Este fin de semana tivemos importantes declaracións do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo e do PP, Pablo Casado.
En Alacante, Casado asegurou hoxe que quere ser o presidente de todos, tamén de “aqueles que non queren que nacésemos”, e dixo que poñerá ao seu servizo todos os medios para que, tamén vivan en “unha sociedade libre, como a que os partidos liberais e conservadores garantiron aquí en España e en todo o mundo, agora e sempre”.
Denunciou que o PSOE vaia de moderado e diga que o PP crispa moito “por dicir a verdade” en temas como a negociación cos independentistas. Así mesmo engadiu ío que, “por moito que fagan hemeroteca, imos facer unha campaña en positivo que supere estes oito meses en branco e negro”, cun PP que quere ser o partido de todos e “non enfrontar a ninguén”,comprometido coa España real e coas políticas que a xente quere escoitar.
“Non van atopar aquí un partido retrógrado, nin que propoña cousas que dividan. Aquí van atopar ao gran partido de todos os españois, ao que non xulga, pero axuda; ao que non penaliza, pero apoia; ao que non fai proclamas, pero fai cousas que fai falta resolver en España”, concluíu.
Feijóo onte en Ribadeo dixo que, “ante o PSOE de Pedro Sánchez, está a garantía do PP; ante o populismo que só busca romper e só consegue autodestruírse, está a firmeza do PP; ante o nacionalismo e o independentismo que divide está unir as forzas no Partido Popular; e ante os partidos aos que Galicia non lles importa absolutamente nada, está o voto útil para Galicia que é ao Partido Popular”.
Nesta liña, indicou que o futuro está nas mans dos galegos e que os obstáculos e as incertezas superaranse votando nas urnas. Así, Feijóo apuntou que o PP non só quere unha “maioría ampla” para gobernar e para que, así, España poida progresar e teña un goberno estable e para todos: “Esa maioría ampla é posible se todos os que prefiren que goberne o PP antes que Pedro Sánchez apoian ao Partido Popular”.
Asegurou, tamén, que, do mesmo xeito que o PP é a única alternativa á combinación de Pedro Sánchez con populistas e nacionalistas, só hai un xeito de que goberne o PP, que é votándoo.
Feijóo, que salientou que non basta con proclamas, senón que hai que gobernar; aseverou que o PP ten un proxecto e respostas en educación, en sanidade, en medio rural, en mar e nos servizos sociais para cada lugar da nosa Comunidade.
O presidente dos populares galegos destacou que, ao igual que España precisa dun goberno que só se deba aos españois e non aos seus socios; Galicia precisa dun goberno central que a teña en consideración e que non presente uns orzamentos que a prexudiquen; e Ribadeo e a súa comarca necesitan un goberno que demostre que lle importan.
Feijóo fixo fincapé en que o fin de Pedro Sánchez non é España, nin o interese xeral, nin os españois, senón el mesmo: “Se ten que aliarse con Podemos, nacionalistas, independentistas e Bildu, faino; e se ten que pasar por riba do Congreso dos Deputados, faino”.
Por outra banda, o líder do PPdeG incidiu en que o 28 de abril será o momento no que España volva ás mans de todos os españois, tras estar nas de Pedro Sánchez, Podemos e secesionistas. Por iso, avogou porque os galegos unan as súas forzas para que no país haxa un Goberno estable como o de Galicia.
Feijóo, quen apelou ao voto útil que representa o Partido Popular, subliñou que unha maioría clara é necesaria para que haxa gobernabilidade, estabilidade e un goberno que goberne, tal e como acontece hoxe na nosa Comunidade.
1