITUCIONAL
“O Goberno do
Estado está tomando algunhas decisións que non son compatibles co principio de
lealdade institucional”, manifestou Puy, referíndose en contrato “ao impacto
das cotizacións á seguridade social nos orzamentos públicos”.
Por este motivo,
Pedro Puy considerou “importante que nos poñamos de acordo no Parlamento galego
e supoño que non haberá problema para que todos os grupos demandemos ao Goberno
de España que, do mesmo xeito que está tomando outras decisións vía decreto,
tome esta decisión prevista nos orzamentos, que é positiva non só para Galicia
senón para o conxunto do sistema, dando un trato máis favorable a aquelas
comunidades que cumpriron en relación a aquelas que incumpriron a normas de
estabilidade fiscal”.
Recibirá resposta