Onte nun mitín o presidente dos populares galegos, Alberto
Núñez Feijóo, afirmaba que o Partido Popular é garantía de xestión ante
un Pedro Sánchez co mesmo programa que José Luis Rodríguez Zapatero pero co
dobre de frivolidade e a metade de principios.
Tal e como sinalou, España vai ter que
volverse enfrontar a unha desaceleración para a que hai que estar preparados,
lembrando que no conxunto do Estado segue a haber un problema de emprego,
especialmente xuvenil, cunha tendencia que volveu ser negativa estes meses e para
a que Pedro Sánchez demostrou non ter solucións. “É preciso ter a garantía dun
goberno que axuda a crear emprego” dixo o líder dos populares galegos, ao tempo
que salientou que hai un partido que sempre deixa o país con máis traballo, o
PP, e outro que sempre o deixa con menos, referíndose á formación socialista: “España
non pode tropezar por terceira vez na mesma pedra do paro que é o PSOE”.
Ademais, expresou que hai que garantir
o cobro das pensións “e isto non son só palabras, isto é xestión”, recordando
tamén que só con Zapatero se chegaron a conxelar.
No que respecta á desigualdade no
acceso aos servizos públicos, Feijóo lamentou que continúe a haber un
financiamento autonómico que esquece aos veciños dos pequenos concellos, que
foi o que pactou o PSOE cos independentistas cataláns. Polo que, agora que o
independentismo de Cataluña quere aínda máis, ten ao PSOE disposto a darllo
mentres segue discriminando ao rural galego. Nese senso, engadiu que cos
socialistas temos “menos Galicia e menos España” e incidiu na necesidade de ter
un goberno para todos os españois.
De igual xeito, apuntou que en España
segue a haber diferenzas en infraestruturas. De feito, destacou que Galicia leva
27 anos esperando por un AVE, mentres que en Andalucía chegou no 1992 e en
Cataluña, hai máis dunha década. Para Feijóo, este déficit non se arranxa cun Executivo
central que presuposta na nosa Comunidade un 30% menos e lle aumenta un 60% en
lugares onde xa teñen esas infraestruturas, senón que se acada “cun Goberno que
cre en Galicia e nunca un Goberno investiu tanto en Galicia como o PP”.
O PP, O ÚNICO QUE PROPÓN GOBERNAR
Durante a súa intervención, o
presidente sinalou que a importancia duns comicios non radica en derrotar ao
adversario ou en acadar máis escanos ou en que a combinación duns partidos ou
doutros dea unha maioría, senón en que, ao día seguinte das eleccións, “hai que
gobernar este país hai que ter ideas, proxecto, propostas, experiencia e
equipos”.
Segundo explicou, hai un PSOE que
prefire que non se fale disto porque quedan ao descuberto todas as súas
carencias, ao mesmo tempo que o resto de partidos non aportan solucións porque
o seu obxectivo só é influír ou mandar o máis posible pero non xestionar. Pola
contra, subliñou que só hai unha formación que, máis aló do ruído da campaña,
está propoñendo un goberno que goberne: o Partido Popular.
Recibirá resposta