viernes, 5 de abril de 2019

A Ribeira Sacra, candidata xa a Patrimonio da Humanidade da UNESCO

Recibimos hoxe a boa nova de que a Ribeira Sacra foi elixida hoxe candidata de España para Patrimonio Mundial da UNESCO. 
Así o ditaminou por unanimidade o Consello de Patrimonio Histórico, reunido no mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil (Nogueira de Ramuín), “cuxos membros distinguen con esta iniciativa o que representa a defensa da historia, a natureza e a cultura dun territorio único en Europa”, expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen foi quen de reactivar en 2013 esta iniciativa e impulsar a cooperación entre administracións e entidades para que hoxe se acade este importante recoñecemento.
  
A Ribeira Sacra abrangue 22 concellos das provincias de Ourense e Lugo, entre os vales do Sil e o Miño. Reúne un conxunto de cenobios, mosteiros, igrexas, capelas e cruceiros que, pola súa variedade e densidade, configuran un espazo cultural único en todo o mundo, destaca o Consello de Patrimonio Histórico.


O Consello do Patrimonio Histórico, presidido polo director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca, ditaminou que a paisaxe cultural da Ribeira Sacra sexa a elixida para formar parte da Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO. A candidatura española será presentada ante o organismo internacional en febreiro de 2020 e a inclusión resolverase en 2021. Os valores que levaron ao Consello a elixir este territorio residen na beleza e conservación da paisaxe simbólica máis occidental da Europa continental, configurando un espazo único, exemplo do monacato primitivo que se desenvolveu a finais do século IV, grazas a uns conxuntos arquitectónicos de extraordinaria singularidade que ilustran 1.500 anos de historia. O paso do eremitismo ao monacato e a posterior expansión beneditina deixou un bosque de igrexas que ilustran a riqueza e variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII.

Á marxe do importante patrimonio cultural e arquitectónico, a Ribeira Sacra tamén é unha paisaxe viva e o máximo expoñente da relación entre home e natureza. Proba dista interacción do ser humano co medio son as monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns do Sil e o Miño para a explotación dunha agricultura de subsistencia baseada no policultivo. A esencia desta paisaxe antrópica atopámola con todos os seus matices nos terreos de ribeira e bocarribeira.

“Culmínase así un proceso longamente esperado desde que o 9 de setembro de 2013 convoquei aos alcaldes da Ribeira Sacra da provincia de Ourense para plantexarlles a reactivación da candidatura, e unanimemente dixeron que si”, destacou Manuel Baltar.  “Durante o tempo que vai desde entón, logo de comunicarllo á Deputación de Lugo, de conseguir a implicación da Xunta de Galicia e de que o Valedor do Pobo se sumase á candidatura, conseguimos que o 28 de decembro de 2018 a Ribeira Sacra fose declarada Ben de Interese Cultural (BIC) –sinalou Baltar-, o paso previo para que hoxe poidamos dicir que o obxectivo está conseguido: a Ribeira Sacra é candidata de España a ser declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO”, remarcou.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe a ilusión dos galegos por compartir co resto de España, de Europa e do mundo os tesouros da Ribeira Sacra, candidata xa a Patrimonio da Humanidade,  e lembrou que ese desexo de compartir remóntase a 1996, cando esta paraxe entrou na lista indicativa de España para a Unesco. E, en decembro do pasado ano, aprobouse o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural da Ribeira Saca, dentro da categoría de paisaxe cultural, desenvolvéndose así un réxime de protección específico para unha extensión aproximada de 180 quilómetros cadrados, que permite optar á inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco.
“Foi polo tanto, unha longa peregrinaxe que hoxe culmina unha etapa decisiva grazas ao Consello de Patrimonio Histórico”, aseverou, sinalando ademais que este proceso podería culminar o mesmo ano no que se celebrará o Ano Xacobeo, “polo que sería unha feliz coincidencia –dixo- que a Ribeira Sacra fose declarada Patrimonio da Humanidade ao mesmo tempo que celebramos o ano santo”.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta quixo resaltar o traballo conxunto e a ampla colaboración institucional que inclúe ás deputacións provinciais, aos concellos e á propia Administración autonómica, transmitindo o desexo de que esa cooperación sexa o exemplo para as outras aspiracións que temos en Galicia: que as Illas Cíes-Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración tamén poidan chegar a este mesmo punto algún día.
En relación ás peculiaridades deste entorno, Feijóo aseverou que o diálogo de Galicia coa súa paisaxe queda patente neste bosque de igrexas e mosteiros que parecen brotar da mesma natureza como unha árbore máis. “Estamos ante un románico que obriga a matizar o verbo. Non está na Ribeira Sacra. A diferenza doutras obras e enclaves onde a paisaxe é un fondo ou decorado, aquí a natureza forma parte do monumento”, matizou.

O responsable autonómico referiuse tamén aos visitantes que fixeron da Ribeira Sacra un dos principais reclamos turísticos. Non en van, nos últimos sete anos a demanda turística creceu case un 50%, converténdose ademais nun destino referente da desestacionalización, xa que o 75% dos que a visitan fano en temporada media e baixa –uns datos referidos só ás pernoctacións-.
Cómpre destacar que este territorio representa un exemplo único do monacato de Occidente e da sacralización do territorio, grazas a uns conxuntos arquitectónicos de extraordinaria singularidade que ilustran 1.500 anos de historia. O paso do eremitismo ao monacato e a posterior expansión beneditina deixou un bosque de igrexas que ilustran a riqueza e variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII. 

Á marxe do importante patrimonio cultural e arquitectónico, a Ribeira Sacra tamén é unha paisaxe viva e o máximo expoñente da relación entre home e natureza. 

Proba dista interacción do ser humano co medio son as monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns do Sil e o Miño para a explotación dunha agricultura de subsistencia baseada no policultivo. 

A esencia desta paisaxe antrópica atopámola con todos os seus matices nos terreos de ribeira e bocarribeira.

Sen dúbida, unha excelente nova. Parabéns!



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta