Asisto onte pola tarde ao acto
inaugural na antiga biblioteca do Pazo Provincial a exposición "Castelao e
Prada, irmaus!", que acolle a obra pictórica icónica do galeguismo, A
derradeira leición do mestre, de Alfonso Rodríguez Castelao, que se exhibe por
primeira vez na provincia de Ourense.
Un
acto contou coa participación de Manuel Baltar, presidente da Deputación de
Ourense; de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda; do conselleiro de
Cultura, Román Rodríguez; do escritor e presidente do PEN Galicia, Luís
González Tosar, e do presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila
Alén.
O presidente da Deputación de
Ourense dixo que "a irmandade e a conciencia galeguista foron os elos que
mantiveron unidos a Castelao e Prada nunha mesma causa, a do recoñecemento da
nosa identidade como pobo".
Manuel Baltar
salientou a significación da exposición: "Castelao e Prada mantiveron unha
estreita amizade e unha leal colaboración política, a cal, desde a Deputación
de Ourense, quixemos salientar cunha soa palabra: "irmaus", engadindo
que foron moitas as accións desenvolvidas por ambos desde 1931, cando se
coñeceron en Pontevedra -na fundación do Partido Galeguista- ata o 7 de xaneiro
de 1950 en Bos Aires, data do pasamento de Castelao", "unha irmandade
que para eles foi lei de vida, entrega absoluta e xenerosa, amor e servizo a
Galicia. E volve ser a forza imparable da irmandade a que os xunta de novo,
hoxe, en Ourense".
Lembrou
que para dar testemuña da tarefa de recuperación política e cultural do
galeguismo, "trouxemos, hai poucos meses, as cinsas mortais de Rodolfo
Prada e da súa dona, Manuela Fraga. Lembramos así unha figura comprometida
-Prada estivo en case todo-, e cumprimos a súa vontade de patriota de descansar
na terra onde naceu, en palabras de Rodolfo Prada, "cando a democracia e a
autonomía volvan ser os piares de Galicia".
Rematou
o seu discurso salientando que con Castelao, Bóveda e Prada, e con Otero
Pedrayo, Risco e Cuevillas, "sentaremos os alicerces do centenario de Nós,
porque cremos no galeguismo sen epítetos nin apelidos, e porque temos o deber
de honrar a todos os bos e xenerosos".
Pola
súa banda, Luís González Tosar destacou na súa intervención o papel do Partido
Galeguista, "do que recibimos a estirpe dos bos e xenerosos", e
referiuse ao importante valor testemuñal da correspondencia entre Castelao e
Prada, "capítulos de bonhomía e de irmandade entre dous homes, que nos
ensinan o máis luminoso de Galicia, un compromiso de autenticidade e liberdade".
Amalia
Bóveda expresou "a dor que supón contemplar este lenzo, mais hai
compromisos dos que non se pode fuxir", e salientou que a leición do
mestre ten dor pero tamén orgullo, "a memoria e grata pero tamén e
molesta; e pasado e presente, e debemos facela aínda máis presente e máis
pública, sen medias tintas e con valentía", dixo a filla de Alexandre
Bóveda, quen expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense.
"Os
nosos irmáns do pasado non entenderían situarse de perfil neste momento
-afirmou-, e calquera que coñeza a Rodolfo Prada, a Castelao, a Alexandre
Bóveda..., entenderíao como unha traizón máis á que someteríamos á súa
memoria", destacando que é momento "de espallar con orgullo e de
poñer en práctica a leición do mestre".
José
María Vila Alén defendeu que a pegada "do noso galeguismo e da nosa
emigración se dea a coñecer entre os novos, nas escolas", subliñando que
este cadro "xúnguenos coa nosa historia e representa a Galicia que non
coñece de fronteiras artificiais, homenaxeando a Alexandre Bóveda, que loitou a
prol da súa terra e espallou esperanzas de futuro, algo que Castelao soubo
reflectir perfectamente". E rematou: "Oxalá aprendamos a
leición". Pola súa banda, Román Rodríguez dixo que a senlleira obra de
Castelao "é máis ca un cadro, forma parte do ser de Galicia", e que a
súa mensaxe "non a debemos esquecer senón mirar ao futuro coa forza da
cultura e da educación".
O
acto contou na súa parte musical coa participación do gaiteiro Marco Foxo, quen
interpretou ao inicio da celebración a Alborada de Ourense, rematando co Himno
de Ourense e co Himno Galego.
Rematado o acto tive oportunidade
de saudar á Dona Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda., diante desta obra maxistral de Castelao.
Recibirá resposta