miércoles, 15 de mayo de 2019

Locais 2019: En San Cibrao, Feijóo pediu unir o voto no PP para que unha maioría teña alcaldes que se deban únicamente aos seus veciños e non aos seus socios


Asisto onte en Cruz de Rante, en San Cibrao das Viñas, a un mitin no que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo salientou que o candidato popular, Manuel Pedro Fernández, leva oito anos demostrando que sabe escoitar e solucionar os problemas: “Por iso é o mellor alcalde que pode ter San Cibrao para seguir crecendo, porque a traxectoria ascendente desde municipio non pode parar agora”.

Como sinalou, aínda hai moito que facer neste municipio ourensán, e só o PP pode garantir que isto suceda, lembrando que os populares van cumprir con obras clave como o enlace da A-52 co polígono industrial, na que a Xunta está a traballar a pleno rendemento e que estará lista nesta lexislatura; e con máis medidas para a conciliación da vida familiar e laboral, como as que incluirá a futura Lei de impulso demográfico.

Pediu unir o voto no Partido Popular para que unha maioría teña alcaldes que se deba unicamente aos seus veciños e non aos seus socios.

Por iso, fixo fincapé en non dividir o voto en diferentes partidos nin quedando na casa sen ir a votar, xa que de facelo perderán todos os veciños que preferían un alcalde do PP, en lugar do que saia da suma de nacionalistas, populistas e socialistas. 

Dixo que só hai unha maneira de gañar as eleccións e é unindo o voto no Partido Popular, para así ter, ademais, gobernos con programa e que crean na xestión. E é que, tal e como incidiu, votar ao PP é ter a certeza de que o voto acaba en gobernos que gobernen, unidos e comprometidos co seu concello.

O líder do PPdeG indicou que o resultado electoral do pasado 28 de abril non lle gustou a millóns de españois porque gañou un Goberno de España que non querían. Así, asegurou que a maioría dos votantes de Ciudadanos e Vox terían preferido un presidente do PP a un presidente do PSOE apoiado por Podemos e os nacionalistas, do mesmo xeito que preferían unha maioría do PP no Congreso e no Senado. Por iso, Feijóo incidiu en que a única fórmula de conseguir uns resultados electorais que satisfagan o próximo 26 de maio é unir o voto no Partido Popular e non deixar que o azar decida.

De cara as Municipais, Feijóo salientou que se pode cambiar o resultado do 28 de abril e convertelo en vitoria electoral. Subliñou que o próximo 26 de maio non se escolle simplemente un partido, unha ideoloxía ou unhas siglas, senón ao veciño que máis escoita e resolve, co que nos identificamos máis, o que nos representará mellor, o que ten máis proxectos e máis ganas para levalos adiante, que ten o equipo máis preparado e con máis capacidade para xestionar e gobernar.

“En definitiva, o veciño ao que lle deixaríamos a chave da nosa casa”, recalcou. Neste senso, subliñou que só hai un xeito para que o 27 de maio o alcalde do noso concello sexa do Partido Popular: votando directamente ao PP.

Pola súa parte o presidente provincial, Manuel Baltar pediu aos veciños dos tres  concellos que o día 26 de maio “acudades ás urnas coa papeleta do PP, que será a única formación capaz de ofrecervos gobernos estables como os que gozastes neste mandato e que souberon en todo momento aproveitar a colaboración institucional das administracións provincial e autonómica para desenvolver os seus proxectos”.