Da actualidade política de hoxe saliento as declaracións feitas en Porto polo presidente
da Xunta, Alberto Núñez Feijóo durante o acto de celebración do 50 aniversario
da creación da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte.
Valorou a mala nova que supón para a Eurorrexión a negativa de
incluír a conexión Vigo-Porto no corredor Atlántico e animou a afondar na
cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para captar fondo europeos.
Destacou
tamén outros puntos nos que profundar de cara a unha maior cohesión,
referíndose, por exemplo, a unha regulación do marco enerxético adecuada, tanto
para a electricidade como para o gas; e ao reto demográfico, “que temos que
abordar con determinación e no que tamén podemos atopar moitas liñas de
colaboración”, precisou.
Así
mesmo, recordou os avances acadados noutros eidos como a innovación, o medio
ambiente ou o apoio ao tecido produtivo e avogou por seguir colaborando en
diversas vías: como a automoción, onde ter unha estratexia coordinada será
clave para consolidar este sector con gran competitividade a nivel global; ou
de cara ao Xacobeo 2021, para que se converta nunha oportunidade para ambos os
dous territorios, reforzando todas as rutas, incluída a do Camiño Portugués.
Neste
mesmo sentido, resaltou outros logros como a posta en funcionamento da
Agrupación Europea de Cooperación Territorial, un instrumento xurídico que
facilita e garante unha cooperación fluída entre entidades de diferentes
Estados; o Programa operativo POCTEP, que facilita o financiamento de proxectos
concretos e facilita a cohesión social e económica; o Plan de investimentos
conxuntos, que permite unha planificación conxunta; a constitución das
Eurocidades; ou o éxito do Programa Iacobus de intercambio universitario.
O
presidente do Goberno galego aproveitou a celebración dos 50 anos do CCDR-N ao servizo
dos portugueses para pedir que así como Galicia e o Norte de Portugal fomos
pioneiros na creación da primeira eurorrexión europea, debemos ser tamén os
primeiros defensores da Unión.
“Institucións
como a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte son o
exemplo de que non debemos desandar o camiño percorrido. Cincuenta anos avalan
unha institución importantísima para a relación con Galicia”, dixo, incidindo
en que para os escépticos, esta colaboración é a proba do que Europa significa.
“A
colaboración que mantivemos neste tempo é a maior garantía de que Europa
funciona e de que nos vai mellor cando defendemos os seus valores. A relación
entre Galicia e o Norte de Portugal é complexa e expansiva, pero atopa o seu
nexo perfecto na Eurorrexión que é o enlace natural de dous grandes países,
linguas e culturas como son a portuguesa e a española”, abundou.
Nun
tempo no que a Unión Europea está a ser cuestionada por partidos e movementos
que prefiren dar pasos cara atrás, Feijóo fixo fincapé en que portugueses e
galegos compartimos unha tradición europeísta que nos convoca a todos e que
temos o deber de reivindicar.
“Estes
movementos atoparon na crise económica o seu caldo de cultivo e sinalaron á
Unión Europea como culpable de todos os males. Pero non debemos ignoralos,
senón combatelos e, sobre todo, volver a ilusionar aos cidadáns que están
decepcionados”, sinalou, insistindo en que a nosa cooperación é o exemplo claro
de que a Unión Europea chega a cada recuncho para tender pontes entre os
cidadáns que conformamos este vello continente. “Non é certo que o proxecto
europeo perdera a súa vixencia. Necesitamos máis ca nunca a cooperación, a
liberdade e a unión que nos brinda”, concluíu.
Recibirá resposta
Recibirá resposta