Baltar pediu aos veciños da capital que
aposten “polo diálogo, polo talante, pola educación e pola cooperación
institucional que avalan os gobernos provincial e autonómico con maiorías
absolutas”, en contraposición ao comportamento dos partidos da oposición na
corporación ourensá “que convertiron en infames estes anos de mandato”.
Como partido de goberno, dixo “os populares
demostramos ter altura de miras á hora de sacar adiante proxectos de enorme
importancia para os veciños de calquera concello, pero iso non foi posible na
cidade, onde só vimos mans en alto para votar en contra das grandes solucións
para Ourense, prevalecendo os intereses partidistas fronte ao interés xeral da
cidadanía”.
Cun goberno local forte e coa
institución provincial e maila administración autonómica como aliados, “os
ourensáns terán a cidade que merecen, innovadora, preparada para un fito
histórico como a chegada do AVE e destino turístico de primeira orde, co termalimso
como bandeira”. Nesta liña, engadiu, o Partido Popular ofrece unha
candidatura liderada por Jesús Vázquez, “que demostrou dabondo a súa capacidade
para procurar a cooperación das administración”, citando expresamente o único
comité permanente de cooperación existente en España entre unha capital de
provincia e a Deputación, “o que permitiu incluír ao Concello de Ourense no
plan provincial de obras, manter o Festival Internacional de Cine ou traer para
a cidade o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional”.
En clave de provincia e como candidato á presidencia da Deputación, Manuel
Baltar pediu o apoio dos ourensáns “para que o próximo domingo alcancemos os
obxectivos que nos propuximos ao inicio desta campaña, nun exercicio de
autoesixencia que non está ao alcance dos resto dos partidos”.
Así, Baltar aludiu ás 71 alcaldías que aspira a
conseguir o PP como récord histórico, unha porcentaxe de apoio electoral no
entorno do 50 % e manter a maioría absoluta na Deputación.
O voto ao Partido Popular o
próximo domingo “permitiranos escoller a os nosos alcaldes e alcaldesas, pero
tamén ao presidente da institución provincial”, subliñou, lembrando que a
fiabilidade do proxecto popular tamén está na única candidatura presentada á
presidencia da Deputación “e co único programa de goberno coñecido, o plan
72-73, que inclúe 124 medidas das que tamén se beneficiará a capital”.
Pechou o mitin i presidente do
PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que pediu a todos os que queren a Ourense que
voten a Jesús Vázquez, xa que os socialistas cambiaron de candidato para apoiar
a Jácome: “O próximo domingo, ou votamos ao mellor alcalde das cidades galegas
ou votamos á peor oposición”.
Tal e como
indicou, durante estes catro anos, os demais partidos non fixeron oposición ao
alcalde, senón á cidade. Por iso, pediu o apoio para o PPdeG e para o seu
candidato, para evitar así que a historia se repita. “Jesús Vázquez non é só o
candidato do PP, é o de todos os ourensáns que queren a Ourense”, salientou
Feijóo, quen subliñou que, durante este mandato, a urbe avanzou, a pesar dos
atrancos de quen fixo todo o posible para que quedara atrancada.
O líder do PPdeG
dixo que estas eleccións van máis aló de partidos, porque do que se trata é de
elixir entre dividir a cidade ou unila; entre a peor das políticas ou a
política con nobreza; entre os que miran para si e os que miran para Ourense;
os que boicotean o municipio e os que dan todo polos seus veciños; entre as
peores formas ou a disposición plena para os ourensáns; e entre parar ou seguir
avanzando. “Elíxese entre o pacto de Jácome co resto de partidos ou o pacto de
Jesús Vázquez cos ourensáns”, recalcou.
Por todo isto,
Feijóo sinalou que o 26 de maio é unha oportunidade para Ourense, para quitar
de en medio os obstáculos e para seguir avanzando con maior intensidade.
Ademais, incidiu en que a única forma de acadalo é cun apoio masivo ao
candidato popular.
Así, asegurou que non hai un só ourensán que se imaxine
a Jesús Vázquez coa actitude que tivo Democracia Ourensana, o PSOE, as Mareas,
o BNG e Ciudadanos por desestabilizar a cidade. Tal e como remarcou, o
candidato do PP sempre actúa con nobreza e lealdade e como un bo ourensán que
quere o mellor para a súa cidade e os que viven nela.
Nese senso, o
presidente recoñeceu sentirse “plenamente orgulloso” de Jesús Vázquez por ser
todo disposición e por poder confiar nel, porque sempre actúa buscando o
entendemento, por ser perseverante ante calquera dificultade e porque demostra
que para el, por riba de calquera outra cousa, está Ourense.
Ante os que nestes catro anos actuaron en contra da
cidade e só miraron para os seus intereses persoais, Feijóo destacou que
Vázquez estivo do lado de Ourense: actuando ao seu favor e mirando sempre polos
intereses dos veciños e da cidade. Igualmente, puxo en valor, a pesar do boicot
da oposición, o moito que se ten feito durante este mandato e que de ter unha
oposición responsable poderíase ter feito moito máis.
O líder dos populares galegos tamén manifestou que
o próximo domingo haberá moitas papeletas nos colexios electorais, pero só dúas
opcións de goberno: ou a división, a dispersión de forzas e un conxunto de
socios ou unha maioría ampla de veciños representados polo Partido Popular.
Tal e como admitiu, esta última opción só se logra
votando ao PP: “Hai moitas papeletas, pero só unha co logo da unidade, que é a
do Partido Popular”. Por iso, aseverou que calquera alternativa ao PP pasa pola
división, a imposición, o extremismo e o nacionalismo. Do mesmo xeito, precisou
que os candidatos do PPdeG non son nin recentemente chegados nin tampouco
oportunistas.