“A creación de emprego é a principal seña de identidade do Partido Popular e non podemos consentir que estes sete anos de esforzo vaian pola borda”, dixo onte o presidente provincial, Manuel Baltar, que centrou a súa mensaxe no mitín da Gudiña nas propostas que sobre emprego inclúe o PP no seu programa.
Promover a inserción laboral entre coletivos como a mocidade, as mulleres ou os parados de longa duración, combater a temporalidade, máis formación para aumentar a produtividade e facilitar a conciliación foron algunhas das medidas destacadas por Manuel Baltar, quyen subliñou que “o emprego é a mellor política social que pode facer calquera goberno”.
Para o 62 % dos cidadáns a principal preocupación é o paro e para o 57 % o medo a unha nova recesión, observou o presidente provincial “polo que está claro que a gran prioridade nacional é o emprego”. E con razón, engadiu, “posto que se co goberno de Rajoy se creaban 300.000 postos de traballo ao ano, garantindo máis e mellores pensións e o modelo de benestar, en dez meses e co goberno socialista se perden 7.000 empregos ao día, hai máis temporalidade e comezou unha nova desaceleración da economía”. Os cidadáns fixeron grandes sacrificios nos momentos máis duros da crise, recoñeceu Baltar, “e o Partido Popular estaba a devolverlles ese esforzo cando a ambición dun político e unha nefasta xestión está a piques de situarnos no punto de partida”.
Só un partido que xera a confianza necesaria entre os cidadáns ofrecéndolles máis oportunidades laborais “será quen de impulsar a economía, ter máis ingresos para pensións e recursos para investir en infraestruturas”, advertiu Manuel Baltar, “e ese partido é o PP, que conseguíu situarnos no camino da recuperación e comprometerse con Ourense”, citando expresamente o impulso ao proxecto do AVE.
DELGADO: “TEMOS QUE CHEGAR AOS 20 MILLÓNS DE EMPREGOS E CONTROLAR O GASTO PÚBLICO”
Precisamente a este proxecto referiuse o candidato ao Congreso Celso Delgado, que fixo unha mención expresa á estación da Gudiña “Porta de Galicia”, que comezará a construirse nos próximos meses, “como un elemento dinamizador das comarcas de Monterrei e Valdeorras e que sen dúbida terá entre os seus usuarios a unha importante porcentaxe de veciños do norte de Portugal”.
Delgado tamén apelou aos electores para que fixeran memoria sobre a situación na que se atopaba España en 2011 “cun país ao borde do rescate, cunhas taxas de paro insostibles, as pensións conxeladas e milleiros de empresas pechando”. Daquela, dixo, “o Partido Popular fixo un monumental esforzo de reconstrución que nos devolveu ao crecemento da economía e a creación de emprego”.
Só en Ourense, abondou, entre decembro de 2011, trala chegada do PP ao goberno, e xuño de 2018, trala moción de censura, o paro rexistrado na provincia descendeu un 31 %, o que supuxo que 8.842 ourensáns deixaran as listas de desemprego”.
Para que haxa unha saída definitiva da crise e para que a recuperación chegue a todos, engadiu o candidato, “necesitamos controlar o gasto público e alcanzar os 20 millóns de persoas ocupadas en 2020 e só o PP é quen de facelo coa axuda de todos”.