Onte pola tarde o Partido Popular de Ourense, celebrou o seu mitin central de campaña nun ateigado
pavillón anexo de Os Remedios.
Interviñeron catro oradores, Jesús Vázquez, Ana Vázquez, Manuel
Baltar e Alberto Núñez Feijóo.
Na súa intervención, o presidente da xunta local de Ourense e candidato á alcaldía, Jesús Vázquez fixo unha emocionada mención ao acontencido esta madrugada nas termas da Chavasqueira, afirmando que “hoxe mesmo todas as administracións, Concello, Deputación e Xunta de Galicia, comezamos a sumar esforzos para iniciar a súa recuperación”.
No mitin central e no nome de todos os candidatos populares ourensáns interveu a cabeza de lista ao Congreso, Ana Vázquez, para quen as propostas específicas cara Ourense “demostran que o PP é o único partido que se preocupa polas singularidades de cada territorio, sabendo perfectamente o que compre facer desde o primeiro día de goberno”.
Un labor, dixo Vázquez, que ten entre as súas prioridades para Ourense un plan de desenvolvemento rural “que revitalice socioeconómicamente estas áreas, que garanta o relevo xeracional, con especial atención a mulleres e mozos, con máis e mellores accesos ás novas tecnoloxías, formación para unha mellor capacitación no sector agroalimentario ou axudas para vivenda das que se beneficiarían os mozos de municipios de menos de 5.000 habitantes”.
No día posterior ao segundo debate dos candidatos á presidencia do goberno de España, Vázquez tamén repasou a súa participación nos debates electorais provinciais, “onde só escoitei a palabra mentira como argumento para rebatir, inútilmente, os logros dos sete anos de goberno popular con Mariano Rajoy”, apelando a que non se perda ningún voto cara outras formacións, “posto que lle darían un escano máis a Sánchez e a Ourense catro anos menos de progreso no noso rural”.
O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, puxo en valor o compromiso do Partido Popular coa provincia, por se tratar “da única formación que concorre ás eleccións xerais incluíndo no seu programa medidas específicas para Ourense”, nomeadamente nos ámbitos da demografía, as infraestruturas de alta capacidade, o medio rural e o termalismo. Manuel Baltar defendeu así o voto “para un presidente de España que nos teña en conta” durante a súa intervención no mitin central que o PP celebrou esta tarde en Ourense e no que tamén participaron o presidente da xunta local e candidato á alcaldía, Jesús Vázquez, a cabeza de lista ao Congreso, Ana Vázquez, e o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó.
Comezou Manuel Baltar o seu discurso asegurando que o PP fai bandeira da colaboración institucional que debe presidir as relacións entre administracións, “o que demostrará unha vez máis cooperando a través da Deputación na recuperación de todo un emblema do termalismo na cidade e na provincia”, en referencia ao incendio que esta madrugada calcinou as termas da Chavasqueira. O termalismo, dixo o presidente provincial, “é unha poderosa riqueza que nos diferenza e singulariza, por iso o programa do PP “propón textualmente que consolidará a Ourense como a provincia termal de Europa”.
Entre as 500 medidas que formulan os populares, engadiu Baltar, tamén figura unha cita concreta ao papel que pode xogar a provincia como laboratorio demográfico, recollendo así “o noso compromiso de converter á Deputación no primeiro goberno provincial de España en contar cun área para o reto demográfico”.
Un capítulo directamente vinculado ao rural, onde tamén o programa do PP se compromete a colaborar e promover o Observatorio do Rural, unha iniciativa da Deputación, na que participa ademais a Universidade de Vigo, “para estudar mercados, a competitividade, perspectivas de emprego e proxectos de innovación nun ámbito que engloba ao 80 % do noso territorio”.
Un rural, dixo, “que tamén se vai beneficiar da aposta explícita de Pablo Casado por rematar a liña do AVE a Galicia e impulsar os proxectos das autovías A-56 a Lugo, e A-76 de conexión con Ponferrada, tal e como viñemos defendendo ao longo desta campaña en diversas ocasións”.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo subliñou, que ata os que teñen carné e cargos en Ciudadanos e VOX deberían votar ao Partido Popular no Senado para que haxa unha maioría que apoie o 155. Neste senso e segundo apuntou, os votos a estes partidos non rivalizan con Pedro Sánchez, senón que lle benefician.Advertiu que, do mesmo xeito que dividir o voto nas urnas para o Congreso é arriscado e prexudicial, dividilo para o Senado é directamente contraproducente. Tal e como explicou, se o voto de centro e dereita se divide en tres na Cámara Alta, Pedro Sánchez multiplicará por tres os seus senadores, é dicir, que “votar a Ciudadanos ou VOX é regalarlle senadores directamente a Pedro Sánchez”. Así, o líder do PPdeG sinalou que estas dúas formacións non falan con honestidade aos seus votantes, xa que non lles din que se non se vota aos candidatos do Partido Popular está en risco a maioría de centro-dereita na Cámara Alta: “Pedir o voto para o 155 e non pedilo para o PP é unha falacia, porque sen maioría non se poderá facer nada”.
Así mesmo, dixo que só hai un modo de evitar a un Pedro Sánchez que trata de ser presidente a toda costa: unindo o voto no Partido Popular; e que deste xeito, tamén, “teremos o Goberno que queremos os galegos e teremos un Goberno que queira aos galegos”. Por iso, avogou porque a maioría ampla de españois que quere responsabilidade, menos impostos, máis xestión, máis oportunidades e máis emprego e que prefire un Goberno que se deba a todos e non aos que queren que a España lle vaia mal, se una nas urnas: “Non sumemos máis incertezas dividíndonos, unámonos no valor seguro para España que é o Partido Popular”.
“PP SÓ HAI UN”
Por outra banda,
Feijóo referiuse aos debates para incidir en que, aínda que se celebren trinta máis,
nin os españois deixarán de recordar por que sempre rexeitaron a Pedro Sánchez
nas urnas; nin tampouco Pedro Sánchez nin Ciudadanos nin Podemos nin ningún
outro partido “acadará ter a solidez do proxecto, os equipos, a xestión, o
compromiso con Galicia e a folla de servizos a España que ten o Partido
Popular”, porque, tal e como sostivo, “PP só hai un”.
Para rematar, Feijóo
recalcou que o próximo domingo o voto ten que ser máis útil que nunca para que
haxa un partido e un presidente aos que lles importe Galicia e España.
Recibirá resposta