lunes, 18 de marzo de 2019

O GPP demanda ao Goberno que deixe gastar a Galicia o superávit de 125 millóns de euros de 2018 e lle transfira os 170 millóns polo cumprimento das regras fiscais


Da actualidade política de hoxe saliento que o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou no Parlamento de Galicia da presentación dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno do Estado “que deixe gastar en investimentos sostibles o superávit de 125 millóns de euros que tivo Galicia en 2018, ao tempo que proceda a facer a transferencia á Comunidade galega dos 170 millóns que lle debe a Galicia da compensación polo cumprimento de todas as regras fiscais nos exercicios de 2017 e 2018”.

Pedro Puy lembrou que a demanda para poder reinvestir o superávit nos orzamentos “é algo que veñen facendo os concellos” e manifestou que “non permitilo sería un castigo para as comunidades autónomas que cumpriron as regras de gasto”.

GASTO ECONÓMICAMENTE SOSTIBLE

Neste sentido, lembrou que nos orzamentos de 2018 xa se recollía que este superávit “podería destinarse, ademais de para amortizar débeda, a calquera gasto que sexa economicamente sostible, polo que pode realizarse en ámbitos como a educación, a sanidade ou a política social sempre que non conleve incremento de gasto corrente”.  

Adicionalmente, a proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno central que “dea cumprimento á condonación da cota de 170 millóns de euros que lle corresponde pagar a Galicia como consecuencia das liquidacións negativas de 2008 e 2009, logo de que cumprira tanto en 2017 como en 2018 todos os obxectivos de estabilidade orzamentaria”.

O portavoz popular lamentou que o Goberno socialista “non fixo a transferencia dos 85 millóns que figuraban nos orzamentos de 2018 aprobados polo Goberno do PP, nin tampouco os recollía no seu proxecto de orzamentos que finalmente non saíu adiante”.

LEALDADE INSTITUCIONAL

“O Goberno do Estado está tomando algunhas decisións que non son compatibles co principio de lealdade institucional”, manifestou Puy, referíndose en contrato “ao impacto das cotizacións á seguridade social nos orzamentos públicos”.

Por este motivo, Pedro Puy considerou “importante que nos poñamos de acordo no Parlamento galego e supoño que non haberá problema para que todos os grupos demandemos ao Goberno de España que, do mesmo xeito que está tomando outras decisións vía decreto, tome esta decisión prevista nos orzamentos, que é positiva non só para Galicia senón para o conxunto do sistema, dando un trato máis favorable a aquelas comunidades que cumpriron en relación a aquelas que incumpriron a normas de estabilidade fiscal”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta