Asisto esta mañá na rúa do Paseo
ao acto no que o candidato á reelección á Alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez,
presentou o programa electoral do PP para as eleccións municipais.
Un proxecto que ten nas
persoas, na aposta polo emprendemento e as infraestruturas os seus tres
principais eixes de actuación. Vázquez Abad explicou que “son 48 propostas para un Ourense
do século XXI, con dez medidas estrela, pero tamén importantes proxectos e
sorpresas en materia de infraestruturas”,.
“Hoxe presentamos o mellor dos programas. Porque é o que da
respostas reais. Con proxectos con sentidiño para facer realidade ese Ourense
do século XXI que os ourensáns e as ourensáns precisan. Para que a cidade medre
sen que teñamos as mans atadas, coma nestes últimos catro anos, no que aínda
así conseguimos máis de 300 millóns de euros en investimentos”, sinalou o alcalde e candidato á reelección polo
PP.
Vázquez Abad enumerou as grandes
liñas do seu programa, que “estará centrado nas persoas” e
en darlle respostas ás súas necesidades cotiás. Pero que
tamén aposta por propostas para estimular a economía local,
como á redución ao máximo da presión fiscal sobre particulares e empresas, para
estimular o consumo e a creación de emprego.
Un proxecto que suporá un salto
definitivo na aposta polo termalismo, con novas dotacións no
corazón da cidade e a transformación das marxes do río Miño nunha zona termal,
deportiva, cultural e de lecer de referencia en España.
E sobre todo, un programa que
aposta por aprobar o PXOM antes de fin de 2019, no caso de contar co respaldo
da maioría. Porque o PXOM suporá unha inversión de 1.300 millóns de euros,
ademais de permitir a posta en marcha de ambiciosos proxectos en materia de
infraestruturas no corazón da cidade, nos barrios e no rural.
Asuntos Sociais.
O alcalde e candidato á
reelección abogou por un mandato de marcado carácter social, con propostas para
as familias, maiores, mulleres, inmigrantes e persoas con dependencia.
“Crearemos unha Concellería para as persoas con
discapacidade, para que teñan respostas efectivas ás súas necesidades e
ofrecerlle respaldo as súas familias”, dixo Vázquez Abad.
O candidato á reelección tamén
anunciou a posta en marcha un Plan de Inversión Social, de máis de 30
millóns de euros “co obxectivo dun 100% de cobertura á Dependencia”. De
feito, a Dependencia será un outro dos eixes de actuación en materia social,
con: novos programas de acompañamento; axudas para os coidadores; coa creación
dun Observatorio para as persoas que viven soas; e coa construción dunha nova
residencia pública de 120 prazas no Vinteún.
“Tamén reforzaremos o noso compromiso coas
familias monoparentais ou en risco de exclusión, impulsaremos a conciliación
laboral e familiar, e loitaremos contra a lacra da violencia de xénero e os
teitos de cristal que atopan as mulleres”, sinalou Vázquez
Abad.
En materia de Asuntos Sociais, o
programa tamén contempla unha oficina de asesoramento e acompañamento para os
inmigrantes que cheguen a Ourense, para axudarlles nas súas tramitacións e
asesorarlles no caso de que desexen poñer en marcha un negocio.
Promoción Económica, Emprego e Comercio
“Co apoio da maioría poñeremos en marcha
importantes medidas económicas para impulsar o crecemento da cidade, con
baixadas de impostos e de taxas municipais para axudar a aforrar aos veciños,
reducir a presión económica sobre os nosos emprendedores e promover a creación
de emprego”; dixo Jesús Vázquez.
A aposta porque as familias
atopen un emprego na nosa cidade realizarase a través dunha Estratexia de
Políticas Municipais de Emprego. Trátase dun proxecto que recuperará para o
mercado laboral aos maiores de 40 anos, ofrecéndolles formación específica para
os novos nichos de negocio dixital. Ademais impulsaranse cursos segundo
as necesidades propias do mercado e dos emprendedores de Ourense, para que o
alumnado remate con posibilidades reais de traballo.
Para revitalizar o Comercio Local
implantarase unha tarifa cero, para que os comercios que abran na Zona
Histórica non teñan que preocuparse polas taxas municipais durante o
primeiro ano de mandato. A redución de taxas no resto da cidade será do 50%.
Os parques industriais vivirán un
novo pulo con máis terreo e dotacións, cunha oficina do inversor para atraer
novos negocios e axilizar trámites e baixando os impostos as empresas que xeren
empregos.
Infraestruturas
“Ourense vivirá unha nova transformación para converterse na gran
capital que queremos que sexa”,
explicou Vázquez Abad, “cun PXOM que vai ser o motor económico da nosa cidade e
creará miles de empregos”.
Entre os puntos do programa
electoral en materia de infraestruturas o candidato á reelección á Alcaldía
referiu o Plan Integral de Humanización, por máis de 20 millóns de euros, “que
fará realidade as miles de aportacións veciñais ao Plan Móvete por Ourense”.
Seguirá a transformación da
cidade iniciada durante o primeiro mandato de Jesús Vázquez a través de
ambiciosos proxectos como a construción de novos parques inclusivos; un Plan de
Obras, de 25 millóns de euros e un Plan de Investimento específico para o
Rural, dotado de 15 millóns de euros.
Ourense será unha Cidade Verde,
coa implementación do Plan de Mobilidade, a través do Ecobarrio de A Ponte
(máis de 22 millóns de investimento) e coa construción de catro novos
aparcadoiros para disuadir do uso de vehículo no centro da cidade.
Administración local
“Este será o mandato no que acometeremos a baixada máis ambiciosa
dos impostos e taxas municipais. Porque sabemos que é o mellor xeito de
incentivar a inversión das familias, e para que moitas persoas se animen a
crear a súa propia empresa”,
incidiu Vázquez Abad.
Ademais, en materia de
Administración Local o programa contempla achegarse aos cidadáns coa apertura
de Oficinas de Atención nos barrios, que tamén permitirá reducir os prazos
administrativos.
Turismo e Termalismo
Entre os seus puntos máis
destacados o programa aposta por converter as marxes do Miño nunha gran
contorna termal e de ocio.Coa construción dun macro complexo na zona da
Chavasqueira, no espazo que hoxe ocupan o antigo matadoiro e o Parque de
bombeiros; a transformación do camping de Untes; a creación dun parque
para caravanas. Ademáis, a Cárcere Vella acollerá un moderno hotel balneario de
luxo.
O programa tamén impulsará as
dotacións sanitarias, a través da ampliación do Complexo Hospitalario
Universitario de Ourense (CHUO), que suporá un investimento de 64,4
millóns de euros e un novo Centro de Saúde no Vinteún.
En materia de Deportes, o proxecto
presentado por Jesús Vázquez contempla un novo Complexo Deportivo na Ponte,
unha Cidade Deportiva en Mariñamansa, e a transformación do Estadio do Couto
nun gran terreo de xogo, con campos de adestramento e aparcadoiro.
“Se Ourense quere, este plan ambicioso será posible. Cunha
Administración Local próxima e eficiente: que baixará a presión fiscal sobre a
cidadanía, que ofrecerá solución, que se achegará aos barrios e que apostará
polo diálogo para resolver problemas”, dixo Vázquez Abad.
Recibirá resposta