Asisto esta tarde á reunión do comité de dirección do PPdeG, presidida por Alberto Núñez Feijóo, onde foron analizados os resultados das eleccións xerais do pasado 28 de abril e abordamos todos os asuntos relacionados coa campaña das eleccións municipais e europeos do próximo 26 de maio.
O secretario xeral Miguel Tellado declarou: “É evidente que os resultados do pasado
domingo foron moi negativos e non nos escudamos en termos sido a Comunidade que
maior porcentaxe de voto ao PP tivo en toda España porque a este partido só lle
vale saír a gañar, entendemos que só desde a vitoria se poden construír
proxectos que lle dean estabilidade ás institucións e melloren a vida dos nosos
veciños”, recoñeceu ao tempo que precisaba que “ser demócrata vai de saber
gañar e de saber perder, de aceptar a confianza maioritaria do teu pobo cando a
tes, honrala e traballar por mantela, pero tamén de saber encaixar a derrota,
asumila e analizala para darlle a volta”.
“Este partido levou un golpe o pasado
domingo, pero é un golpe do que xa nos levantamos o luns”, aseverou manifestando
que aproveitarán estas semanas para explicar que o PP ten
un modelo de xestión para os 313 concellos de Galicia: “un modelo moderado,
reformista, con vocación goberno e de maiorías; centrado no crecemento
económico e na mellora dos servizos públicos; e que se basea en ofrecer
solucións alá onde outros só crean problemas”.
Por todo iso, o secretario xeral
salientou que deben convencer aos galegos de que son “o único partido
verdadeiramente útil para que non goberne a esquerda, o nacionalismo e o populismo
nos nosos concellos, xa que votar a outras formacións que din querer ser coma o
PP é a mellor maneira de gañe o PSOE, as Mareas de Podemos ou o BNG”.
De igual xeito, remarcou que Pedro
Sánchez ten sido unha ameaza para o emprego, para a industria e para a economía
de Galicia, algo que os populares denunciaron con gran intensidade, e avanzou
que seguirán velando polos intereses dos galegos e permanecerán vixiantes “ante
cada noticia que percibamos como negativa para eles, como levamos feito durante
todos estes anos”.