Saliento das actualidade política que
hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de
prensa do Consello, a aprobación do decreto de Oferta de Emprego Público da
Administración Xeral para o 2019 con 2.617 prazas. “Un 18% máis que a
convocatoria de 2018”, aseverou, destacando que Galicia cumpre así “o
compromiso de aprobar as ofertas de emprego público no primeiro trimestre do
ano” e que no ano 2019 a oferta de emprego público sanitaria, educativa e da
administración xeral é de 6.004 prazas.
Logo de precisar que “outro ano máis
utilizamos o 100% da autorización da Lei Básica de Presupostos do Estado para a
OPE de Galicia”, Feijóo destacou que esta convocatoria inclúe 1.543 prazas de
acceso libre –un 7% máis que en 2018-, 227 prazas para a promoción interna do
persoal funcionario, coas que poderán acceder a postos de maior
responsabilidade e retribución, e 847 para a funcionarización do persoal
laboral fixo.
Con esta nova oferta, aprobada tras
recibir o voto favorable na mesa de negociación de CC.OO e UXT e que, os
vindeiros días publicarase no DOG, a Xunta segue no camiño de conseguir 3
obxectivos: garantir que calquera persoa que cumpra cos requisitos poida
opositar para traballar na Xunta, garantir o dereito á promoción interna dos
empregados públicos e avanzar no primeiro gran movemento global de
funcionarización do persoal laboral fixo, previsto no Estatuto Básico do
Empregado Público.
O titular do Goberno galego destacou que
as prazas de acceso libre concéntranse, na metade, no eido social con máis de
800, e que o 10,3% do acceso libre reservase para persoas con discapacidade,
unha reserva maior do que establece a lei, un 7%.
“Conseguimos estar entre as comunidades
autónomas con menor taxa de temporalidade, situándonos no entorno do 7%, e en Sanidade
do 5%”, indicou, destacando que con este decreto a Xunta aposta pola
estabilidade: “xa temos ofertado 13.764 das 15.000 prazas de acceso libre que
firmamos con sindicatos para executar no período 2017-2020”, polo que Galicia
cumpriu o 92% do obxectivo un ano antes do previsto.
A maiores recordou tamén que se ofertan
9 prazas para persoal funcionarial sanitario, que se concretan en prazas de
inspector médico, inspector farmacéutico, inspector farmacéutico de saúde
pública, subinspector sanitario e ATS/DUE.
Feijóo salientou que a aposta polo
emprego público estable incidindo en que desde 2009 fixéronse ofertas pública
de emprego que conxuntamente suman 25.417 prazas. E concluíu destacando que
“estamos cumprindo a nosa obriga, superando o acordo sindical, estamos
superando a porcentaxe de prazas que se dedican a persoas con discapacidade e
nos imos situar na comunidade autónoma con menor porcentaxe de temporalidade e,
en consecuencia, con maior porcentaxe de estabilidade dos empregados públicos”.